Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES
Rango de LeyDecreto

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, crea a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística como instrumento fundamental para velar pola utilización racional do solo conforme o disposto no ordenamento urbanístico.

A natureza, réxime xurídico, competencias e órganos directivos da Axencia veñen establecidos no artigo 226 da citada Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignen os seus estatutos.

De conformidade co establecido no artigo 226.3º da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o proxecto de estatutos foi sometido á audiencia dos concellos e ao ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e do Consello Consultivo de Galicia, correspondéndolle ao Consello da Xunta de Galicia a súa aprobación definitiva mediante decreto autonómico, que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobar definitivamente os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que se incorporan como anexo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias en materia de disciplina urbanística e de protección do litoral que están actualmente atribuídas á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes pasarán a ser exercidas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no momento da súa entrada en funcionamento, pasando a depender a Subdirección de Disciplina e Informes e os servizos provinciais de protección do litoral, que figuran adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, coa dotación orzamentaria, de persoal, de medios e de material de que dispoñen.

Segunda.-O Consello da Xunta de Galicia manterá a competencia para resolver os expedientes sancionadores tramitados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística segundo o establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou na Lei 22/1988, de costas, no caso de que o/a instrutor/a propoña a imposición de sanción por contía superior a 600.000 euros.

Disposicións transitorias

Primeira.-O consello executivo da Axencia deberá quedar constituído no prazo de tres meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto. En canto non se constitúa, as funcións do consello executivo serán exercidas pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Segunda.-A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística quedará efectivamente constituída na data de entrada en vigor deste decreto, e iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas desde o momento do nomeamento do seu director.

Os expedientes administrativos relativos ás funcións relacionadas no artigo 3 dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que se atopasen en tramitación o día da data de entrada en funcionamento da Axencia, serán resoltos polo órgano competente da Axencia, segundo o previsto no seus estatutos.

Os recursos administrativos interpostos contra as resolucións ditadas con anterioridade á data de entrada en funcionamento da Axencia serán resoltos pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO

Estatutos da Axencia de Protección

da Legalidade Urbanística

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Natureza.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignen estes estatutos.

Artigo 2º Fins.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ten por finalidade esencial velar pola utilización racional do solo conforme o disposto na normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 3º Funcións.

Son funcións da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística:

  1. A inspección e vixilancia urbanística sobre os actos de edificación e uso do solo.

  2. A adopción das medidas cautelares previstas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en especial as de suspensión dos actos de edificación e uso do solo que se realicen en solo rústico sen a preceptiva autorización autonómica ou incumprindo as condicións da autorización outorgada.

  3. A instrución dos expedientes de reposición da legalidade e dos expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas, cando a competencia para a súa resolución lle corresponda á comunidade autónoma.

  4. A formulación ás distintas administracións de toda clase de solicitudes que...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR