Decreto 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, encomenda aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria, no seu número 23º, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais (DOG nº 76, do 23 de abril), que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. No seu artigo terceiro, a devandita lei define os principios inspiradores do sistema de servizos sociais, entre os cales se contemplan o de responsabilidade pública e o de normalización e integración.

Igualmente, a citada Lei 4/1993, do 14 de abril, inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación, as dirixidas ás minusvalideces, á vellez e á comunidade en xeral, ademais de establecer, no seu artigo 13, como programas propios dos servizos sociais de aténción especializada na área de actuación das minusvalideces, entre outros, a supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e do transporte, ademais das axudas técnicas e cantos outros sexan favorecedores da súa autonomía persoal e integración social.

Por outra banda, nos últimos anos téñense ditado diferentes disposicións legais no ámbito estatal e autonómico sobre a eliminación de toda clase de barreiras físicas a fin de promover a accesibilidade e a utilización dos espazos públicos por parte de todas as persoas con discapacidade e poder mellorar así a súa calidade de vida. Así, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e en virtude da antedita atribución estatutaria, ditouse a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 166, do 29 de setembro) posteriormente desenvolvida mediante Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro (DOG nº 41, do 29 de febreiro).

Non obstante, a eliminación de barreiras debe complementarse coa adopción de políticas avanzadas e coa realización de actuacións que promovan que a mobilidade do colectivo de persoas dependentes se faga en condicións de máxima seguranza e conte coa presenza no desprazamento dun/ha monitor/a acompañante que facilite a súa autonomía e desenvolvemento persoal.

O compromiso dos poderes públicos na procura da igualdade real das persoas con discapacidade e dependentes exixe para a súa realización o desenvolvemento de accións concretas que propicien unha política efectiva de integración social.

Neste contexto, resulta oportuno ditar as disposicións específicas que faciliten a mobilidade das persoas discapacitadas e dependentes, mediante o establecemento dunha rede pública de servizos de apoio á mobilidade persoal con presenza dun/ha monitor/a como unha prestación do sistema galego de servizos sociais, finalidade esta que se atopa dentro da área competencial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade coas previsións contidas no Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ao corresponder ao citado departamento da Administración autonómica, entre outras competencias e funcións, o deseño, coordinación, avaliación e xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar, incluíndo as políticas de inclusión social e aténción ás persoas con discapacidade e persoas maiores.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN E OBXECTIVOS

Artigo 1º Obxecto.
  1. Esta disposición ten por obxecto regular o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, a definición da súa natureza e características, así como a determinación dos requisitos e do procedemento que permitan o acceso ao seu uso.

  2. Para os efectos desta disposición, o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes terá a consideración de servizo publico de carácter social de axuda ao desprazamento programado e non urxente das persoas que reúnan os requisitos expresados neste decreto que, a través dunha rede de responsabilidade pública, se efectúe, en condicións de máxima seguranza, cos medios necesarios e coa presenza dun/ha monitor/a acompañante.

Artigo 2º Ámbito de aplicación subxectivo.
  1. Poderán ser usuarios/as do servizo as persoas residentes en Galicia que, atopándose nalgunha das situacións que deseguido se indican, teñan recoñecida a imposibilidade de utilización de transportes colectivos de uso xeral.

    As situacións que habilitan para solicitar o recoñecemento da condición de usuario/a do servizo son:

    1. Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos conforme a normativa que sexa de aplicación.

    2. Ter recoñecido, conforme a normativa aplicable, un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65%.

  2. O recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes efectuarase tras a tramitación do procedemento correspondente que se especifica no artigo 6º.

Artigo 3º Obxectivos.
  1. O establecemento deste servizo ten como obxectivo xeral o de normalizar as condicións de vida, favorecer a autonomía persoal e facilitar a integración social das persoas usuarias.

  2. Serán obxectivos específicos desta prestación:

  1. Poñer á disposición das persoas con discapacidade e/ou dependentes que teñan dificultades de mobilidade os medios axeitados ás súas necesidades, que lles faciliten a dita mobilidade.

  2. Garantir o acceso, en condicións de igualdade efectiva, das persoas con discapacidade e/ou dependentes aos servizos esenciais, favorecendo así a súa comunicación e participación no seu contorno habitual.

  3. Dispoñer de recursos para a normalización da realización das actividades instrumentais e básicas da vida diaria por parte das persoas con discapacidade e/ou...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR