Resolución do 26 de abril de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A. (Begano, S.A.).

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango de LeyResolución

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A. (Begano, S.A.), (código de convenio nº 8200222), que se suscribiu coa data do 21 de xuño de 2005, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2006.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo da empresa

Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A.

Capítulo I

Ámbito, vixencia, duración e dereito supletorio

Artigo 1º Ámbito persoal, funcional e territorial.

Este convenio colectivo regulará todas as relacións sociolaborais establecidas entre Begano, S.A. e os seus traballadores, entendéndose como tales a totalidade dos empregados que a empresa ten distribuídos nos seus distintos centros de traballo en toda a Comunidade Autónoma de Galicia e que poidan estar actualmente a traballar ou que se incorporen durante a vixencia do convenio.

Quedan excluídos do ámbito deste convenio e suxeitos ao seu propio estatuto particular, os directores, os xefes de área ou de departamento e os delegados da dirección xeral.

Artigo 2º Vixencia.

Este convenio colectivo asínase por un período de 3 anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2005 ao 31 de decembro de 2007, sen prexuízo da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Os efectos económicos, de acordo coa práctica habitual, retrotraeranse até o 1 de xaneiro de 2005, con independencia da data do acordo.

Artigo 3º Denuncia, prórroga e dereito transitorio.

Chegado o termo da vixencia do convenio, este quedará denunciado automaticamente sen necesidade de denuncia expresa das partes.

Calquera das partes asinantes poderá para efectos informativos facer constar desde ese momento a finalización a través das vías legais.

Extinguido o convenio, as partes comprométense a, nun prazo máximo de dous meses desde a finalización, presentar as súas propostas de renovación e iniciar un novo proceso negociador.

Durante o período transitorio que media entre a finalización do convenio anterior e a aprobación do novo texto estarán vixentes todas as cláusulas normativas, perdendo soamente vigor as cláusulas obrigacionais.

Artigo 4º Dereito supletorio.

En todo aquilo que non estea regulado neste convenio, e sen prexuízo dos mínimos de dereito necesario que concorran, resultará de aplicación, especialmente no relativo a categorías e réxime sancionador, o Acordo Marco da Industria de Bebidas Refrescantes, que se anexa (anexo III), ou o instrumento que coa mesma lexitimación o substitúa, sen prexuízo da debida aplicación do Estatuto dos traballadores como dereito supletorio e mínimo.

Artigo 5º Dereitos adquiridos. absorción e compensación.

Todas as condicións económicas ou de calquera índole contidas neste convenio se establecen co carácter de mínimas, polo que outros pactos, cláusulas ou situacións vixentes que impliquen condicións máis beneficiosas serán respectados e non absorbidos nin compensados.

Capítulo II

Interpretación do convenio e resolución

de conflitos

Artigo 6º Interpretación e seguimento do convenio.

Establécese como órgano para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio, unha comisión de tipo paritario, formada por membros da dirección da empresa e da representación sindical, cuxas funcións serán:

  1. Interpretación auténtica do convenio.

  2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ambas as partes, de común acordo, en asuntos derivados da aplicación deste convenio.

  3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder aos organismos públicos competentes.

  4. Vixilancia do cumprimento do pactado.

  5. Calquera outra que as partes, especialmente e de mutuo acordo, pacten.

A comisión comporase de oito vogais, catro por cada parte de entre as que actuaron na mesa negociadora do convenio. Das súas sesións redactarase acta na cal se consignarán os acordos e resolucións que se adopten e que deberá ser asinada polos intervenientes. Poderase nomear de común acordo un asesor ou experto por cada representación, se ben que terán voz pero non dereito a voto.

A comisión será convocada por calquera das partes, bastando para isto unha comunicación escrita en que se expresarán os puntos para tratar na orde do día, así como unha proposta de data, lugar e hora para a celebración da reunión, á cal deberá contestar a outra parte nun prazo non superior a tres días. Sempre que as circunstancias o permitan, deberase celebrar a reunión nun prazo non superior a quince días contados desde o acordo de celebración.

Entenderase validamente constituída a comisión cando asista á convocatoria a maioría simple dos membros de cada representación.

Para a válida adopción de acordos requirirase, igualmente, o voto favorable da maioría simple de cada unha das dúas representacións.

Artigo 7º AGA, Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de resolución de conflitos de traballo.

Ante a importancia que poida supor para a resolución dos conflitos laborais a elaboración do AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio acordan someterse durante a súa vixencia, ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formuladas (DOG do 4 de maio de 1995).

Capítulo III

Política de emprego e contratación

Artigo 8º Política de emprego.

Begano, S.A. manterá durante a vixencia do convenio a súa política de creación e mantemento de emprego estable, para o cal a dirección, de acordo coa representación sindical, se compromete a crear como mínimo 29 postos de traballo fixo, 18 durante o primeiro ano de vixencia, 6 durante o segundo e 5 durante o terceiro.

Da creación de emprego informarase puntualmente á representación sindical e farase pública tal situación nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo da empresa.

Artigo 9º Acceso e promoción.

Coa finalidade de permitir a concorrencia e promoción de todos os empregados aos posibles postos de traballo fixos existentes ou que poidan existir por nova creación en Begano, S.A., as posicións vacantes ou de nova creación serán debidamente

publicadas e ofertadas, con coñecemento da representación dos traballadores a través dos medios dispoñibles en todos os centros de traballo.

A concorrencia á súa cobertura será libre para todos os empregados.

As ofertas incluirán os requirimentos, métodos de cualificación e perfís exixidos para cada posto de traballo e nelas farase constar que se dará preferencia a aqueles empregados que teñan a condición de fixos ou a aqueles eventuais con contrato en vigor que desexen concorrer á praza.

A dirección dará coñecemento dos concorrentes a cada convocatoria aos representantes dos traballadores e, se non houber candidatos internos, proverase o posto polos vías habituais de selección.

Artigo 10º Contratos de traballo.

Todo empregado recibirá ao inicio da súa relación laboral o seu contrato de traballo por escrito.

Ao finalizar a relación laboral expediráselle a proposta de liquidación e o oportuno certificado de traballo coa acreditación da formación recibida durante a prestación laboral.

A representación sindical terá o debido coñecemento do contrato a través das copias básicas e da súa finalización a través do documento correspondente.

Capítulo IV

Organización

Artigo 11º Organización do traballo.

As facultades da organización do...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR