Real decreto 553/2006, do 5 de maio, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao Instituto Social da Mariña.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorMINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
Rango de LeyReal Decreto

A Constitución, no artigo 149.1, 17ª, atribúelle ao Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servizos por parte das comunidades autónomas.

O artigo 149.1.13ª da Constitución reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre as bases e a coordinación da planificación xeral da actividade económica, establecendo na disposición 7ª do mes

mo artigo 149.1. que o Estado ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral sen prexuízo da súa execución por parte dos órganos das comunidades autónomas.

No artigo 149.1.30ª da Constitución establécese a competencia exclusiva do Estado sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución; este artigo recoñece o papel dos poderes públicos en canto a programación xeral do ensino, inspección e homologación do sistema educativo, para garantir o cumprimento das leis.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 33.2 que, en materia de seguridade social, lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, salvo as normas que configuran o seu réxime económico. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da caixa única.

O artigo 29.1 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que nese ámbito e no nivel de execución posúe actualmente o Estado, respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste. Por outra parte, o artigo 31 do referido Estatuto de autonomía establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan; das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

O Real decreto 1414/1981, do 3 de xullo, polo que se reestrutura o Instituto Social da Mariña, regula a estrutura e funcións do Instituto, adscrito ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, e dotado de personalidade xurídica.

O Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, establece que o Instituto Social da Mariña continuará levando a cabo as funcións e servizos que ten encomendados en relación coa xestión do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, sen prexuízo dos demais que lle atribúen as súas leis reguladoras e outras disposicións vixentes na materia.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan a forma e condicións a que se axustarán os traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta Comisión adoptou, na súa reunión do día 17 de abril de 2006, o oportuno acordo, cuxa virtualidade práctica exixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia por proposta do ministro de Administracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día cinco de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo Pleno da dita Comisión na súa sesión do día 17 de abril de 2006, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional dos traballadores do mar, encomendados ao Instituto Social da Mariña, e que se transcribe como anexo ao presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos, así como os bens, dereitos e obrigas, e medios persoais que figuran nas relacións adxuntas ao propio acordo da Comisión Mixta, nos termos e condicións que alí se especifican, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso ao que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da mencionada Comisión Mixta, sen prexuízo de que o Instituto Social da Mariña ou demais órganos competentes produzan, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servizos no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinan, de conformidade coa relación número 3 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financiar o custo dos servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que sexan remitidos ao departamento citado, por parte do Instituto Social da Mariña, os certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ao disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Dado en Madrid o cinco de maio de dous mil seis.

Juan Carlos R.

Jordi Sevilla Segura

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Carlos José Ortega Camilo e Antonio Losada Trabada, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da Comisión Mixta, celebrado o día 17 de abril de 2006, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional, encomendados ao Instituto Social da Mariña (ISM), nos termos que a continuación se expresan:

  1. Normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara o traspaso.

    A Constitución, no artigo 149.1, 17ª, atribúelle ao Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos servizos por parte das comunidades autónomas.

    Así mesmo, o artigo 149.1.13ª da Constitución reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre as bases e a coordinación da planificación xeral da actividade económica, establecendo no mesmo artigo 149.1.7ª que o Estado ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral sen prexuízo da súa execución por parte dos órganos das comunidades autónomas.

    No artigo 149.1.30ª da Constitución establécese a competencia exclusiva do Estado sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución; este artigo recoñece o papel dos poderes públicos en canto a programación xeral do ensino, inspección e homologación do sistema educativo, para garantir o cumprimento das leis.

    O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 33.2 que, en materia de seguridade social, lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e da execución da lexislación básica do Estado, salvo as normas que configuran o seu réxime económico. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da caixa única.

    Así mesmo, o artigo 29.1 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación

    do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que neste ámbito e no nivel de execución ten actualmente o Estado, respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste. Por outra parte, o artigo 31 do propio Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan; das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

    O Real decreto 1414/1981, do 3 de xullo, polo que se restrutura o Instituto Social da Mariña, regula a estrutura e funcións do Instituto, adscrito ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, e dotado de personalidade xurídica.

    O Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social, establece que o Instituto Social da Mariña continuará levando a cabo as funcións e servizos que ten encomendados en relación coa xestión do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, sen prexuízo dos demais que lle atribúen as súas leis reguladoras e outras disposicións vixentes na materia.

    Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan a forma e condicións a que teñen que axustarse os traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

    Sobre a base das anteriores previsións normativas, procede que a Comunidade Autónoma de Galicia faga efectivas as súas competencias en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendadas ao Instituto Social da Mariña, polo que se procede a realizar traspasos de funcións e servizos de tal índole a esta.

  2. Funcións que asume a Comunidade Autónoma e identificación dos servizos que se traspasan.

    1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do seu ámbito territorial, as funcións e servizos que vén realizando o Instituto Social da Mariña en materia educativa, establecidas no artigo segundo, punto 6º, do Real decreto 1414/1981, do 3 de xullo, polo que se restrutura o Instituto Social da Mariña.

      Así mesmo, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do seu ámbito territorial, as funcións que vén executando o Instituto Social da Mariña en materia de emprego (inscrición de demandantes, renovación de demandas, xestión de ofertas de traballo, rexistro de contratos, orientación profesional), e formación profesional ocupacional.

      Corresponderalle, tamén, á Comunidade Autónoma de Galicia a contratación, xestión, actualización e resolución dos acordos con entidades e institucións que presten servizos na Comunidade Autónoma.

      A partir da efectividade do traspaso destas funcións, a Comunidade Autónoma de Galicia subrogarase nos acordos en vigor entre o Instituto Social da Mariña e outros organismos e entidades, ata a súa extinción.

      As funcións e servizos que se traspasan por este acordo suxeitaranse á lexislación básica do Estado no relativo á determinación dos beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora e réximes económico-financeiro e económico-administrativo.

      A Comunidade Autónoma de Galicia, respecto do colectivo marítimo-pesqueiro, suxeitarase no exercicio das funcións transferidas ás obrigas internacionais asumidas polo Estado español.

    2. Para a efectividade das funcións relacionadas, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, receptora destas, os servizos e institucións do seu ámbito territorial que se detallan nas relacións anexas ao acordo.

  3. Funcións que reserva para si a Administración do Estado.

    A Administración do Estado seguirá exercendo as seguintes funcións:

    Promover, en colaboración co Instituto Nacional de Emprego, cantas accións competen a este, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, cando se refiran aos traballadores do mar.

    A elaboración de estatísticas de formación profesional ocupacional marítima para fins estatais.

    As que se desenvolvan a través dos actuais centros de formación marítima que teñen asignados obxectivos especiais de investigación e de formación especializada nos ámbitos nacional e internacional.

    A atención aos mariñeiros emigrantes en buques estranxeiros e plataformas petrolíferas, tanto no momento da súa contratación como durante a realización do seu traballo e posterior repatriación.

    A xestión e impartición da formación profesional continua marítima dirixida á consecución de certificados exixidos para a navegación dos traballadores do mar, á seguridade marítima e á formación sanitaria.

    A titularidade e xestión do Centro Nacional de Formación Marítima de Bamio, sito en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

    As relacións internacionais vencelladas a estas materias.

  4. Funcións en que teñen que concorrer a Administración do Estado e a da Comunidade Autónoma.

    Desenvolveranse coordinadamente entre o Instituto Social da Marina e a Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes funcións:

    1. O intercambio de información e asistencia, así como o asesoramento e cooperación con carácter permanente nas materias que son obxecto deste traspaso, conforme os termos que se especifiquen mediante convenio entre ambas as dúas administracións. Respecto ao mercado de traballo, o intercambio de información e a cooperación permanentes orientaranse a un mellor coñecemento do mercado

      de traballo que garanta a compensación de ofertas e demandas entre oficinas, os principios de igualdade de dereitos, libre circulación, non discriminación e traballo en todo o territorio nacional para os traballadores do mar.

      O rexistro e tratamento da información derivada das actuacións relativas ás funcións de intermediación no mercado de traballo, garantirá en todo caso a transparencia e accesibilidade a ela do Sistema Público de Emprego dos traballadores do mar.

    2. Co obxecto de garantir o actual nivel de utilización das estatísticas para fins estatais, a Comunidade Autónoma de Galicia facilitará ao ISM información que lle permita a elaboración da estatística sobre o exercicio das funcións transferidas, seguindo as definicións actuais ou as que, de ser o caso, se establezan no convenio a que se refire a letra a) deste punto, de forma que quede garantida a súa coordinación e integración co resto da información estatística de ámbito estatal. Pola súa parte, o ISM facilitará á Comunidade Autónoma de Galicia a información elaborada sobre as mesmas materias.

    3. O desenvolvemento dos programas de informática de proxección estatal e o acceso á información derivada deles.

    4. O Instituto Social da Mariña, a través dos seus actuais centros nacionais de formación marítima, ou daqueles que teñen asignados obxectivos especiais de investigación e de formación especializada de ámbito nacional e internacional, prestará o apoio necesario á Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento dos programas formativos e técnicos que se precisen.

    5. A creación por parte do ISM, de plans de ámbito estatal nas materias obxecto do traspaso serán adecuadamente coordinadas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

    6. Cualquera outra que poida contribuír á mellor relación e coordinación entre a Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

  5. Bens, dereitos e obrigas do Estado que se traspasan.

    1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigas do Instituto Social da Mariña que corresponden aos servizos traspasados.

    2. No prazo de tres meses desde a efectividade deste acordo, o Goberno asinará as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipamento e material inventariable.

    3. Adscríbense á Comunidade Autónoma de Galicia os bens patrimoniais afectados ao Instituto Social da Mariña que se recollen no inventario detallado da relación anexa número 1.

      Esta adscrición enténdese sen prexuízo da unidade do patrimonio da Seguridade Social, distinto do patrimonio do Estado e afecto ao cumprimento dos seus fins específicos, cuxa titularidade corresponde á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

    4. A Comunidade Autónoma disfrutará o uso dos bens inmobles da Seguridade Social que se adscriben, debendo facerse cargo de todas as reparacións necesarias en orde á súa conservación, efectuar as obras de mellora que coide convenientes, exercitar as accións posesorias que, en defensa dos mesmos, procedan en dereito, así como subrogarse no cumprimento das obrigas tributarias que afecten os ditos inmobles a partir da data de efectividade do traspaso. No caso de inmobles compartidos, e ata a súa total independización os gastos comúns repartiranse proporcionalmente conforme aos criterios que se estabrezan no Acordo Complementario número 1 a este acordo.

    5. Os bens inmobles do patrimonio da Seguridade Social adscritos revertirán, conforme ao disposto nas normas reguladoras do patrimonio da mesma, á Tesouraría Xeral no caso de non uso ou cambio de destino para o que se adscriben, debendo continuar a Comunidade Autónoma de Galicia co aboamento dos gastos derivados da súa conservación e mantemento, así como do pagamento das obrigas tributarias que afecten aos mesmos, ata a finalización do exercicio económico no que se produza o dito cambio ou falta de uso.

    6. As novas adscricións de inmobles á Comunidad Autónoma de Galicia, non comprendidos na citada relación que se xunta número 1, axustaranse ao procedemento que, por convenio, se estableza de acordo coa lexislación básica do Estado.

      En tanto non se formalice o citado convenio, as novas adscricións de inmobles, autorizadas polo Consello de Ministros, non precisarán de formalización mediante acordo específico do Pleno da Comisión Mixta de Transferencias. Será suficiente, para a súa efectividade, o asinamento polos representantes autorizados da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma de Galicia, a correspondente acta de posta a disposición, da que se remitirá un exemplar para a súa constancia, custodia e arquivo, á Secretaría da mencionada Comisión Mixta.

    7. A obras de nova edificación, así como as de ampliación que supoñan modificación da estrutura externa sobre inmobles ou terreos transferidos, realizadas pola Comunidade Autónoma de Galicia integraranse definitivamente no Patrimonio da mesma, con respecto, en todo caso, dos dereitos de solo e voo da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, sen perxuízo de que se arbitren de mutuo acordo as medidas oportunas para que, conforme á lexislación civil, hipotecaria e administrativa vixentes, se fagan efectivas tales finalidades, podendo instrumentarse para tal efecto a celebración de convenios entre ambas administracións.

    8. A partir da entrada en vigor deste acordo, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social adoptará as medidas pertinentes para que queden sen efecto as cesións de uso de bens inmobles, nos que se presten servizos obxeto de traspaso por este acordo, e que fosen realizadas a favor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social pola Comunidade Autónoma de Galicia ou organismos ou entidades dependentes da dita Administración autonómica.

  6. Persoal adscrito aos servizos e institucións que se traspasan.

    1. O persoal adscrito aos servizos e institucións traspasados e que se referencian nominalmente na relación anexa número 2, pasarán a depender da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía, e as demais normas que en cada caso sexan aplicables e nas mesmas circunstancias que se especifican na relación anexa.

    2. O Instituto Social da Mariña ou demais órganos competentes en materia de persoal notificaralles aos interesados o traspaso. Así mesmo, remitiráselles aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de todos os expedientes do persoal traspasado, así como certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 2006.

    3. No suposto de que fose necesario introducir correccións ou adecuacións nas referidas relacións de persoal, estas levaranse a cabo mediante certificación expedida pola Comisión Mixta de Transferencias.

    4. En canto ao personal que se traspasa, e que se atope inmerso nalgún proceso de consolidación, funcionarización ou promoción iniciado, a súa incorporación á Comunidade Autónoma de Galicia realizarase nos termos que resulten da súa execución, conforme as especificacións establecidas no acordo complementario número 2 a este traspaso.

  7. Valoración das cargas financeiras dos servizos traspasados.

    1. A valoración provisional no ano base 1999 que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia elévase a 6.231.058,85 euros. A dita valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas, do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

    2. O financiamento, en euros de 2006, que corresponde ao custo efectivo anual, é o que se recolle na relación número 3.

    3. Transitoriamente, ata que non se produza a revisión do fondo de suficiencia a que se refire o artigo 16.1 citado, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos aos distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

  8. Documentación e expedientes dos servizos que se traspasan.

    A entrega da documentación e expedientes dos servizos traspasados, cos correspondentes inventarios, realizarase no prazo de tres meses desde a data de efectividade deste acordo, de conformidade co disposto no artigo 8º do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

  9. Data de efectividade do traspaso.

    Os traspasos de funcións e servizos obxecto deste acordo terán efectividade a partir do día 1 de xullo de 2006.

    E para que conste, expídese esta certificación en Madrid o 17 de abril de 2006. Os secretarios da Comisión Mixta. Carlos José Ortega Camilo e Antonio Losada Trabada.

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR