Resolución do 24 de novembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyResolución

No Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En execución da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, procede a través desta resolución establecer o marco normativo a que se deberán axustar no exercicio de 2011 as axudas e subvencións que posibiliten ás comunidades galegas doutras comunidades autónomas e do estranxeiro a adquisición, actualización, adaptación e modernización das súas infraestruturas e locais, co fin de optimizar a prestación de servizos asistenciais, sanitarios, sociais, culturais, deportivos etc. que estatutariamente lles son propios.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio; para a mellora de dotacións e equipamentos e para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos de bibliotecas.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, a que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º Convocatoria de subvencións e bases reguladoras.
  1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia non competitiva, aos programas de apoio infraestrutural -para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio; para a mellora de dotacións e equipamentos e para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos de bibliotecas-, en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011.

  2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3º Prazo de duración do procedemento de concesión.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º Imputación orzamentaria e tramitación anticipada.
  1. Para a concesión das axudas previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 900.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.781.0.-Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, podendo incrementarse a devandita contía de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

  2. Esta convocatoria tramítase anticipadamente, e, de acordo co establecido no artigo 25º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, faise constar que a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, será de aplicación todo o establecido ao respecto no devandito artigo 25º.

Artigo 5º Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011

Capítulo I

Disposicións comúns a todos os programas

Artigo 1º Obxecto das subvencións.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011: Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións; Programa B. Axudas a entidades asociativas de emigrantes galegos no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos; Programa C. Axudas para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos das bibliotecas pertencentes ás entidades galegas no exterior.

Artigo 2º Solicitudes.
  1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para cada programa se inclúe como anexo desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

A través do formulario proporcionáselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atoparse na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º Lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR