Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aproban os estatutos da Universidade da Coruña.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Universidade da Coruña presentou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o proxecto de estatutos, aprobado polo seu claustro universitario na sesión do 24 de marzo de 2004, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbanse os estatutos da Universidade da Coruña coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Artigo 2º

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Estatutos da Universidade da Coruña

Título preliminar

Da natureza e funcións da universidade

Artigo 1º
  1. A Universidade da Coruña é unha institución pública, dotada de personalidade xurídica e patrimonio propio, que goza de autonomía, de acordo coa Constitución e coa lei, e a quen lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servizo público da educación superior, mediante a investigación, a docencia e o estudo.

  2. Son funcións da universidade ao servizo da sociedade:

  1. A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.

  2. A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.

  3. A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade da vida e do desenvolvemento económico.

  4. A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e da formación ao longo de toda a vida.

Artigo 2º
  1. A Universidade da Coruña, vinculada á realidade histórica de Galicia, dedicaralle especial atención ao estudo e desenvolvemento da identidade cultural do noso país e dos diversos aspectos da sociedade galega.

  2. A Universidade da Coruña promoverá a plena integración no espazo europeo de ensino superior e a proxección en América Latina.

Artigo 3º

Para o mellor cumprimento dos seus fins, a Universidade da Coruña poderá articular as súas actividades con outras universidades, dentro e fóra do sistema universitario galego, e manterá relacións con centros de investigación e institucións culturais e sociais.

Artigo 4º

Na realización das súas actividades, a universidade aterase aos principios reitores do Estado social e democrático de dereito, defensa da autonomía e liberdade de cátedra, promoción da calidade e a súa avaliación e o mellor servizo á sociedade e aos membros da comunidade universitaria.

Artigo 5º
  1. Na Universidade da Coruña serán linguas oficiais as recoñecidas no Estatuto de autonomía de Galicia, sen que se poida facer discriminación por razóns de uso de calquera delas.

  2. A lingua propia da Universidade da Coruña é o galego, que será o seu vehículo normal de expresión. Para a súa normalización fomentará o seu uso en todas as súas actividades.

Artigo 6º

As instalacións da Universidade da Coruña non poderán ser empregadas con fins políticos, relixiosos ou de calquera índole, que non responda aos fins e á filosofía desta.

Título I

Da estrutura da universidade

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 7º
  1. A Universidade da Coruña está constituída polos campus da Coruña e de Ferrol.

  2. A Universidade da Coruña potenciará o desenvolvemento harmónico dos seus campus.

Artigo 8

A estrutura académica da universidade estará integrada por facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores, escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas, departamentos, institutos universitarios de investigación e outros centros, incluídos os que organicen ensinanzas en modalidade non presencial.

Capítulo II

Dos departamentos

Artigo 9º
  1. Os departamentos son os órganos encargados de coordinar as ensinanzas dunha ou varias áreas de coñecemento nun ou varios centros, de acordo coa programación docente da universidade.

  2. Son funcións dos departamentos:

    1. Organizar e desenvolver, nos diferentes ciclos dos estudos universitarios, as ensinanzas propias da área ou áreas de coñecemento da súa competencia.

    2. Apoiar as actividades e iniciativas investigadoras do persoal adscrito á área ou áreas de coñecemento da súa competencia.

    3. Organizar e desenvolver estudos de terceiro ciclo.

    4. Contratar con entidades públicas ou privadas, ou con persoas físicas, a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como o desenvolvemento de cursos de especialización.

    5. Participar na elaboración de plans de estudo, no procedemento de selección do persoal docente e investigador e nos procesos de avaliación da calidade institucional.

    6. Calquera outra que lles asignen as disposicións legais vixentes e estes estatutos.

  3. Os departamentos rexeranse por un regulamento de réxime interno que será elaborado polo consello de departamento e aprobado polo consello de goberno.

Artigo 10º
  1. Os departamentos constituiranse por áreas de coñecemento, agruparán os docentes e investigadores correspondentes e adscribiranse aos centros en razón da actividade académica desenvolvida.

  2. A creación, modificación e supresión dos departamentos correspóndelle ao consello de goberno, de acordo coas normas básicas aprobadas polo Goberno.

  3. A adscrición será realizada polo consello de goberno, por proposta do departamento interesado e logo do informe do centro ou centros afectados.

Capítulo III

Das facultades ou escolas

Artigo 11º
  1. As facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou universitarias politécnicas son os centros encargados da organización das ensinanzas e dos procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio español.

  2. Son funcións das facultades ou escolas:

  1. Elaborar a proposta dos plans de estudo das ensinanzas que se impartan nelas.

  2. Organizar e supervisar as actividades docentes e a xestión dos servizos da súa competencia.

  3. Custodiar as actas de cualificación e os expedientes dos estudantes que cursasen ou cursen estudos nelas, sen prexuízo do mantemento, por parte da universidade, de arquivos centralizados.

  4. Expedir as certificacións solicitadas polos estudantes do centro.

  5. Administrar a asignación orzamentaria do centro e controlar os seus propios servizos e equipamentos.

  6. Promover actividades culturais e de extensión universitaria.

  7. Participar nos procesos de avaliación da calidade.

  8. Calquera outra que lles atribúan as disposicións legais vixentes e estes estatutos.

Artigo 12º

A creación, modificación e supresión dos centros aos cales se refire o artigo anterior serán acordadas pola Xunta de Galicia, por proposta do consello social ou por propia iniciativa, co acordo do referido consello e, en todo caso, logo de informe do consello de goberno da universidade.

Artigo 13º

Os centros rexeranse por un regulamento de réxime interno que elaborarán as xuntas de centro e que

será aprobado polo consello de goberno, por proposta da xunta de centro respectivo.

Capítulo IV

Dos institutos universitarios de investigación

Artigo 14º
  1. Os institutos universitarios de investigación son centros dedicados á investigación científica e técnica ou á creación artística e á docencia especializada, de posgrao e de doutoramento.

  2. O ámbito de actuación dun instituto non poderá coincidir co dun departamento.

Artigo 15º

Son funcións dos institutos universitarios de investigación:

  1. A planificación e execución de programas de investigación básica ou aplicada e, se é o caso, de creación artística.

  2. A organización e o desenvolvemento de cursos especializados e de doutoramento.

  3. O asesoramento técnico no ámbito da súa competencia.

  4. A promoción e realización de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR