DECRETO 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Rango de LeyDecreto

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 34 autoriza a Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais, adscrita a consellería con competencias en materia de servizos sociais, como entidade instrumental de dereito público, dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no marco do cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas de servizos sociais, no ámbito das súas competencias.

Esta axencia ten como funcións, de conformidade co artigo 36 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, acadar un aproveitamento óptimo, así como racionalizar o emprego dos recursos dedicados aos servizos sociais, asegurando o maior nivel de eficacia e eficiencia na súa xestión e prestación; velar pola plena efectividade do principio de responsabilidade pública na prestación dos servizos sociais; xestionar equipamentos, prestacións económicas, programas e servizos sociais de competencia autonómica, así como coordinar o exercicio das actuacións públicas e privadas en materia de servizos sociais, promovendo o establecemento de convenios, concertos ou calquera outra fórmula de coordinación ou cooperación que permita unha utilización óptima e racional dos recursos.

Conforme o disposto no número 3 do artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, despois da autorización legal de creación duna axencia, debe procederse á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda.

A constitución e o funcionamento da Axencia rexerase e desenvolverase segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Por outra banda, con data do 27 de xaneiro de 2014 publícase a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, aprobada polo Parlamento de Galicia. Na dita lei, na súa disposición adicional décima sobre a racionalización de medios das administracións públicas para a prestación de servizos sociais e na súa disposición adicional décimo primeira sobre a garantía na continuidade na prestación de servizos pola Axencia Galega de Servizos Sociais, establece o principio de colaboración interadministrativa que fundamenta a actuación desta axencia que se crea, co fin de asegurar a calidade e cobertura equilibrada do servizos sociais comunitarios específicos.

De acordo coa dita previsión legal, o presente decreto ten por obxecto a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e a aprobación dos seus estatutos.

O decreto consta dun artigo único, once disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras, e insírense no anexo os estatutos da Axencia, adaptados ao titulo III da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

En primeiro lugar, disponse a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e apróbanse os estatutos contidos no anexo.

A disposición adicional primeira refírese á constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais, momento coincidente coa realización da sesión constitutiva do seu consello reitor e netamente separado da creación da Axencia, unida á aprobación dos seus estatutos, e da súa posta en funcionamento efectivo, ligada á xestión do seu orzamento e ao normal desenvolvemento dos seus servizos comúns.

A disposición adicional segunda ocúpase da xestión dos centros previamente xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar.

A disposición adicional terceira e quinta tratan da adscrición de unidades e postos da Dirección Xeral de Familia e Inclusión e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar respectivamente.

As disposicións adicionais cuarta, sexta e sétima tratan diferentes aspectos relacionados coa incorporación do persoal.

Na disposición adicional oitava establécense as previsións necesarias para a racionalización dos medios humanos ao servizo da Axencia Galega de Servizos Sociais.

Na disposición adicional novena establécese o prazo para a aprobación da proposta do primeiro contrato plurianual de xestión, na disposición adicional décima, o prazo para a realización do primeiro inventario de bens da Axencia e na disposición adicional décimo primeira recóllese como principio reitor do funcionamento da Axencia a perspectiva e igualdade de xénero.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período necesario para culminar o cambio de modelo organizativo de axencia en materia de servizos comúns, de subsistencia temporal dos órganos directivos actuais ata o nomeamento dos da nova axencia, da relación de postos de traballo, a selección de persoal temporal, o réxime transitorio dos procedementos e a referencia ao primeiro exercicio económico.

Tras a disposición derrogatoria modifícase o artigo 3 e a letra a) do apartado primeiro do artigo 29 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar a través da disposición derradeira primeira e establécese a habilitación normativa e a entrada en vigor na segunda e terceira respectivamente.

Os estatutos recollidos no anexo están organizados en corenta e tres artigos.

O título primeiro dos estatutos, dedicado á natureza, réxime xurídico e funcións da Axencia Galega de Servizos Sociais, divídese en dous capítulos. No capítulo primeiro efectúase o tratamento da natureza da Axencia coma entidade pública instrumental e determínanse os seus fins e competencias, así como o réxime xurídico aplicable. Pola súa banda, no capítulo segundo realízase unha previsión da sede da entidade, que estará en Santiago de Compostela.

O título segundo contén a regulación da organización e funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais. Este título divídese, pola súa vez, en tres capítulos. No capítulo primeiro efectúase unha previsión xeral de cada un dos órganos da entidade pública instrumental, distinguindo entre órganos de goberno, órganos de dirección e xestión, órganos de control e de apoio e asesoramento. No capítulo segundo detállase a estrutura definida no capítulo primeiro. Na sección primeira defínense os órganos de goberno, distinguindo entre un órgano colexiado (o Consello Reitor) e un órgano unipersoal (a presidenta ou o presidente da Axencia). Na sección segunda atópanse previstos os órganos de dirección e xestión, que están constituídos pola Dirección e a Xerencia, e defínese a estrutura interna da Axencia co detalle das xefaturas de área e departamento que a integrarán. Na sección terceira regúlase a Comisión de Control como órgano de control da Axencia. Finalmente, no capítulo terceiro regúlase a xestión transparente e por obxectivos da Axencia, onde se establecen os principios xerais de actuación do ente, a configuración e o contido xeral do contrato de xestión como documento esencial polo que se rexerá a actuación da entidade, así como diversos documentos (plan anual de acción, informe de actividade e contas anuais) que deben ser elaborados pola persoa titular da Dirección para a súa remisión ao Consello Reitor.

No título terceiro regúlase o persoal da Axencia Galega de Servizos Sociais, que poderá ter a condición de funcionario e laboral.

O título cuarto aborda o réxime patrimonial, económico, financeiro e de control e contabilidade pública da entidade, e divídese en catro capítulos. No capítulo primeiro determínanse os bens e dereitos da Axencia, de conformidade coa lexislación autonómica en materia de patrimonio. No capítulo segundo faise unha previsión dos recursos económicos da Axencia. O capítulo terceiro detalla o réxime económico, financeiro, de control interno e de contabilidade pública aplicable á entidade, de conformidade coas previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. E, finalmente, no capítulo cuarto prevese o réxime de contratación da Axencia, que quedará sometida ás...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR