Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

O artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece, como competencia da comunidade autónoma, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

En desenvolvemento da citada competencia foise configurando a estrutura actual do sistema sanitario de Galicia, integrada polos centros e institucións sanitarias transferidos polas administracións públicas que anteriormente exercían a súa titularidade, e por aquelas institucións creadas pola Comunidade Autónoma de Galicia para dar a axeitada resposta á demanda das necesidades asistenciais da poboación. Todas elas integran o Sistema Nacional de Saúde de conformidade co previsto nos artigos 44 e 45 da Lei xeral de sanidade, como expresión do concepto integral do dereito universal á protección da saúde recollido no artigo 43 da Constitución.

Para a xestión das funcións e prestacións sanitarias, baixo a forma de empresas de titularidade pública ou fundacións públicas creáronse diversas institucións que foron adscritas á Consellería de Sanidade. Posteriormente transformáronse, na súa maioría, en fundacións sanitarias, ás cales se dotou de personalidade xurídica propia.

Da autonomía de xestión das citadas institucións constátase a existencia dunha diversidade no réxime de funcionamento, configuración dos cadros de persoal e o réxime de condicións de traballo do persoal, derivada dos criterios de xestión propios e dos acordos colectivos ou individuais entre as direccións dos centros e os seus traballadores.

O 22 de abril de 2002 asinouse o primeiro convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas. Co dito convenio unificábase o réxime de condicións de traballo do persoal do sector sanitario público de Galicia establecendo un marco común de condicións laborais.

O 21 de marzo de 2005 asinouse o segundo convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia xestionado por fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas. Este convenio estreitou as diferenzas relativas ás condicións de traballo entre o persoal do sector e o persoal estatutario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, co fin da progresiva homologación daquelas co réxime estatutario.

Na data do asinamento deste último convenio xa fora promulgada a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Na súa disposición adicional quinta, como corolario do principio de integración, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal de cada un dos centros, institucións ou servizos de saúde, e co fin de mellorar a eficacia na xestión, recóllese que as administracións sanitarias públicas poderán establecer procedementos para a integración directa, con carácter voluntario, na condición de persoal estatuario, na categoría e titulación equivalente de quen preste servizos en tales centros, institucións ou servizos coa condición de funcionario de carreira ou en virtude de contrato laboral fixo.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, modificou a redacción do artigo 72 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, sobre disposicións xerais sobre organización e funcionamento a cuxo teor: «1. A relación xurídica do persoal ao servizo das fundacións sanitarias poderá ser de natureza laboral, séndolle de aplicación o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou estatutaria, sen prexuízo da eventual adscrición de persoal funcionario ou estatutario do Servizo Galego de Saúde, cando as necesidades do servizo público sanitario así o requiran». Así mesmo, introduciu unha disposición adicional cuarta, sobre integración no réxime estatutario do persoal de fundacións públicas e sociedades públicas autonómicas do sector sanitario, pola que se autorizou o Consello da Xunta, dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes, «a adoptar as medidas tendentes á progresiva integración no réxime estatutario do persoal das fundacións públicas sanitarias constituídas pola comunidade autónoma e das sociedades públicas autonómicas do sector sanitario».

Este decreto vén dar virtualidade á citada cláusula establecendo as bases ás cales se suxeitarán os procesos que articulen a integración no réxime estatutario do persoal laboral do ámbito institucional anteriormente referido e que se especifica no seu propio articulado.

No substrato das ditas bases participan o criterio de integración voluntaria para o persoal laboral que teña a condición de fixeza nas ditas institucións; de tal xeito que o proceso de integración parte da expresión da vontade do traballador de incorporarse ao réxime estatutario.

Así mesmo, a homologación deberase producir nas condicións de traballo do réxime estatutario, de forma que os traballadores pasarán a participar dos dereitos e deberes do persoal estatutario en condicións de homoxeneidade para que o dereito de opción de integración sexa real e efectivo no eido estatutario, tendendo a evitar as discriminacións derivadas da existencia de réximes xurídicos distintos, eludindo a concorrencia de privilexios ou prexuízos pola pertenza a un ou a outro réxime xurídico.

O decreto posibilita a circulación e mobilidade dos profesionais entre as institucións do sistema sanitario de Galicia, promovendo o intercambio da bagaxe e a experiencia profesional, o achegamento ao lugar de residencia, a conciliación de vida laboral e familiar.

Con este decreto a oferta de emprego público será conxunta para todas as institucións do sistema sanitario de Galicia, en igualdade de condicións de acceso e de bases do procesos de selección de persoal.

Nun último termo permite a promoción e acceso á carreira profesional en igualdade de condicións para os traballadores das institucións do sistema sanitario de Galicia que se acollan ao réxime estatutario.

Este decreto encadra o seu ámbito de aplicación aos procesos de integración no réxime estatutario dos traballadores das institucións suxeitas ao vixente convenio colectivo de persoal laboral do sector sanitario de Galicia xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas e ao convenio do Centro de Transfusión de Galicia, con exclusión dos colectivos que non estean incluídos nos citados convenios.

Os procesos de integración articularanse mediante orde da Consellería de Sanidade en que se realizará a oferta de integración para cada institución cuxo contido mínimo vén detallado no texto do propio decreto.

O procedemento de integración iniciarase pola opción realizada, dentro do prazo, polo persoal fixo da institución que reúna os requisitos especificados no artigo 4º. A integración realizarase nas categorías estatutarias básicas de correspondencia en función da titulación do traballador e categoría profesional cuxa titularidade acredite como definitiva, pola superación dos procesos de selección regulamentariamente establecidos no seu momento. Para tal efecto, incorporaranse unhas táboas de homologación das categorías profesionais ás básicas estatutarias.

Así mesmo, para o caso daquelas categorías laborais que polo seu contido funcional ou polo réxime prestacional non teñen encaixe con algunhas das categorías estatutarias existentes, créanse categorías específicas que se incorporan ao réxime estatutario e, por tanto, ao seu elenco de dereitos e deberes.

Sen prexuízo da categoría na cal corresponda a integración como persoal estatutario fixo, o decreto prevé as situacións do persoal que estea a desempeñar postos de traballo doutra categoría aplicando unha solución de equivalencia coa existente para o persoal estatutario, mantendo a situación de servizos ata a cobertura do posto de traballo polos procedementos regulamentariamente establecidos.

Así mesmo, para acadar a homoxeneidade de réximes xurídicos, o tratamento da integración do persoal que desempeñe postos de traballo que supoñan o exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación ou singular responsabilidade remítese, como no réxime estatutario, ao Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

Como resultado da integración, o réxime xurídico do persoal será o integrado pola normativa aplicable ao persoal estatutario do Sergas e seguirá baixo a dependencia organizativa e funcional da institución en que desenvolva os seus servizos. Así mesmo, producirase a extinción do contrato de traballo como consecuencia da mudanza voluntaria do réxime da relación de servizos.

Así mesmo, o decreto prevé a incorporación ao réxime de carreira profesional vixente para o persoal estatutario, para os efectos da non-integración e o sistema de selección de persoal tanto fixo como temporal, ultimados os...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR