DECRETO 80/2016, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2016/17.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Rango de LeyDecreto

O artigo 81.3.b) da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada polo Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, determina que a Comunidade Autónoma fixará os prezos públicos e os dereitos dos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional dentro dos límites que estableza a Conferencia General de Política Universitaria, que estarán relacionados cos custos de prestación do servizo nos seguintes termos:

  1. Ensinanzas de grao: os prezos públicos cubrirán entre o 15 % e o 25 % dos custos en primeira matrícula, entre o 30 % e o 40 % dos custos en segunda matrícula, entre o 65 % e o 75 % dos custos en terceira matrícula, e entre o 90 % e o 100 % dos custos a partir da cuarta matrícula.

  2. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España: os prezos públicos cubrirán entre o 15 % e o 25 % dos custos en primeira matrícula, entre o 30 % e o 40 % dos custos en segunda matrícula, entre o 65 % e o 75 % dos custos en terceira matrícula, e entre o 90 % e o 100 % dos custos a partir da cuarta matrícula.

  3. Ensinanzas de máster non comprendidas no número anterior: os prezos públicos cubrirán entre o 40 % e o 50 % dos custos en primeira matrícula, e entre o 65 % e o 75 % dos custos a partir da segunda matrícula.

Para os restantes estudos, serán fixados polo consello social da respectiva universidade, de acordo co disposto no artigo 81.3.c) da citada lei orgánica, e no artigo 75.3.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 8/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril), de taxas e prezos públicos, outórgalles aos referidos importes a consideración de prezos públicos; pola súa parte, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 43 o que se entende por prezos públicos.

Neste contexto normativo, o presente decreto fixa os importes que deberá aboar o alumnado polos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario, correspondentes ao curso 2016/17, tendo en conta o custo estimado dos servizos académicos e a distinción entre ensinanzas renovadas e de grao, así como a diferenza entre o prezo da 1ª matrícula fronte ao prezo da 2ª, 3ª e sucesivas matrículas, e ao abeiro do establecido no artigo 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dada a situación macroeconómica actual, unha vez estudadas as posibles repercusións no contorno social e académico, e de modo excepcional, os prezos públicos para o curso 2016/17 non sufrirán ningún incremento sobre os prezos establecidos para o curso 2015/16.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, co informe do Consello Galego de Universidades, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1 Ámbito de aplicación
  1. Os prezos que se aboarán no curso académico 2016/17 polos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no Sistema universitario de Galicia son os establecidos neste decreto e na contía que se sinala no seu anexo.

  2. O importe dos prezos por estudos conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades galegas polo seu respectivo consello social, de conformidade co establecido no artigo 81.3.c) da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 75.3.f).

Artigo 2 Modalidades de matrícula
  1. Ensinanzas renovadas. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.1 da tarifa primeira do anexo deste decreto. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

  2. Ensinanzas de grao adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.2 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

  3. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais e aquelas que habilitan para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.3 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

  4. Ensinanzas de máster non comprendidas no punto anterior. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.4 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

  5. Para o alumnado estranxeiro maior de dezaoito anos que non teña a condición de residente, excluídos/as os/as nacionais de Estados membros da Unión Europea e aqueles/as a quen sexa de aplicación o réxime comunitario, tanto en grao como en máster, cada universidade establecerá, por resolución reitoral, un prezo que oscilará entre...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR