Decreto 196/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 45 que as ensinanzas artísticas teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da danza, e no artigo 48 preceptúa que as ensinanzas elementais de danza terán as características e a organización que as administracións educativas determinen.

A Comunidade Autónoma de Galicia estableceu o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza mediante o Decreto 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza, en desenvolvemento do Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo do grao elemental das ensinanzas de danza.

A experiencia alcanzada desde a promulgación do citado decreto, xunto co desenvolvemento da nova lei de educación, aconsellan establecer un novo marco normativo para a ordenación académica das ensinanzas elementais de danza.

A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza é a de promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión dancística adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

Xa que logo, este decreto establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula o acceso a estas ensinanzas, así como os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de danza e dos centros autorizados elementais de danza no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e a organización das ensinanzas elementais

de danza

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto regula o currículo da ensinanza de danza do grao elemental consonte o establecido no artigo 48 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

  2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de ingreso no grao elemental.

  3. Este decreto ten igualmente a finalidade de establecer os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de danza e dos centros autorizados elementais de danza no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

  4. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios de danza e nos centros autorizados de danza que conten coa autorización para a impartición do grao elemental de danza.

Artigo 2º Finalidade.
  1. A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza é promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión dancística adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

  2. A ensinanza de danza no grao elemental organízase en catro cursos.

Artigo 3º Obxectivos xerais.

O grao elemental das ensinanzas de danza debe contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

  1. Apreciar a importancia da danza como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e das persoas.

  2. Coñecer e valorar o dominio do propio corpo e a súa importancia no desenvolvemento da técnica e da expresión artística.

  3. Relacionar os coñecementos musicais cos códigos de movemento aprendidos co fin de adquirir as bases que permitan desenvolver a interpretación artística.

  4. Desenvolver a memoria como medio indispensable para a formación artística dos bailaríns e das bailarinas.

  5. Recoñecer a importancia da concentración previa á interpretación artística como punto de partida para unha correcta execución.

  6. Participar con actitude de interese, atención e respecto, asumindo os papeis que rexen a interpretación escénica, e valorar a importancia da actitude do público na transmisión da música e da danza, tanto nas aprendizaxes de aula e nas complementarias como nas extraescolares.

  7. Asistir a manifestacións escénicas relacionadas coa danza e a música, para formar a súa cultura dancística e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

  8. Desenvolver a creatividade e a expresión artística do alumnado mediante a improvisación individual de pequenas variacións, co fin de que se apliquen os coñecementos adquiridos a partir das pautas indicadas polo profesorado.

  9. Aplicar a sensibilidade corporal para a obtención dunha calidade de movemento e dunha interpretación rica en expresividade.

  10. Fomentar a utilización do patrimonio dancístico e musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación artística.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 4º Currículo.
  1. As materias correspondentes a cada curso do grao elemental e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

  2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación das ensinanzas elementais de danza son os que se establecen no anexo II deste decreto.

  3. De acordo co establecido no artigo 121 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os centros docentes concretarán e complementarán, dentro do proxecto educativo de centro, o currículo das ensinanzas de danza do grao elemental mediante a elaboración de concrecións curriculares.

  4. O proxecto educativo do centro incluirá, así mesmo, a distribución por cursos dos obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación de cada materia. A devandita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnado ao longo do grao.

  5. Os departamentos didácticos deben desenvolver as programacións da súa actividade docente consonte o currículo e o proxecto educativo do centro.

Artigo 5º Materias que constitúen o currículo.

As ensinanzas elementais de danza organízanse nas materias seguintes:

Danza clásica.

Danza de carácter.

Danza galega.

Introdución á danza contemporánea.

Introdución á danza española e ao baile flamenco.

Música.

Capítulo III

Do acceso e matrícula

Artigo 6º Requisitos e proba de acceso.
  1. Para acceder ás ensinanzas de grao elemental de danza será requisito imprescindible superar unha proba específica de acceso, que garante os principios de igualdade, mérito e capacidade.

  2. O procedemento de acceso ao primeiro curso de grao elemental atenderá exclusivamente á avaliación das aptitudes físicas e expresivas das persoas aspirantes en relación coa danza, co seu sentido musical e coa idade idónea para iniciar estes estudos.

  3. A proba para avaliar as aptitudes dancísticas incluirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

    1. Exercicios que permitan valorar a amplitude articular e a flexibilidade muscular das extremidades e do tronco.

    2. Exercicios de coordinación corporal que permitan valorar a capacidade psicomotriz das persoas aspirantes.

    3. Exercicios de salto para medir a potencia dos membros inferiores.

    4. Exercicios de carácter musical para valorar as aptitudes musicais das persoas aspirantes.

  4. A realización destes exercicios efectuarase de xeito que ningún deles teña carácter eliminatorio. A valoración realizarase considerando tanto cada un dos aspectos sinalados no punto anterior como o conxunto da proba globalmente.

Artigo 7º Acceso a outros cursos.
  1. Poderase acceder a calquera outro curso do grao elemental sen ter superados os anteriores, sempre que se supere a correspondente proba. En calquera caso, o acceso a outro curso do grao elemental estará supeditado á existencia de prazas vacantes nos respectivos cursos.

  2. Estas probas avaliarán, ademais das aptitudes dancísticas e da idade idónea, a capacidade e os coñecementos dos alumnos e das alumnas para continuaren os estudos no curso en que se solicite a praza.

Artigo 8º Cualificación das probas de acceso.
  1. As puntuacións definitivas obtidas polo alumnado nas probas de acceso a calquera dos cursos do grao elemental axustaranse á cualificación numérica de 1 a 10, ata un máximo dun decimal, e é necesario obter, como mínimo, a cualificación de 5 puntos para superar a proba.

  2. A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.

  3. As puntuacións definitivas obtidas na proba de acceso serán as que determinen a matriculación do alumnado.

Artigo 9º Matriculación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas de admisión e matrícula, así como as condicións dos traslados de centro.

Artigo 10º Matrícula excepcional.

É competencia do consello escolar de cada centro autorizar, con carácter excepcional, a ampliación de matrícula ao curso seguinte ao alumnado que, logo de orientación do profesorado, así o solicite, sempre que o informe da totalidade do profesorado do alumno ou da alumna asegure a súa adecuada capacidade de aprendizaxe do curso actual e do que aspire a acceder.

...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR