DECRETO 92/2017, do 7 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o ordinal primeiro do artigo 81 daquela, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado o punto 30 do número 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no artigo 6 que se entende por currículo a regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas. Así mesmo, no seu artigo 51 establece que as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos de formación específica, que incluirán unha fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres.

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, define estas e establece a súa finalidade e obxectivos, ordenándoas e fixando as ensinanzas mínimas, e encomenda ás administracións educativas o establecemento do currículo correspondente a cada título, de acordo co establecido no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, e nas normas que regulan os títulos respectivos.

Unha vez publicado o Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía pertencente á familia de Escultura, e se fixa o correspondente curriculo básico, e tendo en conta o Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, corresponde ao Consello da Xunta establecer o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sinalando os seus obxectivos, as súas competencias e os seus contidos.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño, herdeiras das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos no noso sistema educativo, asumen a transmisión das prácticas artísticas imprescindibles para a renovación e mellora de produtos, ambientes e mensaxes e para o crecemento do patrimonio artístico. Para iso, estas ensinanzas artísticas profesionais sitúan a innovación tecnolóxica, a apreciación artística e a sólida formación nos oficios das artes e o deseño no contexto da dimensión estética e creadora do humano, calidade determinante para o crecemento patrimonial e dos valores de identidade, de expresión persoal e de comunicación social.

Neste sentido, o obxectivo básico do título regulado neste decreto é o de atender as necesidades de formación de técnicos/as superiores especialistas nas técnicas de dourado, prateado e policromía, e xuntar o coñecemento de materiais, procedementos técnicos e novas tecnoloxías coa cultura e a sensibilidade artística para constituír a garantía de calidade demandada hoxe polos sectores produtivos, artísticos e culturais vinculados ao ámbito desta especialidade.

O ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía está integrado por módulos de duración variable que cobren aspectos da formación do/da alumno/a, concibidos como áreas homoxéneas de coñecemento, capacidades e habilidades. As capacidades terminais de cada módulo describen o comportamento do/da alumno/a en termos de resultados avaliables, requiridos para acadar as competencias básicas que integran a competencia xeral. A constatación destas competencias, en termos de avaliación positiva, garante a validez do título en todo o Estado e a súa correspondencia europea.

Os contidos curriculares relacionados non constitúen unicamente unidades temáticas, senón que os concretará o equipo docente do ciclo formativo, de xeito que todos eles queden organizados temporal e transversalmente seguindo un criterio propedéutico que garanta que todos os contidos se imparten sen que se produzan solapamentos entre os diferentes módulos. Esta programación de ciclo formativo terá en conta os elementos establecidos no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e comprenderá, así mesmo, a metodoloxía didáctica e as actividades formativas non periódicas que se consideren necesarias, e servirá finalmente de punto de partida para a programación de aula que cada docente faga e aplique no módulo que imparta.

Asemade, e de acordo co artigo 13 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, o currículo que se establece neste decreto permitirá que os centros docentes que o impartan, mediante a posta en marcha do seu proxecto educativo, e a través das programacións didácticas de cada un dos módulos que o integran, o desenvolvan e completen, tomando en consideración as características do contexto social e cultural, as necesidades do alumnado, con especial atención ás de quen presente unha discapacidade, e as posibilidades formativas da contorna.

A fase de formación práctica facilitará o desenvolvemento das capacidades sociolaborais que requiran ser completadas e verificadas nunha contorna real de traballo, así como aqueloutras necesarias para completar as competencias profesionais acadadas no centro educativo.

O módulo de proxecto integrado nos ciclos formativos de grao superior ten por obxecto que o alumnado sexa capaz de integrar, aplicar e valorar os coñecementos, destrezas e capacidades específicas do campo profesional da especialidade a través da formulación e realización dun proxecto axeitado ao nivel académico cursado, que evidencie rigor técnico, cultura plástica, expresión artística, sensibilidade estética e posibilidade de realización e viabilidade.

Finalmente, na aplicación deste decreto por parte dos centros docentes terase en conta o establecido no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como o disposto nos artigos 9, 14 e 22 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Escolar de Galicia, co ditame previo do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO IObxecto

Artigo 1 Obxecto

O presente decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e no Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, e se fixa o correspondente currículo básico.

CAPÍTULO IIIdentificación do título, perfil profesional, ámbito profesional e prospectiva do título no sector

Artigo 2 Identificación do título

De acordo co disposto no número 1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía identifícase polos seguintes elementos:

Denominación: técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

Nivel: grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, correspondente ao nivel 1 do Marco español de cualificacións para a educación superior(MECES)...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR