DECRETO 248/2011, do 15 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. Corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento ás disposicións anteriores, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, creado por Lei 3/1998, do 30 de xuño, acordou en Asemblea Xeral do 25 de setembro de 2011, aprobar a modificación dos seus estatutos que foron presentados ante esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva.

Tendo en conta o exposto, una vez que foi verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos, en uso das facultades que me foron conferidas, polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposión derrogatoria.

Estes estatutos derrogan os anteriores que foron aprobados por Decreto 270/2000, do 26 de outubro, da Xunta de Galicia, e modificados polo Decreto 3020/2003, do 3 de xullo.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez FeijóoPresidente

Alfonso Rueda ValenzuelaConselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

TÍTULO INormas xerais

Artigo 1

Estes estatutos teñen por obxecto regular a organización e actuación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, a teor do establecido nas disposicións legais sobre a súa creación e de conformidade coa lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 2

Son principios esenciais da súa estrutura a igualdade dos seus membros e a democracia na súa organización e funcionamento, que inclúe a elección democrática dos seus órganos de goberno e a adopción dos acordos por maioría.

A vontade do Colexio é dotar os fisioterapeutas dunha institución que represente e defenda os seus intereses e que contribúa na sociedade á promoción do dereito á saúde e a unha asistencia sanitaria e, noutros ámbitos, de calidade.

Artigo 3
  1. O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. Poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recursos en todas as vías e xurisdicións.

  2. Contando co acordo previo da Xunta de Goberno, corresponde ao presidente do Colexio o exercicio das facultades establecidas no punto anterior, agás os actos de disposición, para os cales se exixirá, ademais, ratificación da Asemblea Xeral.

  3. A representación legal do Colexio, tanto en xuízo coma fóra del, recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores e avogados ou calquera clase de mandatario, logo de acordo da Xunta.

Artigo 4

O ámbito territorial do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia será a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Colexio terá a sede na cidade da Coruña e o seu domicilio oficial será na rúa de San Roque, 10, 1.º -15002 A Coruña.

Os cambios de domicilio poden ser acordados, por proposta da Xunta de Goberno, pola Asemblea Ordinaria por maioría.

Artigo 5

O Colexio réxese polos presentes estatutos, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, pola Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, así como polas disposicións que a desenvolvan ou substitúan, e pola demais lexislación que resulte de aplicación. Regulan, así mesmo, o exercicio das profesións colexiadas a Lei 3/1991, sobre competencia desleal, a Lei 15/2007, sobre defensa da competencia, e a Lei 17/2009. En canto corporación de dereito público o Colexio está suxeito ao dereito administrativo no que se refire ao exercicio da potestade disciplinaria e mentres exerza funcións administrativas.

Artigo 6

Nos seus aspectos institucionais e corporativos, o Colexio relacionarase coa Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, que ten atribuídas as competencias en materia de colexios. Nos seus aspectos de carácter sectorial e relativos á profesión deberá relacionarse coa Consellería de Sanidade, que é a que ten atribuídas as competencias en materia sanitaria, e con aquelas consellerías que teñan relación co ámbito profesional.

Artigo 7

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia relacionarase co Consello Xeral de Colexios Profesionais de Fisioterapeutas de España, de acordo coa lexislación xeral do Estado.

Sen prexuízo do que dispón o punto anterior, o Colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios e asociacións, calquera que sexa o seu ámbito territorial.

O Colexio poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, dentro do marco da lei, teña por conveniente.

Artigo 8

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume as funcións que a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, determina para os consellos galegos de colexios profesionais.

Artigo 9

Co fin de asegurar o funcionamento colexial e facelo do xeito máis práctico posible, a Xunta de Goberno pode propor á Asemblea que se aprobe un regulamento de réxime interno.

TÍTULO IIFinalidades e funcións

Artigo 10

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume no seu ámbito territorial todas as competencias e funcións que lle pode delegar a Administración mediante disposición legal ou regulamentaria ou encomendar mediante convenio.

En tal sentido, sinálanse como finalidades esenciais do Colexio:

  1. Ordenar dentro do marco que establecen as leis e orientar e vixiar o exercicio da profesión.

  2. Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

  3. A representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia, en especial, nas súas relacións coas Administracións e as institucións sanitarias.

  4. Promover e vixiar a fisioterapia, desde a perspectiva científica, cultural, laboral e social e potenciar a súa integración e relevancia na estrutura sanitaria.

  5. A protección dos intereses dos consumidores finais e usuarios dos servizos dos colexiados.

Artigo 11

En especial, correspóndelle ao Colexio desenvolver, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

  1. En relación coa finalidade de representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia:

    1. Exercer a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas e institucións de todo tipo, tribunais e demais persoas públicas e privadas con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais.

    2. Intervir en todos os ámbitos de regulación da actividade sanitaria que afecte a fisioterapia e participar nos consellos e órganos consultivos da...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR