Resolución do 30 de maio de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango de LeyResolución

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, (código de convenio nº 8200895), que se subscribiu coa data do 5 de maio de 2006 entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de

conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2006

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de traballo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Sección primeira

Ámbito

Artigo 1º Ámbito funcional.

As disposicións deste convenio serán aplicables aos traballadores, traballadoras e empresas dedicados a atención e transporte aéreo, terrestre e marítimo de enfermos e/ou accidentados, así como de equipos médicos, órganos, sangue e mostras biolóxicas.

Este convenio será aplicable a todas as empresas que presten os seus servizos no sector.

Este convenio será aplicable a todos os traballadores e traballadoras que presten os seus servizos nas empresas antes indicadas, calquera que sexa a súa categoría profesional, coa única excepción dos altos cargos os que se refire o artigo 2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 2º Ámbito territorial.

Este convenio será aplicable para as actividades descritas no artigo 1 que se realicen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección segunda

Vixencia, duración, prórroga e denuncia para a súa revisión ou rescisión

Artigo 3º Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor para todos os efectos o 1 de xaneiro de 2005 e finalizará a súa vixencia o 31 de decembro de 2008.

Artigo 4º Denuncia do convenio.

Este convenio quedará automaticamente denunciado ao seu remate.

Non obstante o anterior, e para evitar o baleiro normativo mentres non se substitúa por outro, a totalidade do texto do convenio será de aplicación nas empresas do seu ámbito funcional.

Sección terceira

Prelación de normas, compensación, absorción, vinculación á totalidade

Artigo 5º Prelación de normas.

Dadas as peculiaridades que concorren no ámbito a que se refire este convenio, o acordado polas partes regula con carácter xeral as relacións entre a empresa e os seus traballadores/as en todas as materias comprendidas no seu contido, mesmo aquelas en que a súa regulación se pacta de forma diferente á que recolle a normativa xeral aplicable.

En todo o que non estea previsto neste convenio, aplicarase o convenio estatal e a normativa laboral vixente.

Artigo 6º Compensación e absorción.

As melloras económicas globais contidas neste convenio compensarán e absorberán as vixentes nas empresas que sexan superiores ás aquí pactadas, agás aquelas que deriven de convenio de ámbito inferior que se pacten en desenvolvemento deste convenio autonómico galego.

Artigo 7º Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente. No suposto de que a autoridade administrativa ou xudicial competente, facendo uso das súas facultades, non homologarse algún dos seus artigos ou parte do seu contido, este convenio quedará nulo e sen eficacia ningunha, e procederase á reconsideración do seu contido total, salvo que o dito artigo ou artigos non teñan un contido económico; en tal caso, revisaranse só os artigos rexeitados.

Artigo 8º Garantía persoal.

Todas as condicións económicas e de calquera índole contidas neste convenio teñen a consideración de mínimas; polo tanto, os pactos, cláusulas e condicións vixentes en calquera contrato, considerados globalmente e que no cómputo anual impliquen condicións máis beneficiosas para o/a traballador/a ou grupo de traballadores/as, en relación coas que se establecen, subsistirán como garantía persoal de quen veña gozando delas.

Porén, nas condicións específicas relacionadas coa cualificación e disposición do servizo de ambulancias, así como o referente á clasificación profesional, rexerá o que o convenio estatal dispón.

Sección cuarta

Subrogación

Artigo 9º Subrogación do contrato coa Administración.

Cando unha empresa perda a adxudicación dos servizos concertados mediante concurso público de xestión de servizos públicos, por resolución ou remate do contrato coa Administración, a nova empresa adxudicataria estará obrigada a subrogarse nos contratos laborais dos traballadores que viñan prestando ese servizo, respectando en todo caso a modalidade de contratación destes e máis os dereitos e obrigas de que gozasen nos seis meses anteriores á adxudicación na empresa substituída, sempre e cando estes proveñan de pactos e acordos lícitos que se puxesen no seu coñecemento xunto coa documentación pertinente:

  1. A devandita subrogación de persoal producirase única e exclusivamente con respecto aos seguintes traballadores/as:

    1. Traballadores/as en activo cunha antigüidade mínima no servizo obxecto do contrato dos últimos seis meses anteriores á data en que a adxudicación do contrato se produza, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, antes do citado período de seis meses, traballasen noutra actividade. En caso de dúbida, considerarase o cómputo da dedicación ao servizo do 50% da xornada no dito período.

    2. Traballadores/as con dereito a reserva do posto de traballo que, no momento da adxudicación da actividade, teñan unha antigüidade mínima de seis meses nela e estean enfermos, en descanso maternal, accidentados, en excedencia, de vacacións, de permiso, en descanso semanal, no servizo militar ou situacións análogas.

    3. Traballadores de novo ingreso que por exixencias do cliente se incorporasen á actividade como consecuencia dunha ampliación nos seis meses anteriores á nova adxudicación daquela.

    4. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan algún dos traballadores mencionados no número 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

    5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen ao cumpriren os 64 anos dentro dos seis últimos meses anteriores á adxudicación da actividade e teñan unha antigüidade mínima nela dos seis meses anteriores á xubilación, nos termos e condicións do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

    6. Non obstante o anterior, quedan excluídos da aplicación da presente cláusula de subrogación aqueles empregados que sexan directivos da súa empresa, así como aqueles unidos por vínculos de consanguinidade e afinidade, salvo que acrediten a existencia de relación contractual.

  2. Todos os supostos anteriormente recollidos deberá acreditalos fidedigna e documentalmente a empresa cesante á adxudicataria, aos seus traballadores/as e mais aos representantes destes mediante os documentos que se especifican no punto i), no prazo de dez días naturais, contados desde que a empresa adxudicataria llo requira fidedignamente á empresa cesionaria, sempre e cando se trate de documentos que se emitisen ou deberían terse emitido.

    Pola súa vez, a empresa adxudicataria está na obriga de lle solicitar a documentación á cesante no prazo de dez días naturais desde a adxudicación provisoria; no caso contrario, asumirá todo o persoal que a cesante lle transfira sen poder obxectar.

    Para os efectos da acreditación entre a empresa cesante e a empresa adxudicataria, aclárase que se considerarán medios fidedignos de comunicación os seguintes: envío da documentación por conduto notarial mediante burofax, telegrama, Consello de Relacións Laborais, sindicatos asinantes do convenio, ou método equivalente que deixe constancia do contido. Esta documentación poderá presentarse en...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR