DECRETO 47/2017, do 27 de abril, polo que se aproban os estatutos e a modificación da denominación do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia por Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, regula no seu artigo 13 o procedemento de modificación de denominación dos colexios profesionais, atribuíndo facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo, sinalando que a aprobación do cambio de denominación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

En relación coa aprobación dos estatutos, establece a mesma norma no seu artigo 16 en relación co 18 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio acordou, en Asemblea Xeral que tivo lugar o 26 de decembro de 2016, a modificación da denominación e a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa cualificación de legalidade, aprobación definitiva e inscrición no rexistro de colexios, de conformidade co disposto na antedita Lei 11/2001.

En virtude do sinalado, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de abril de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1 Modificación da denominación

Aprobar a modificación da denominación do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Artigo 2 Aprobación dos estatutos

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 3 Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 54/2005, do 24 de febreiro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez FeijóoPresidente

Alfonso Rueda ValenzuelaVicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXOEstatutos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Preámbulo.

O obxecto da presente regulación consiste principalmente na adaptación e concordancia co Real decreto 877/2014, do 10 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais, o cal tiña, pola súa vez, por obxecto a aprobación duns estatutos adaptados á Lei 2/2007, do 5 de marzo, de sociedades profesionais, e ás modificacións lexislativas que en materia de colexios profesionais se recollen na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades e servizos, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, con afectación especial á Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Asemade, adáptanse e concórdanse de cheo coas reformas normativas efectuadas especificamente na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, en especial logo da redacción dada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Os estatutos toman en consideración, igualmente, o Código deontolóxico do traballo social aprobado de maneira unánime pola Asemblea Xeral do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais pola Asemblea Xeral extraordinaria do día 9 de xuño de 2012 (traballosocial.org).

E parten tamén da definición global de traballo social adoptada pola Asemblea Xeral da Federación Internacional de Traballo Social-FITS (International Federation of Social Workers-ITFS) e da Asociación Internacional de Colexios de Traballo Social-AICTS (International Association of Schools of Social Work (IASSW) en xullo de 2014 en Melbourne (Australia) y IASSW, aprobada, pola súa vez, pola Asemblea xeral ordinaria do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais por unanimidade o 13 de decembro de 2014.

Abórdase, finalmente, unha modificación en materia de organización interna e réxime electoral e unha revisión adaptando a linguaxe á perspectiva de xénero.

TÍTULO IDisposicións xerais

Artigo 1 Natureza xurídica

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia é unha corporación de dereito público de carácter representativo do traballo social, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2 Composición

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia está composto polas persoas que teñan a titulación de graduadas en traballo social, diplomadas universitarias en Traballo Social ou Asistentes Sociais. A colexiación regularase polo artigo 3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, polos artigos 2 e 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e pola restante normativa que estea vixente en cada momento.

Artigo 3 Ámbito territorial

O ámbito territorial deste colexio é o da Comunidade Autónoma de Galicia. O domicilio e a sede deste colexio están situados no baixo do edificio número 6 da rúa Dublín, na cidade de Santiago de Compostela. O colexio poderá establecer delegacións nas catro provincias de Galicia...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR