DECRETO 125/2012, do 10 de maio, polo que se regula a utilización de lodos de depuradora no ámbito do sector agrario na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

A Directiva do Consello 86/278/CEE, do 12 de xuño de 1986, relativa á protección do ambiente e, en particular, dos solos, na utilización de lodos de depuradora en agricultura establece os principios que deben presidir as normativas nacionais sobre este tema na busca dun equilibrio entre os distintos destinos dos lodos e, en particular, o da aplicación en agricultura.

A dita directiva foi incorporada á normativa estatal mediante o Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, polo que se regula a utilización de lodos de depuración no sector agrario, posteriormente desenvolvido pola Orde do 26 de outubro de 1993 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na cal se establece o procedemento para a remisión da información correspondente aos controis que, respecto dos lodos, as comunidades autónomas teñen que facer, no ámbito das súas competencias, e que posteriormente permitirán realizar o informe de síntese que o Estado debe remitir á Comisión Europea.

No preámbulo do Real decreto 1310/1990 fanse unha serie de consideracións sobre o dobre beneficio, ambiental e agrario, que o emprego dos lodos na agricultura pode supoñer para esta e tamén para a resolución parcial dun posible problema ambiental.

Pero para que tal beneficio se produza o propio real decreto especifica, a seguir, a necesidade de limitar o uso dos lodos en función duns parámetros tanto do solo como dos lodos, baseados na concentración en metais pesados, así como na cantidade máxima que pode ser achegada nun período máximo de dez anos nun terreo concreto.

No tempo transcorrido desde a aprobación destas normas xurdiron novos criterios técnicos e agronómicos que permiten adaptar mellor as exixencias da Directiva 86/278/CEE ao aproveitamento do valor fertilizante dos lodos nos solos agrarios, pero tamén novos coñecementos sobre os riscos ambientais e para a saúde pública que pode implicar o uso indiscriminado destes produtos, especialmente se non foron sometidos ao debido tratamento.

Desde a publicación da Orde do 26 de outubro de 1993, sobre utilización dos lodos de depuración no sector agrario, a produción e xestión de residuos en xeral ten sido obxecto dun amplo desenvolvemento normativo, nos ámbitos comunitario, nacional e autonómico, no cal destaca a Directiva 2008/98/CE, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos e pola que se derrogan determinadas directivas, trasposta a través da Lei 22/2011, do 29 de xullo, de residuos e solos contaminados.

En todo aquilo que non contradí nin se opón ao establecido na Lei 22/2011, de residuos e solos contaminados, mantense en vigor a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e o Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

O Plan Nacional Integrado de Residuos para o período 2008-2015, adoptado mediante acordo do Consello de Ministros na súa reunión do 26 de decembro de 2008, e publicado mediante a resolución do 20 de xaneiro de 2009 da Secretaría de Estado de Cambio Climático, recoñece a necesidade de adaptar a lexislación existente en materia de lodos de depuradora de augas residuais, en particular os anexos da Orde do 26 de outubro de 1993 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sobre utilización de lodos de depuración no sector agrario a fin de garantir a rastrexabilidade dos lodos e unha correcta aplicación destes en solos agrarios, segundo as características analíticas de lodos e solos.

Galicia é unha comunidade autónoma cunhas características peculiares que fan precisa a adaptación da mencionada normativa para un mellor aproveitamento dos recursos agrícolas que os lodos supoñen e a evitar a deterioración ambiental que a mala utilización deses recursos podería implicar.

Entre esas características destacan o predominio dos solos con pH ácido e cuns contidos en materia orgánica e fósforo en xeral altos, a concorrencia dunha cabana gandeira elevada nas zonas de máis fácil distribución dos lodos, a parcelación excesiva que vai dificultar o manexo e a repartición destes, a pluviometría elevada e a existencia de gran número de cursos de auga que discorren polo seu territorio. A esas circunstancias hai que engadir a existencia dunha industria agroalimentaria e de produtos da pesca desenvolvida, así como unha acumulación da poboación nas zonas costeiras.

Ademais, cómpre actualizar as parcelas cedidas polos seus titulares aos xestores para aplicar produtos do tratamento dos lodos de depuradora, autorizadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, para a súa adaptación aos novos requisitos que nel se establecen.

Por todo o anteriormente exposto e baseándose nas competencias que o Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma en materia de agricultura e ambiente, respectivamente no seus artigos 30.I.3 e 27.30, por iniciativa das consellerías do Medio Rural e do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o ditame do Consello Consultivo de Galicia, consultados os sectores afectados, tanto produtores de lodos como xestores autorizados e representantes do sector agrario e forestal, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do día dez de maio de dous mil doce

DISPOÑO:

Capítulo IDisposicións xerais

Artigo 1 Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular a utilización dos lodos de depuradora no sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2 Ámbito de aplicación.
  1. As disposicións contidas no presente decreto son de aplicación á utilización de lodos de depuradora en solos agrarios no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Quedan fóra do ámbito de aplicación deste decreto os compost que, aínda que estean feitos a partir de lodos de depuradora, acaden a condición de fertilizantes por cumpriren todas e cada unha das especificacións establecidas no anexo I (grupo 6: emendas orgánicas) da Orde APA/863/2008, pola que se modifica o Real decreto 824/2005, sobre fertilizantes, así como as disposicións do artigo 18 de tal real decreto. Non obstante, si será de aplicación este decreto para os fertilizantes obtidos a partir de residuos que se convertan en residuo por permaneceren no almacén do fabricante dous anos desde a súa fabricación.

  3. Igualmente quedan fóra os compost de cuxa composición formen parte os anteditos lodos que sexan substratos de cultivo por cumprirren todas e cada unha das especificacións establecidas para tal produto no anexo I, anexo VI e resto de disposicións aplicables contidas no Real decreto 865/2010, do 2 de xullo, sobre substratos de cultivo.

  4. Dentro da actividade de aplicación de lodos en solos agrarios, cuxa regulación constitúe o obxecto do presente decreto, non se considera incluída a utilización de residuos para obtención de tecnosolos. Tal actividade vén regulada pola instrución técnica de residuos ITR/01/08, do 8 de xaneiro de 2008, referente á elaboración de solos (tecnosolos) derivados de residuos, instrución publicada mediante Resolución do 8 de xaneiro de 2008, da Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) de Calidade e Avaliación Ambiental.

Artigo 3 Residuos utilizables para aplicación en solos agrarios.
  1. Unicamente poderán ser utilizados para aplicación en solos agrarios –e sempre precedendo tratamento– os seguintes lodos:

    1. Os lodos producidos en estacións depuradoras de augas residuais urbanas de titularidade ou xestión pública ou privada, identificados co código LER 19 08 05 na Lista europea de residuos (establecida pola Decisión 2000/532/CE da Comisión, do 3 de maio). Non poderán ser usados para aplicación en solos agrarios os lodos que, aínda tendo o código LER 19 08 05, procedan de estacións depuradoras que dean servizo especificamente a polígonos industriais nin a complexos hospitalarios.

    2. Os lodos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR