Resolución do 24 de xaneiro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto da L.A.T. 132 kV Gondomar-O Rosal, nos concellos de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra), promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A. (Expediente IN407A 08/576-4).

SecciónVI. Anuncios
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyResolución

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 30 de decembro de 2010, relativa ao proxecto da L.A.T. 132 kV Gondomar-O Rosal, nos concellos de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra), promovido pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. (clave: 2009/0147), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Evaliación Ambiental o 30 de decembro de 2010, relativa ao proxecto da L.A.T. 132 kV

Gondomar-O Rosal, nos concellos de Gondomar, Tomiño,

Oia e o Rosal (Pontevedra), promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A. (Clave: 2009/0147).

Antecedentes.

Por solicitude da sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A., a extinta Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dunha liña eléctrica de alta tensión a 132 kV entre as localidades de Gondomar e O Rosal (provincia de Pontevedra), cuxa finalidade é garantir a subministración eléctrica na comarca do Baixo Miño mediante o peche do anel de 132 kV, de xeito que se evite a actual posición en punta das subestacións de Gondomar e O Rosal.

Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e do medio e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor no marco do dito trámite de avaliación ambiental.

Mediante Resolución do 6 de xullo de 2009, do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (publicada no DOG nº 149, do 31 de xullo), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende a referida liña eléctrica, e non consta a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

O 22 de novembro de 2010 recíbese na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública (anuncios e certificados de exposición ao público) e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, de Montes e Industrias Forestais (Servizo Territorial de Pontevedra) e de Saúde Pública e Planificación, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Gondomar. Non consta emisión de informe por parte da Secretaría Xeral para o Turismo nin dos concellos de Oia, Tomiño e O Rosal.

O expediente contén, así mesmo, o documento titulado Valoración ambiental da liña de alta tensión Gondomar-O Rosal. Comarca do Baixo Miño. Pontevedra. 24-2-2010, achegado polo promotor (xunto cun escrito aclaratorio) en resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza durante o trámite ambiental, e que motivou a emisión dun segundo informe por parte da dita dirección xeral.

Feita a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da L.A.T. 132 kV Gondomar-O Rosal, nos concellos de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra), promovido pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

  1. Ámbito da declaración.

    Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto dunha liña eléctrica de alta tensión a 132 kV entre as localidades de Gondomar e O Rosal, duns 23.809 metros de lonxitude total, con orixe no apoio nº 40 da L.A.T. 132 kV Gondomar-Balaídos e final no apoio nº 96 da L.A.T. 132 kV O Rosal-Tui (ambas existentes).

    O tendido consta de dous tramos soterrados que totalizan 1.943 m de lonxitude e dous aéreos que suman 21.866 m, estes últimos con condutor LA-180 e cable de terra AC-50, sobre apoios metálicos de celosía.

    O trazado discorrerá polos concellos de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra), conforme o reflictido nos planos titulados Emplazamento. EMI01994PPLE0034 do estudo de impacto ambiental.

  2. Protección da atmosfera.

  3. Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento da liña non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8º do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.

  4. Respecto aos campos electromagnéticos, observarase o disposto no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas.

  5. En relación co indicado nos puntos anteriores, e tendo en conta a información que se desprende do estudo ambiental, tanto na fase de obras como na de funcionamento da liña levarase a cabo un control do nivel de ruído nas vivendas habitadas máis próximas ao apoio nº 4 e na área recreativa existente no contorno do apoio nº 14. Na fase de funcionamento levaranse a cabo controis de ruído e medicións de campos electromagnéticos nesas mesmas localizacións.

    Para tal fin, o promotor deberá contar cos respectivos plans de seguimento do nivel de ruído e de medición de campos electromagnéticos, conforme o indicado no punto 9.2.1 da DIA, co obxecto de contrastar o cumprimento dos límites máximos legalmente establecidos.

  6. Protección das augas e leitos fluviais.

  7. Deberán respectarse, sen que se vexan afectados polas obras, as seguintes zonas húmidas recollidas no Inventario Galego de Zonas Húmidas que se atopan na área de influencia da liña:

    -As Xunqueiras.

    -A Ramallosa.

    -Ameneiral da Foz do Miñor.

    Para tal fin, e sen prexuízo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada, teranse en consideración as seguintes:

    -Previamente ao comezo das obras procederase á súa sinalización para evitar posibles danos durante a execución das obras.

    -Preservaranse de verteduras (sexan entullos, terras, lixo ou outros), extraccións de auga, tránsito de maquinaria ou calquera outro dano.

    -O persoal de obra deberá estar informado das ditas limitacións.

    -No caso concreto do Ameneiral da Foz do Miñor (na zona dos apoios nº 40 e 39 BIS e parte do trazado subterráneo ao inicio da liña), e dada a actual situación da zona húmida, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza sinala no seu informe que se implementen medidas tendentes ao seu saneamento, en concreto actuacións de erradicación de especies invasoras, así como a localización e control dos focos de contaminación da zona húmida. O inicio dos traballos nesta zona deberá ser comunicado polo promotor ao Servizo Territorial de Conservación da Natureza de Pontevedra.

  8. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica ou zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación ademais das indicadas no estudo de impacto ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

  9. Porase especial coidado na realización do cruzamento baixo o leito do rego que atravesa a estrada EP3302, p.k. 5 na zona de Senín (no tramo en que o trazado vai soterrado en gabia a partir do apoio nº 60), adoptando as medidas precisas para non alterar a súa capacidade hidráulica nin a calidade das súas augas. Estes traballos realizaranse preferentemente en época de seca.

  10. Lémbrase que toda actuación ou afección no...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR