DECRETO 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia cando dispón que:

1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público

.

Mediante o presente decreto procédese ao desenvolvemento da autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

Desde a procura da eficiencia na prestación dos servizos públicos e a convicción da importancia estratéxica das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento de crecemento económico e desenvolvemento social, xorde a necesidade de constituír unha entidade única de xestión das tecnoloxías da información e comunicación (en diante TIC) de carácter público, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que aglutine as competencias que na actualidade corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e que concentre os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás actuais estruturas TIC dispersas no sector público autonómico.

O modelo de entidade instrumental elixido, o de axencia, é sen dúbida o que mellor se adapta ás necesidades de eficacia e racionalización propostas, xa que permitirá xestionar as iniciativas e actuacións que sobre tecnoloxías da información se desenvolvan no sector público autonómico, así como proporcionar un novo modelo de xestión das TIC para a Administración autonómica máis eficaz e eficiente.

Os obxectivos básicos a que debe dar cumprimento a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acadaranse mediante a prosecución dos seguintes obxectivos específicos:

  1. Favorecer a prestación dun modelo de servizos flexible e o principio de responsabilización pola xestión.

  2. Optimizar o rendemento da entidade, demostrando que a austeridade non está rifada coa eficacia e a responsabilización por obxectivos.

  3. Promover a participación e colaboración do ámbito privado, tanto empresarial como de entidades que dan soporte á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

  4. Asegurar a posibilidade de participación das consellerías con iniciativas no ámbito tecnolóxico, para corresponsabilizar e aliñar esforzos de todo o Goberno e a administración da comunidade autónoma. Isto tradúcese principalmente na participación daquelas no futuro Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O proceso é gradual e comeza co presente acto de creación da entidade instrumental e aprobación dos seus estatutos. Ao longo, entón, da execución do seu primeiro contrato de xestión, prevese a incorporación paulatina dos departamentos TIC repartidos horizontalmente na Xunta de Galicia, así como o despregamento efectivo de todas as competencias de planificación, ordenación, xestión e supervisión TIC de todo o sector público autonómico galego.

A estrutura desta norma é sinxela. Constando de seis artigos, as correspondentes disposicións complementarias e un anexo cos estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia . En primeiro lugar disponse a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, establécense os seus obxectivos xerais e apróbanse os estatutos contidos no anexo.

Polo que se refire á adscrición do novo ente, o presente decreto ocúpase de desenvolver as consecuencias da adscrición á Presidencia da Xunta de Galicia prevista na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En efecto, debe destacarse que, a pesar da referencia contida na disposición adicional citada, a lei se refírese en diversas ocasións ao longo do seu articulado ás competencias da consellería de adscrición (por exemplo, para os efectos da elevación a través dela de determinadas decisións ao Consello da Xunta de Galicia), sen regular, polo tanto, as consecuencias dunha eventual adscrición á Presidencia da Xunta de Galicia. Tratándose dunha cuestión organizativa, este decreto desenvolve e aclara este suposto, partindo da base da específica posición legal e institucional da Presidencia da Xunta de Galicia, de acordo coa regulación contida na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Deste modo, o decreto aclara as facultades que lle corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza seguindo o modelo disposto no artigo 96 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os consorcios autonómicos que vaian quedar adscritos a un órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, no senso de entender que a adscrición indicada ao dito órgano non obsta para o desenvolvemento de determinadas competencias pola consellería que corresponda. Este esquema non se encontra afastado do previsto no artigo 26.5 do mesmo corpo legal para o caso das secretarías xerais dependentes directamente da Presidencia, caso en que se distingue entre unha dependencia funcional a esta e unha dependencia orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debido sempre á posición xurídica e institucional, xa aludida, da Presidencia da Xunta de Galicia.

De todos modos, cómpre subliñar que a adscrición a un órgano da Administración xeral non é máis que unha manifestación da relación de dependencia que une ás entidades instrumentais coa súa administración matriz. O presente decreto reserva a manifestación máis intensa desa dependencia á Presidencia da Xunta de Galicia dado que recolle que a presidencia da propia axencia corresponde á persoa titular da Presidencia de la Xunta de Galicia, todo isto sen prexuízo de novo do apoio da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza en determinadas funcións.

Así mesmo, cómpre poñer de manifesto que as funcións que desenvolva a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza se realizarán baixo a dirección do presidente da Xunta de Galicia.

Para o goberno máis áxil dos asuntos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o decreto tamén desconcentra outras competencias na Dirección da Axencia.

Noutro plano, o decreto prevé o principio de dependencia funcional das unidades TIC da Xunta, que xa se achaba plasmado na organización da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e establece unha serie de regras transitorias para a tramitación de asuntos durante a transición cara á nova figura organizativa.

Esta transición, de acordo coa previsión do presente decreto, acharase completada nun prazo máximo de catro anos, cando finalice a adscrición á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dos servizos, recursos económicos e persoal TIC das distintas consellerías e entidades integrantes do sector público autonómico.

Así mesmo, determínase tanto a subrogación xurídica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na posición da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica coa valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan, como a previsión da adscrición do persoal (principalmente, o que figura na relación de postos de traballo da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica), coa expresa aclaración de que estes...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR