DECRETO 19/2018, do 1 de febreiro, polo que se crea e regula o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.
Sección | I. Disposicións Xerais |
Emisor | Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. |
Rango de Ley | Decreto |
O Instituto de Estudos do Territorio foi creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, como consecuencia do mandato legal do artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, á vez que dispuxo a súa adscrición á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
O Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, recolle no seu artigo 9 que o Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio, entendendo comprendida nesta a ordenación, protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións, e en consonancia co seu obxecto, figura a da posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como os catálogos e as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e a integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entenda como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores, mentres –indica– non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.
A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, na súa disposición derrogatoria única, derroga –entre outros– o artigo 13 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, relativo ao indicado Observatorio Galego da Paisaxe. En consecuencia, a disposición derradeira primeira da devandita Lei 2/2016, do 10 de febreiro, modifica o número 4 do artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, para atribuír a outrora función do Observatorio Galego da Paisaxe de elaboración dos catálogos da paisaxe ao Instituto de Estudos do Territorio. En liña co indicado, a disposición derradeira segunda da Lei 2/2016 modifica o artigo 10 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, coa finalidade de engadir ás funcións iniciais do Instituto de Estudos do Territorio as restantes que tiña atribuídas o Observatorio Galego da Paisaxe.
O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, indica que os poderes públicos integrarán a consideración de paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico, nas súas políticas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe.
Por outra banda, a Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no seu artigo 47, relativo á cooperación en materia de paisaxe, modifica o artigo 7 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establecendo que a Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins que se conteñen na presente lei.
Así, o incremento de funcións do Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, en especial, a de colaboración e coordinación nesta materia con outras administracións e sectores da sociedade; a recente aprobación do catálogo das paisaxes; a avaliación do estado de conservación das paisaxes de Galicia e a análise da súa previsible evolución e realización de propostas en materia de paisaxe, unido aos mandatos legais para a Xunta de Galicia, antes indicados, de integrar a consideración da paisaxe nas distintas políticas sectoriais, así como da necesidade de impulsar a cooperación interadministrativa en materia de paisaxe, fan necesaria a creación dun órgano colexiado no cal se poidan integrar as administracións públicas implicadas e que conte, así mesmo, co asesoramento dos expertos nos diferentes eidos do estudo da paisaxe e coa representación daqueles sectores da sociedade que reflictan a percepción da paisaxe existente na poboación, propiciando, deste xeito, unha adecuada coordinación da política en materia de paisaxe na Comunidade Autónoma de Galicia.
O Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia, recoñece o carácter dinámico da paisaxe e a necesidade de que os instrumentos que o xestionan se adapten a este carácter. Por este motivo establece un procedemento para actualizar algunhas partes do catálogo de forma máis sinxela e flexible. É nesta actualización onde destaca o papel do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia para achegar o coñecemento experto e o coñecemento local, que na elaboración do catálogo se obtiveron a partir do panel de expertos e da participación pública respectivamente, dunha forma máis rápida e eficiente, sen ter que repetir o longo proceso que se realizou para a elaboración completa deste.
A disposición derradeira segunda do Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia, dispón que o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, órgano colexiado, de carácter técnico e de asesoramento en materia da paisaxe, se regulará de conformidade co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia colaborará co Instituto de Estudos do Territorio en garantía do cumprimento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia e, de conformidade co Decreto 119/2016, do 28 de xullo, antes de que se aprobe a revisión ou actualización das áreas de especial interese paisaxístico e das unidades de paisaxe identificadas e delimitadas no Catálogo das paisaxes de Galicia, deberá ser consultado como trámite preceptivo.
A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española. O artigo 37.3 do devandito estatuto recolle que as competencias de execución na Comunidade Autónoma levan implícitas, entre outras, a...
Para continuar leyendo
Solicita tu prueba