Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Rango de LeyDecreto

O lobo forma parte destacada do patrimonio natural e cultural de Galicia, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa ao gando. Ao respecto, débese ter en conta que, a pesar de tratarse dunha das especies listadas no Regulamento de caza e de non estar incluída actualmente no Catálogo galego de especies ameazadas, trátase dun gran predador que dá lugar a unha problemática social que pode derivar en problemas de conservación para a especie, polo que esta debe de ser obxecto dunha atención especial.

A poboación de lobos de Galicia pertence á poboación de lobo ibérico situada ao norte do río Douro, polo que está incluída no anexo VI (especies animais e vexetais de interese comunitario cuxa recollida na natureza e explotación poden ser obxecto de medidas de xestión) da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

O Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, inclúe no seu anexo IV o lobo entre as especies cazables no territorio da nosa comunidade autónoma. Non obstante o anterior, desde hai varios anos a orde anual que fixa os períodos hábiles de caza só autoriza a caza do lobo despois de constatar fidedignamente a existencia de danos e con plenas garantías de conservación da poboación desta especie.

Na actualidade, a xestión dos danos ocasionados polos lobos á gandaría ten a súa base legal na mencionada orde anual pola que se determinan as épocas hábiles de caza, que regula a caza por danos producidos polas especies cinexéticas e nas ordes anuais en que se establecen axudas económicas para previr e paliar os danos producidos polo lobo.

O modelo de xestión actual desta especie, se ben que soluciona certos problemas, non acaba de satisfacer todos os sectores implicados. Así, entre as principais carencias que se observan na actualidade está a necesidade de axustar os controis do lobo a unha planificación que garanta a conservación desta especie; a necesidade de aclarar o concepto de danos recorrentes que será determinante para a autorización destes controis; o fomento e posta en valor do interese turístico e económico que pode presentar esta especie contribuíndo ao aumento da tolerancia do mundo rural respecto do lobo; a implantación e o fomento de métodos de prevención así como a concesión de axudas para paliar os danos producidos polo lobo; a recuperación e valorización do patrimonio cultural asociado ao lobo; o aumento do grao de tolerancia e de coñecemento da realidade do lobo por parte da poboación, principalmente a que convive máis preto desta especie, a través da divulgación social e da educación ambiental; o fomento da investigación e do estudo sobre esta especie, en especial, sobre a súa distribución e parámetros poboacionais, a relación predador-presa, a predación sobre o gando e o seu hábitat.

O Plan de xestión do lobo en Galicia que se aproba con este decreto pretende poñer fin ás carencias anteriormente sinaladas, dando cumprimento, ademais, ás recomendacións do Comité Permanente do Consello de Berna respecto á necesidade de xestionar a especie de acordo cun plan de manexo e á Estratexia para a conservación e xestión do lobo en España, aprobada en Conferencia sectorial o 29 de xaneiro de 2005.

O artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva para ditar normas adicionais sobre a protección do ambiente. No exercicio desta competencia o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que ten por obxecto, consonte o sinalado no seu artigo 1, establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e da fauna silvestres, ademais da xea da Comunidade Autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como a súa preservación para xeracións futuras. O Plan de xestión do lobo en Galicia encádrase neste marco normativo e constitúe un instrumento fundamental para garantir a protección e a conservación desta especie no noso territorio.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º Aprobación do Plan de xestión do lobo en Galicia.

Apróbase o Plan de xestión do lobo en Galicia que vén recollido no Anexo.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación do Plan de xestión do lobo en Galicia esténdese a todo o territorio da nosa comunidade autónoma.

Artigo 3º Vixencia do plan.

O Plan de xestión do lobo en Galicia terá unha vixencia indefinida ata a consecución dos obxectivos fixados nel.

Artigo 4º Modificación do plan.

As modificacións do Plan de xestión do lobo en Galicia levaranse a cabo mediante decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO

Plan de xestión do lobo en Galicia

Capítulo I

Diagnóstico

Punto 1.-Distribución e poboación.

Segundo os estudos realizados entre os anos 1999 e 2003 a presenza do lobo en Galicia é ampla, ocupa a maior parte do noso territorio e está presente mesmo en zonas moi humanizadas. Aínda que o lobo parece faltar nalgunhas zonas do litoral galego, como serían o extremo suroeste, na costa centro-norte da provincia da Coruña e na parte oriental da costa lucense, non se identifican fenómenos de fragmentación das poboacións, e constátase a existencia dunha poboación de lobos continua ao longo da súa área de distribución. Ademais disto, a poboación de lobos galega non está illada do resto das poboacións ibéricas da especie, xa que presenta continuidade cos lobos de Asturias, Castela e León e Portugal.

Segundo estes estudos constatouse a presenza segura de 60 mandas de lobos no noso territorio, estimándose como probable a existencia de 8 mandas máis, o cal suporía a existencia dun número de exemplares desta especie no noso territorio que se situaría entre 420 e 625 lobos en Galicia. Isto supón que a densidade desta especie no noso territorio se atoparía entre 1,68 a 2,49 individuos por cada cen quilómetros cadrados, con densidades importantes ao longo de toda a dorsal galega, no norte de Pontevedra e no sur de Ourense. Porén, estes datos deben ser tomados con cautela debido á complexidade que supón calcular o tamaño real da poboación de lobos en Galicia e polo feito de que estes datos foron recollidos inmediatamente despois da época de reprodución do lobo, coincidindo polo tanto co período en que a poboación desta especie se atopa no seu nivel máis alto.

Punto 2.-Causas de mortalidade.

Entre as causas de mortalidade desta especie, os estudos realizados revelan que unha alta porcentaxe das mortes dos lobos, ao redor do 20% durante o período 1999-2003, veñen producidas por accións ilegais do ser humano, aínda que probablemente esta porcentaxe sexa maior debido á dificultade que existe para detectar os exemplares mortos a causa deste tipo de mortalidade. Desta porcentaxe, os lobos mortos por envelenamento representan un 6%, porcentaxe que pode ser moito maior por esta circunstancia.

Respecto a outras causas de mortalidade que teñen unha orixe antrópica, hai que salientar as mortes producidas por atropelo, as cales supoñen o 64% das mortes desta especie. Pola contra, as mortes de lobos producidas pola realización de batidas debidamente autorizadas son moi pouco significativas, acadando un total de tres lobos mortos por esta causa no período 2004-2007.

Punto 3.-Conflitividade.

Os danos ao gando ocasionados polo lobo reflíctense en toda a súa área de distribución. A media anual de reses afectadas na actualidade acada unha media de 159 vacas/ano, 1.112 ovellas/ano, 113 cabras/ano e 26 cabalos/ano no período 2006-07. A distribución temporal dos danos mostra que no mes de decembro e na primavera é cando máis expedientes de vacún se solicitan, mentres que para o gando ovino solicítanse unha maior cantidade de expedientes en agosto, setembro e outubro. É conveniente recalcar que estes datos dependen do número de solicitudes presentadas, polo que esta información debe entenderse máis como un indicador da alarma social que dos danos que realmente ocasionan os lobos.

Capítulo II

Finalidade e obxectivos

Punto 4.-Finalidade.

A finalidade do Plan de xestión do lobo en Galicia é garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable do lobo en Galicia e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandaría extensiva e coa...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR