DECRETO 89/2016, do 30 de xuño, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Política Social
Rango de LeyDecreto

I

Conforme o previsto nos artigos 148.1.20ª da Constitución española e 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencia exclusiva en materia de asistencia social. No exercicio da dita competencia ditouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia, entendendo por tales o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais.

Integra o sistema galego de servizos sociais o conxunto de servizos, programas e prestacións, tanto de titularidade pública como de titularidade privada, acreditados e concertados pola Administración nos termos establecidos na Lei 13/2008, do 3 de decembro. Así, na creación e xestión dos distintos servizos, programas e prestacións participan diferentes administracións e entidades, dentro do ámbito competencial e de participación que prevé a propia Lei 13/2008, do 3 de decembro. A amplitude do catálogo de servizos con intervención de distintas administracións e entidades define un escenario complexo en que resultan imprescindibles a coordinación e cooperación interadministrativa.

A actual situación demográfica e socioeconómica, que propicia un cambio no perfil das persoas usuarias de servizos sociais, incrementa as necesidades de atención a que debe dar resposta o sistema de servizos sociais, o que obriga a adaptarse aos cambios con rapidez para garantir unha atención de calidade e sustentable. Esta situación leva tamén a que resulte necesario esforzarse en reducir barreiras entre os niveis asistenciais e en optimizar o uso dos recursos, aspecto en que o aproveitamento das posibilidades das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) resulta clave.

Neste contexto o Consello da Xunta de Galicia aprobou no mes de abril de 2013 o Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais. Coa integración das tecnoloxías da información e da comunicación na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir a sustentabilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda de atención en aumento.

Unha das claves do plan é a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre o sistema social, sanitario e as administracións locais e autonómica, dispoñible para todos os axentes implicados con toda a información relevante dos/das usuarios/as e coa carteira de servizos global. É neste marco que se fai uso da historia social única electrónica, un sistema de información que implicará unha nova forma de traballar, máis áxil, xa que pasa a un modelo global en que se dispón de toda a información integrada e consolidada, de maneira que calquera cambio nela queda á disposición do resto dos axentes implicados. Neste senso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 30 de outubro de 2014, acordou o inicio polos órganos competentes das actuacións necesarias para a tramitación da normativa que regule o uso da historia social única electrónica, o acceso á información recollida nela, así como o uso preferente da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde como instrumento de identificación no acceso da cidadanía aos servizos sociais e a creación dunha base de datos poboacional de referencia, inicialmente no ámbito social e sanitario de Galicia, sen prexuízo de que se incorporen novos ámbitos tomando para tal efecto como punto de partida os datos poboacionais contidos na base de datos do sistema da tarxeta sanitaria, a que se refire o punto 1 do anexo II da Orde do 12 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

A Constitución española recolle no seu artigo 39, entre os principios reitores da política social e económica, o relativo a que os poderes públicos aseguran a protección social da familia.

O artigo 6.3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, enumera os dereitos que todas as persoas, en tanto que usuarias dos servizos sociais, teñen con relación ao sistema galego de servizos sociais, entre os cales se atopan os consistentes en utilizar o sistema de servizos sociais en condicións de igualdade e sen discriminación; o de recibir un tratamento acorde á dignidade da persoa e ao respecto dos dereitos e liberdades fundamentais; o de recibir información de maneira áxil, suficiente e veraz, e en termos comprensibles, sobre os recursos e prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como o dereito á confidencialidade, sixilo e respecto en relación cos seus datos persoais e coa información que sexa coñecida polos servizos sociais en razón da intervención profesional, sen prexuízo do posible acceso a eles no exercicio dunha acción inspectora, de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Xunto co anterior, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, no artigo 16.5 establece que a Xunta de Galicia creará a historia social única electrónica, como conxunto de información e documentos en formato electrónico nos cales se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos/das profesionais e servizos ou prestacións que interviñeron sobre este. Asemade, no número 5 bis deste artigo, establécese que a historia social única terá carácter público e confidencial e respectará os dereitos das persoas usuarias ao acceso ao seu expediente persoal e a obter copia del, garantindo que esta historia só será empregada para a intervención profesional ou para unha acción inspectora de carácter público.

No artigo 59.g) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, establécese a competencia da Xunta de Galicia, entre outras, para o deseño, a creación, a xestión e a coordinación dun sistema de información estatística dos servizos sociais e o deseño, a creación, a xestión e a coordinación da historia social única electrónica, así como o seu mantemento e actualización.

Por outra parte, o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, no seu artigo 39 sinala que o órgano superior da Administración xeral da comunidade autónoma competente no sistema galego de servizos sociais implantará e manterá un sistema de información básica das persoas usuarias dos servizos sociais que estará conectado en rede cos sistemas de información e de xestión das prestacións e servizos incluídos no Catálogo de servizos do sistema galego de servizos sociais, e, no seu número 2, engade que o sistema de información posibilitará o retorno da información relevante sobre as persoas usuarias desde os servizos sociais especializados ao expediente social básico xestionado polos servizos sociais comunitarios. Por outra banda, na normativa reguladora da Administración electrónica, abórdanse aqueles aspectos en que é obrigado que as previsións normativas sexan comúns, como é o caso da interoperabilidade como capacidade dos sistemas de información e dos procedementos a que dan soporte para compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles, que resulta necesaria para a cooperación, o desenvolvemento, a integración e a prestación de servizos conxuntos por parte das administracións públicas.

De acordo co exposto, corresponde á Xunta de Galicia crear o sistema de información das persoas usuarias dos servizos sociais, conectado en rede cos sistemas de información das prestacións e servizos do Catálogo de servizos do sistema galego de servizos sociais, no cal queden recollidas todas as...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR