Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorPRESIDENCIA
Rango de LeyLei

Exposición de motivos

Galicia caracterizouse historicamente por ser o berce dun moi amplo repertorio de produtos alimentarios de indubidable calidade, cun prestixio alén das súas fronteiras, pois proxectáronse ao exterior, en gran medida, grazas ao labor realizado polos galegos emigrantes, que actuaron como auténticos embaixadores, ao propagaren o noso riquísimo patrimonio gastronómico e cultural.

É precisamente un obxectivo básico desta lei o fomento e a posta en valor destes produtos alimentarios cunha calidade diferenciada, co potenciamento das denominacións xeográficas de calidade, como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas, ou doutras figuras de protección da calidade, como os produtos da artesanía alimentaria, a agricultura ecolóxica ou a produción integrada; obxectivo que repercutirá de xeito positivo no desenvolvemento económico das zonas rurais, en moitos casos con serios problemas de despoboamento.

Pero, ademais, trátase de darlles resposta ás demandas cada vez maiores dos consumidores -sobre todo despois das crises alimentarias vividas en Europa nos últimos anos- que exixen do mercado que ofreza produtos de calidade contrastada. Neste senso, a lei, á parte de potenciar as referidas figuras de protección da calidade, coas garantías de control adicional que a elas lles son inherentes, establece obrigas de carácter xeral para todos os operadores alimentarios, co obxecto de que se garanta a trazabilidade ou rastrexabilidade de toda a produción alimentaria da comunidade autónoma, en liña cos fundamentos recollidos no Libro branco sobre seguridade alimentaria, que se viron plasmados, pola súa vez, no Regulamento (CE) núm. 178/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria.

Por outra banda, a lei establece unha serie de dereitos e deberes que afectan os operadores alimentarios, a prol de crear un marco de competencia leal entre eles, e regula ademais un réxime de infraccións e sancións que unifica a actual dispersión de normas existentes na materia.

En definitiva, esta lei trata de favorecer a seguridade alimentaria e establécelles obrigas aos operadores conducentes a garantir as calidades e a trazabilidade dos produtos así como a promover a cali

dade dos alimentos producidos e comercializados no territorio da comunidade autónoma, tratando de que esta calidade se consiga a través dunha competencia en pé de igualdade entre os operadores alimentarios.

Ademais, no ámbito de potenciación da calidade da produción alimentaria galega, esta lei prevé a creación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, coa intención de que sexa o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade dos produtos acollidos ás distintas denominacións xeográficas ou a outras figuras de protección da calidade diferencial.

Este instituto, que se crea como ente de dereito público, pretende ser unha eficaz ferramenta de apoio á actividade dos consellos reguladores. E é que o exercicio das funcións propias dos consellos reguladores supón un labor de notable complexidade. Se a isto lle unimos que o desenvolvemento eficaz destas funcións constitúe o factor que caracteriza a credibilidade das distintas denominacións xeográficas de calidade, hai que concluír que estes órganos precisan ter unha estrutura eficiente de funcionamento desde a súa creación, necesaria ademais para cumpriren as exixencias que lles impón a normativa aplicable. A necesidade desta estrutura, por forza custosa, é unha importante pexa para o axeitado funcionamento de moitos dos actuais consellos reguladores e limita a posibilidade de creación de novas denominacións xeográficas para produtos que, cumprindo todos os requisitos que a normativa exixe para acadar esta condición, non contan cun número abondo de produtores e elaboradores que sirva para manter a devandita estrutura.

Deste xeito, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria podería asumir, nos casos que fose necesario, os labores de control e certificación así como outros servizos de apoio á xestión dos consellos.

Noutra orde de cousas, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria nace con vocación de ser un instrumento para a catalización da actividade de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario, que supla os déficits que nesta materia se producen na nosa comunidade autónoma, debidos, polo xeral, á escasa dimensión da nosa industria agraria e alimentaria, coa que colaboraría activamente.

Este texto legal dítase ao abeiro das alíneas 3 e 4 do artigo 30.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, que lle outorga á nosa Comunidade Autónoma competencia exclusiva, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria, en materia de agricultura e gandaría así como de denominacións de orixe, esta última en colaboración co Estado.

No devandito marco competencial aprobáronse os reais decretos 4189/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de denominacións de orixe, e 2165/1994, do 4 de

novembro, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria.

A lei estrutúrase en seis títulos, e no título primeiro establécese o obxecto e o seu ámbito de aplicación, que afectará a todas as fases da produción, a transformación e a comercialización dos produtos alimentarios que se realicen no territorio galego, estendéndose o termo «alimentario» tanto aos produtos destinados á alimentación humana -incluídos o viño, as bebidas espirituosas e mais os produtos da pesca, a acuicultura e o marisqueo- coma aos destinados á alimentación animal.

No título segundo recóllense os dereitos e os deberes dos operadores alimentarios, a prol de crear un marco de competencia leal.

Entre os dereitos recóllense os relativos á protección dos intereses económicos, a indemnización ou reparación dos danos e perdas sufridos, a información correcta sobre as características das materias e dos elementos para a produción e a comercialización alimentarias e mais a audiencia previa no procedemento de elaboración de disposicións xerais que afecten directamente os intereses dos operadores alimentarios.

Polo que respecta aos deberes, estes poderíanse sintetizar na suxeición aos preceptos desta lei, evitando e denunciando calquera forma de fraude, adulteración, abuso ou neglixencia que poña en perigo os intereses xerais, económicos ou sociais do sector alimentario, axustando a súa actividade á elaboración de produtos conformes coas normas, dentro dun marco de libre competencia.

O título terceiro está dedicado ás distintas figuras de calidade diferenciada. O seu primeiro capítulo recolle os obxectivos da lei en relación co fomento desas figuras. E o segundo refírese ás denominacións xeográficas de calidade e configura os seus órganos de xestión -os consellos reguladores- como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento das súas funcións, que tamén se recollen neste mesmo capítulo. Así mesmo, neste capítulo establécese a titularidade pública dos nomes das denominacións xeográficas de calidade e determínase o seu réxime de protección.

O terceiro capítulo deste título terceiro está dedicado á artesanía alimentaria, de tal xeito que as actividades artesanais relacionadas coa elaboración de alimentos se desvencellan do ámbito de aplicación da Lei 1/1992, do 11 de marzo, reguladora da artesanía de Galicia, xa que estas actividades presentan unhas características moi diferenciadas do resto das previstas por esa lei, o que as fai merecedoras dun desenvolvemento normativo autónomo.

En relación con esta materia, a lei pretende pór en valor a gran cantidade de produtos alimentarios que son elaborados na nosa comunidade por peque

nas empresas que, utilizando procesos produtivos respectuosos co medio ambiente, lle garanten ao consumidor un produto final individualizado, de calidade e cunhas características diferenciais, co emprego de materias seleccionadas, unha elaboración tradicional e mais unha senlleira presentación, e que se obteñen grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal do artesán.

Dentro destes produtos artesáns, a lei regula tamén dúas categorías específicas, como son os produtos «da casa» ou «caseiros» -elaborados con materias primas da propia explotación- e «de montaña» -elaborados en zonas así cualificadas pola normativa aplicable-, e establece unha protección para todos estes apelativos.

O derradeiro capítulo deste título establece a creación dunha marca, ao abeiro da lexislación xeral sobre a materia, da que a Xunta de Galicia terá a súa titularidade e que poderá ser utilizada por produtos alimentarios que posúan unhas características de calidade diferenciada e que se elaborasen baixo controis específicos.

Este distintivo poderá ser utilizado nos produtos acollidos ás distintas denominacións xeográficas de calidade, nas especialidades tradicionais garantidas, nos produtos da artesanía alimentaria, nos da agricultura ecolóxica e mais nos da produción integrada. Con isto preténdese crear unha imaxe de marca común que facilite a identificación dos produtos que posúan unhas características de calidade específicas.

O título cuarto refírese ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria, do que define os seus obxectivos e funcións, as súas facultades, o seu réxime xurídico e mais os seus órganos de goberno, e do que tamén bosquexa o seu réxime económico, patrimonial e de persoal. Todo isto será obxecto de desenvolvemento regulamentario posterior.

O título quinto refírese ao aseguramento da calidade e ten como obxectivo, recollido no capítulo primeiro, garantir a conformidade dos produtos alimentarios e establecer tamén un marco de competencia leal entre os operadores do sector.

No capítulo segundo del establécense as obrigas que a este respecto lles corresponden aos operadores alimentarios. Neste senso formúlase a necesidade do establecemento dun sistema de control interno, que implica que en todas as industrias alimentarias debe existir un sistema de documentación que permita definir as fases do proceso de elaboración e garantir o seu control, e débese establecer un plan de control de calidade.

Así mesmo recóllese a obriga para os operadores alimentarios de estableceren un sistema de rexistro e tratamento das reclamacións e de retirada dos produtos non conformes.

Por último, neste capítulo recóllense todas as obrigas conducentes a garantiren a trazabilidade dos produtos alimentarios.

No capítulo terceiro deste título regúlanse as funcións da administración no que respecta á inspección e ao control, establecéndose o marco no que os órganos encargados destas funcións poden actuar para velaren polo cumprimento das obrigas dos operadores alimentarios. Do mesmo xeito, recóllense os mecanismos necesarios para que os devanditos órganos poidan realizar con eficacia as tarefas que a lei lles encomenda, sendo a inspección e o control oficial os elementos do sistema de aseguramento da calidade que garanten a aplicación correcta da normativa alimentaria a través da investigación das infraccións e das prácticas que poidan ser susceptibles de infrinxir a normativa.

En directa conexión co anterior, o capítulo cuarto deste título regula a adopción de medidas cautelares e preventivas, en especial as adoptadas como consecuencia dos descubrimentos realizados pola inspección.

O título sexto desta lei regula a potestade sancionadora, para o que recolle no seu primeiro capítulo a atribución da devandita potestade e no segundo o réxime de infraccións e sancións. En relación con isto último, hai que dicir que se fixo unha regulación exhaustiva, coa intención de incluír nun único texto todas as condutas que poidan prexudicar a calidade dos produtos ou a transparencia nos intercambios comerciais. Con todo, débese destacar que deste réxime de infraccións e sancións se exclúen o viño e os produtos vitivinícolas, aos que lles será aplicable o contido na lexislación estatal e autonómica específica.

Para rematar, a lei conta con nove disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras, que se ditan para facilitar a súa aplicación.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

TÍTULO I

Principios xerais

Artigo 1 Obxecto.

Esta lei ten por obxecto:

  1. Establecer normas que garantan a calidade dos produtos alimentarios de Galicia e a súa conformidade coa normativa que lles é aplicable co fin de

    asegurar a lealdade das transaccións comerciais alimentarias e a protección dos dereitos e os intereses lexítimos dos produtores agrarios, dos operadores económicos e dos profesionais do sector, así como dos consumidores finais, no territorio de Galicia.

  2. Establecer as obrigas dos operadores alimentarios de Galicia, regular a actuación de inspección e de control da administración autonómica e establecer o réxime sancionador, en materia de calidade e conformidade alimentarias.

  3. Fomentar e pór en valor as producións alimentarias de calidade da comunidade autónoma.

Artigo 2 Ámbito.

Esta lei aplicaráselles a todas as actuacións que en materia de calidade e conformidade da produción, a transformación e a comercialización alimentarias se realicen no territorio de Galicia.

Artigo 3 Definicións.

Para os efectos desta lei, enténdese por:

  1. Produto alimentario: calquera produto ou substancia, incluído o viño e as bebidas espirituosas e mais os produtos da pesca, a acuicultura e o marisqueo, que se destine ou teña unha probabilidade razoable de destinarse á alimentación humana, así como os produtos ou as substancias dedicadas á alimentación animal. Deste concepto exclúense:

    1. As sementes.

    2. Os medicamentos.

    3. Os produtos fitosanitarios.

    4. Os produtos zoosanitarios.

    5. Os pensos medicamentosos.

    6. Os alimentos infantís e dietéticos.

    7. Os cosméticos.

    8. O tabaco e os produtos derivados.

  2. Materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias: calquera produto ou substancia, materia prima, aditivo, produto intermedio, produto acabado e outros produtos de adición, así como os envases, as etiquetas, os útiles, as instalacións, os documentos, as actividades e os servizos utilizados na produción ou na comercialización alimentarias ou con probabilidade razoable de utilizarse. Terán tamén esta consideración os fertilizantes agrícolas.

  3. Trazabilidade: a capacidade de reconstruír o historial dun produto alimentario ou dunha materia ou un elemento para a produción e a comercialización alimentarias mediante un sistema documentado, que permita seguilo no espazo e no tempo e mais coñecer, á vez, a identidade e a localización dos operadores que interveñen, así como as características cualitativas e as condicións de produción e de distribución do produto en cuestión, ao longo de todas as etapas da súa produción, transformación e comercialización.

  4. Operador alimentario: toda persoa física ou xurídica que desenvolve, con ou sen ánimo de lucro, actividades relacionadas con calquera das etapas da produción, a transformación e a comercialización de produtos alimentarios. O concepto de operador alimentario exclúe as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de produción primaria, agás no suposto dos inscritos en denominacións xeográficas e noutros distintivos de calidade respecto das obrigas inherentes á súa pertenza a elas.

  5. Conformidade dun produto alimentario ou dunha materia ou un elemento para a produción ou a comercialización: adecuación do devandito produto, materia ou elemento ao establecido nesta lei e nas demais normas que lle sexan aplicables.

  6. Etapas da produción, a transformación e a distribución: calquera das fases que van desde a produción primaria dun produto alimentario ou dunha materia ou un elemento para a produción e a comercialización alimentarias, ata a súa comercialización, coa inclusión, en particular, das actividades de produción, fabricación, elaboración, manipulación, procesamento, preparación, tratamento, acondicionamento, envasado, embotellado, etiquetaxe, depósito, almacenamento, exposición, conservación, expedición, transporte, circulación, importación, exportación, venda ou subministración.

  7. Comercialización: a posesión, o ter, o depósito ou o almacenamento para a súa venda, a oferta de venda ou calquera outra forma de transferencia ou cesión dun produto alimentario ou dunha materia ou un elemento para a produción e a comercialización alimentarias.

    TÍTULO II

    Dos dereitos e deberes dos operadores alimentarios

    Capítulo I

    Dereitos dos operadores alimentarios

Artigo 4 Dereitos.

De acordo coa normativa xeral aplicable, son dereitos básicos dos operadores alimentarios:

  1. A protección dos seus lexítimos intereses económicos, e en particular a protección contra a competencia desleal.

  2. A indemnización ou a reparación dos danos ou das perdas sufridas polo funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

  3. A información correcta, veraz e completa sobre as características das materias e dos elementos para a produción e a comercialización alimentarias adquiridos.

  4. A audiencia previa no procedemento de elaboración das disposicións xerais que os afecten directamente e a representación dos seus intereses.

Todo isto a través das asociacións, as organizacións, as agrupacións ou as confederacións de operadores alimentarios.

Capítulo II

Deberes dos operadores alimentarios

Artigo 5 Deberes.

Os operadores alimentarios quedarán suxeitos aos requisitos, as condicións, as obrigas e mais as prohibicións establecidas nesta lei e nas demais normas específicas que lles sexan aplicables, quedando en particular obrigados a:

  1. Asegurar e garantir que os produtos alimentarios ou as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias cumpren coa lexislación vixente en materia de calidade e conformidade.

  2. Pór en coñecemento dos órganos competentes calquera forma de fraude, falsificación, alteración, adulteración, abuso, neglixencia ou algunha outra práctica que induza a engano a outros operadores alimentarios ou ao consumidor e prexudique ou poña en perigo a calidade dos produtos alimentarios, a protección do consumidor ou os intereses xerais, económicos ou sociais do sector alimentario.

  3. Comunicarlle de inmediato á administración, así que sexa coñecida a circunstancia polo propio operador, a comercialización de produtos alimentarios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias que el mesmo comercializase e que non cumpran a lexislación vixente en materia de calidade e conformidade.

  4. Informar o receptor ou o consumidor sobre as características esenciais e as condicións de produción e distribución dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

    Igualmente, asegurarán que a información relativa á etiquetaxe, a publicidade e a presentación, incluída a súa forma, aparencia ou envasado e os materiais de envasado dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias, non inducen a engano nin aos receptores nin aos consumidores.

  5. Dispor dos elementos necesarios que demostren a veracidade e a exactitude das informacións facilitadas ou que figuren na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento, nos documentos comerciais, na publicidade e mais na presentación dos produtos alimentarios, das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias que comercialicen, así como dos produtos utilizados na súa produción ou transformación.

  6. Colaborar cos servizos de inspección.

  7. Dispor dos sistemas que, para o aseguramento da calidade e para garantir a trazabilidade dos produtos alimentarios, se recollen no capítulo II do título V desta lei.

    TÍTULO III

    Figuras de promoción da calidade alimentaria

    Capítulo I

    Fomento da calidade diferenciada

Artigo 6 Obxectivos.

En materia de fomento da calidade diferenciada, esta lei ten os seguintes obxectivos:

  1. Incentivar entre os operadores alimentarios o emprego dos diferentes distintivos de calidade e da orixe.

  2. Establecer medidas para favorecer as iniciativas de colaboración e interacción entre os operadores alimentarios.

  3. Contribuír á promoción destes produtos no mercado interno e internacional.

  4. Preservar e valorar o patrimonio dos produtos alimentarios de Galicia e a artesanía alimentaria.

Capítulo II

Denominacións xeográficas de calidade

Artigo 7 Denominacións xeográficas.
  1. Para os efectos desta lei, entenderanse por denominacións xeográficas de calidade as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas reguladas no R (CEE) 2081/1992, do 14 de xullo; as denominacións específicas e as denominacións xeográficas de bebidas espirituosas ás que se refire o R (CEE) 1576/1989, do 29 de maio, e os viños de mesa con indicación xeográfica e as distintas categorías de viños de calidade producidos en rexións determinadas que se establecen no R (CEE) 1493/1999, do 17 de maio, e mais na normativa concordante.

  2. En todo caso, ás distintas denominacións xeográficas de calidade seralles aplicable a normativa xeral citada no apartado anterior.

Artigo 8 Protección dos nomes das denominacións xeográficas de calidade

Titularidade e uso.

  1. Os nomes das denominacións xeográficas de calidade son bens de titularidade pública e non poderán ser obxecto de apropiación individual, nin de venda, alleamento ou gravame.

  2. A protección outorgada por unha denominación xeográfica de calidade esténdese ao uso dos nomes das rexións, as comarcas, os concellos, as parroquias e as localidades que compón a súa respectiva área xeográfica en relación con produtos da mesma ou similar natureza.

  3. A utilización das denominacións xeográficas de calidade e dos nomes aos que se refiren estará reservada exclusivamente para os produtos que teñan dereito ao seu uso.

  4. Non poderá negárselle o acceso ao uso da denominación, nin, polo tanto, a condición de membro dela, a calquera persoa física ou xurídica que o solicite e cumpra os requisitos establecidos na normativa aplicable, agás nos supostos de sanción firme na vía administrativa por infraccións que leven apa

rellada a suspensión temporal ou definitiva do uso do nome protexido.

Artigo 9 Ámbito da protección.
  1. Os nomes de cada denominación quedarán protexidos fronte a un uso distinto ao regulado nesta lei e nas normas concordantes.

  2. A protección estenderase desde a produción a todas as fases de comercialización, presentación, publicidade e etiquetaxe, así como aos documentos comerciais dos produtos afectados. A protección implica a prohibición de empregar calquera indicación falsa ou enganosa en canto á procedencia, a orixe, a natureza ou as características esenciais dos produtos no envase ou na embalaxe, na publicidade ou nos documentos relativos a eles.

  3. Os nomes protexidos por unha denominación non poderán ser empregados na designación, a presentación ou a publicidade dos produtos que non cumpran os requisitos exixidos na denominación, aínda que tales nomes sexan traducidos a outras linguas ou vaian precedidos de expresións como «tipo», «estilo», «imitación» ou outras similares, nin aínda cando se indique a verdadeira orixe do produto. Non poderán empregarse tampouco expresións do tipo «embotellado en», «envasado en» ou outras análogas.

  4. As marcas, os nomes comerciais ou as razóns sociais que fagan referencia aos nomes xeográficos protexidos polas denominacións unicamente poderán utilizarse en produtos con dereito á denominación da que se trate, sen prexuízo do previsto na normativa comunitaria nesta materia.

  5. No caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social sexa utilizada para a comercialización dun produto con denominación xeográfica de calidade e outro ou outros de similar especie que carezan da devandita denominación de calidade, deberase introducir na etiquetaxe, na presentación e na publicidade destes produtos elementos abondos que permitan diferenciar de maneira clara e sinxela o produto con denominación do que non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nos consumidores.

  6. Sen prexuízo do que dispón o apartado anterior, a normativa propia de cada denominación xeográfica de calidade poderá exixir que as marcas comerciais que se utilicen nos produtos por ela amparados non sexan utilizadas noutros de similar especie que non estean acollidos á súa protección.

Artigo 10 Procedemento de recoñecemento dunha denominación xeográfica.
  1. Poderá solicitar unha denominación xeográfica toda organización, calquera que sexa a súa forma xurídica ou a súa composición, de produtores e/ou transformadores interesados no mesmo produto agrícola ou alimentario ou, nos casos excepcionais, as persoas físicas ou xurídicas.

  2. Os solicitantes deberán acreditar a súa vinculación profesional, económica e territorial cos produtos para os que se solicita a inscrición, pola súa condición de produtores ou transformadores que exerzan a súa actividade no ámbito xeográfico da denominación.

  3. A solicitude efectuarase perante a consellaría competente verbo da natureza do produto do que se trate, da forma na que regulamentariamente se estableza.

Artigo 11 Regulamento dunha denominación xeográfica.
  1. As denominacións xeográficas rexeranse por un regulamento, do que a Xunta de Galicia determinará unhas bases xerais e que deberá establecer, polo menos, os seguintes aspectos:

    1. O nome da denominación.

    2. A definición expresa do produto que se vai protexer.

    3. A delimitación da zona de produción e/ou elaboración.

    4. As especies, as variedades ou as razas aptas para produciren a materia prima.

    5. As prácticas de cultivo, produción, elaboración e transformación.

    6. As características e mais as condicións da materia prima, de ser o caso.

    7. As características do produto final.

    8. A estrutura de control e certificación.

    9. Os rexistros.

    10. O réxime de declaracións e controis para asegurar a calidade, a orixe e a especificidade dos produtos amparados.

    11. Os elementos específicos da etiquetaxe.

    12. Os dereitos e as obrigas dos inscritos nos rexistros.

    13. A constitución e a composición do consello regulador.

    14. A organización administrativa e o financiamento do consello regulador.

    Malia o anterior, as disposicións específicas establecerán, para o caso dos regulamentos dos viños da terra, os contidos mínimos que estes deben abranguer.

  2. Os regulamentos das denominacións xeográficas e as súas modificacións aprobaraos o conselleiro competente verbo da natureza do produto do que se trate, a través do procedemento que estableza a Xunta de Galicia.

Artigo 12 Réxime xurídico dos consellos reguladores.
  1. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas do sector alimentario existentes no ámbi

    to territorial da Comunidade Autónoma galega constitúense como corporacións de dereito público ás que se lles atribúe a xestión das respectivas denominacións, coas funcións que determinan esta lei e as normas regulamentarias que a desenvolvan, así como os seus respectivos regulamentos.

  2. Os consellos reguladores teñen personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento dos seus fins, e o seu funcionamento está suxeito ao réxime de dereito privado con carácter xeral, bardante das actuacións que supoñan o exercicio de potestades públicas, nas que se someterán ás normas do dereito administrativo.

  3. As competencias do consello regulador estarán limitadas aos produtos protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización, e ás persoas inscritas nos rexistros que a norma reguladora desa denominación estableza.

  4. A tutela administrativa sobre cada consello regulador exerceraa a consellaría á que lle corresponda en función da natureza do produto protexido.

    A tutela comprenderá o control de legalidade dos actos e acordos dos seus órganos de goberno suxeitos ao dereito administrativo, a resolución dos recursos contra actos ditados no exercicio das súas funcións públicas e o control de legalidade das demais actuacións que se prevexan nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

  5. Forman parte do consello regulador os produtores, os elaboradores e, de ser o caso, os comercializadores, inscritos nos rexistros correspondentes da denominación.

  6. A constitución, a estrutura e o funcionamento dos consellos reguladores rexeranse por principios democráticos. Estes aspectos determinaranse a través do desenvolvemento regulamentario oportuno, cumprindo en calquera caso o previsto nesta lei e na demais normativa de aplicación, e mantendo como principio básico o seu funcionamento sen ánimo de lucro e a representatividade dos intereses económicos dos distintos sectores que integran a denominación.

  7. Os órganos de goberno dos consellos reguladores serán o pleno, o presidente, o vicepresidente e calquera outro que se estableza no seu respectivo regulamento.

  8. Corresponderalles aos consellos reguladores a organización dos procesos de elección dos seus órganos de goberno, de acordo con principios democráticos.

  9. A consellaría competente verbo da natureza do produto protexido pola denominación designará ata dous delegados, que formarán parte do pleno con voz pero sen voto.

  10. Para a contratación de persoal propio en réxime laboral, os consellos reguladores axustarán a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Artigo 13 Recoñecemento dos consellos reguladores.
  1. Regulamentariamente estableceranse os requisitos formais e materiais e mais o procedemento de recoñecemento dos consellos reguladores.

  2. O conselleiro competente verbo da natureza do produto protexido pola denominación, se se cumpren os requisitos legais establecidos, ditará resolución de recoñecemento do consello regulador solicitado.

Artigo 14 Funcións dos consellos reguladores.
  1. Son funcións dos consellos reguladores:

    1. Xestionar os correspondentes rexistros de operadores da denominación.

    2. Velar polo prestixio e o fomento da denominación e mais denunciar, de ser o caso, calquera uso incorrecto perante os órganos administrativos e xurisdicionais competentes.

    3. Aplicar, de ser o caso e nos termos establecidos no artigo 15, os sistemas de control establecidos pola normativa comunitaria e polos seus propios regulamentos, referidos aos produtos, a calidade, as circunstancias conducentes á certificación do produto final e outros que correspondan.

    4. Velar polo cumprimento das disposicións dos correspondentes regulamentos.

    5. Investigar e difundir o coñecemento e a aplicación dos sistemas de produción e comercialización propios da denominación, e asesorar as empresas que o soliciten e a administración.

    6. Proporlle á consellaría competente verbo da natureza do produto as modificacións oportunas dos seus regulamentos.

    7. Formularlle á consellaría propostas de modificación, orientacións de intervención no sector, mesmo de cambios ou reformas normativas, e propostas de actuacións inspectoras.

    8. Informar os consumidores sobre as características de calidade dos produtos.

    9. Realizar actividades promocionais.

    10. Elaborar estatísticas de produción, elaboración e comercialización dos produtos amparados, para uso interno e para a súa difusión e xeral coñecemento.

    11. Xestionar as cotas obrigatorias que se establezan no regulamento da denominación para o seu financiamento.

    12. Formar e manter actualizados os rexistros de produtores e elaboradores.

    13. Expedir certificados de orixe e precintos de garantía, incluída a autorización das etiquetas e contraetiquetas dos produtos amparados pola denominación, sen prexuízo do establecido no artigo 15.

    14. Autorizar e controlar o uso das etiquetas comerciais utilizables nos produtos protexidos, a través dos servizos técnicos, naqueles aspectos que afecten a denominación.

    15. De ser o caso, establecer para cada campaña, con base en criterios de defensa e mellora da calidade, e dentro dos límites fixados polo regulamento de cada denominación ou polo correspondente manual de calidade, os rendementos, os límites máximos de produción ou transformación ou calquera outro aspecto de conxuntura anual que poida influír nestes procesos.

    16. Propor os requisitos mínimos de control aos que debe someterse cada operador inscrito en todas e cada unha das fases de produción, elaboración e comercialización e, de ser o caso, os mínimos de control para a concesión inicial e para o mantemento da certificación.

    17. Colaborar coas autoridades competentes, en particular no mantemento dos rexistros públicos oficiais, así como cos órganos encargados do control.

    18. Velar polo desenvolvemento sostible da zona de produción.

    19. Elaborar, aprobar e xestionar os seus orzamentos.

    20. De ser o caso, cualificar cada anada ou colleita.

    21. As demais funcións atribuídas pola normativa vixente.

  2. Para a realización das súas funcións dun xeito máis racional, os consellos reguladores poderán asinar acordos co Instituto Galego da Calidade Alimentaria para a prestación dos servizos nos que o devandito instituto estea especializado.

  3. Cando chegue ao coñecemento dun consello regulador calquera presunto incumprimento da normativa, incluída a propia da denominación, aquel deberao denunciar perante a consellaría competente verbo da natureza do produto protexido pola denominación.

  4. Ademais do exercicio das funcións de carácter público que lles atribúe esta lei e das que lles poida encomendar e delegar a consellaría competente verbo da natureza do produto do que se trate, os consellos reguladores poderán levar a cabo toda clase de actividades que contribúan aos seus fins, promover, participar ou relacionarse con toda clase de asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como con outras administracións públicas, establecendo os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 15 Control e certificación.
  1. O control e a certificación dos produtos amparados por unha denominación xeográfica poderán ser efectuados:

    1. Por medio dunha entidade independente de control que axuste o seu funcionamento aos requisitos establecidos na norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto (Norma UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa) e autorizada pola consellaría competente verbo da natureza do produto protexido pola denominación.

    2. Por un órgano integrado no propio consello regulador, sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

      Primeiro.-Que se encontren axeitadamente separados os órganos de xestión dos de control e certificación.

      Segundo.-Que a actuación dos órganos de control e certificación se realice sen dependencia xerárquica nin administrativa respecto dos órganos de dirección do consello regulador e baixo a tutela da consellaría competente verbo da natureza do produto protexido.

      Terceiro.-Que se garanta a independencia do persoal que realiza as funcións de control e certificación, que deberá ser habilitado pola consellaría competente verbo da natureza do produto protexido, e a súa remoción deberá ser motivada e informada de xeito favorable por esta.

      Para o cumprimento destes requisitos, o consello regulador poderá subcontratar todas ou algunhas das actuacións relacionadas coa certificación, co fin de asegurar a independencia e a imparcialidade dela.

      A consellaría competente autorizará a composición e o funcionamento destes órganos de control e certificación, que deberán cumprir a Norma UNE-EN 45011 ou a norma que a substitúa.

    3. Polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria, mediante o departamento correspondente integrado na súa estrutura.

  2. En calquera caso, a consellaría competente verbo da natureza do produto protexido poderalles efectuar aqueles controis complementarios que considere convenientes tanto aos operadores coma aos órganos ou ás entidades de control.

Artigo 16 Organización.
  1. A composición e os membros dos consellos reguladores, as súas obrigas e mais a súa organización interna serán as que determinen os seus propios regulamentos, de conformidade coa regulación básica que dite a Xunta de Galicia.

  2. O conselleiro competente verbo da natureza do produto do que se trate poderá autorizar un único consello regulador para varias denominacións xeográficas, de acordo coas peculiaridades organizativas de cada sector.

Artigo 17 Recursos dos consellos reguladores.

Para o cumprimento dos seus fins, os consellos reguladores poderán contar cos seguintes recursos:

  1. As cotas que deberán aboar os seus inscritos polos conceptos e os importes que se determinen nos seus propios regulamentos de acordo cos límites que as disposicións específicas establezan.

  2. As subvencións que poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.

  3. As rendas e os produtos do seu patrimonio.

  4. As doazóns, os legados e as demais axudas que poidan percibir.

  5. Os rendementos pola prestación de servizos.

  6. Calquera outro recurso que lles corresponda percibir.

Artigo 18 Orzamento e memoria de actividades.
  1. Os consellos reguladores elaborarán anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria das actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e aprobarán o orzamento de cada exercicio, así como a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.

  2. Os documentos mencionados no apartado anterior seranlle remitidos á consellaría competente verbo da natureza do produto amparado por cada consello regulador no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo pleno, co fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas aplicables.

Artigo 19 Réxime contable.
  1. Os consellos reguladores levarán un plan contable, que será aprobado pola Consellaría de Economía e Facenda e ao que lle será aplicable, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II, do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nas súas posteriores modificacións.

    No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de xeito separado, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial. Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no que se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

  2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exercer o control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das súas funcións.

  3. En todo caso, a xestión económica e financeira e mais as contas dos consellos reguladores estarán sometidas ao control do Consello de Contas nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do devandito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 20 Control da actividade dos consellos reguladores.
  1. Os consellos reguladores están sometidos a auditorías técnicas, económicas, financeiras ou de xestión, que serán efectuadas polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria ou ben por outros órganos da Xunta de Galicia ou por entidades privadas designadas especificamente pola consellaría competente verbo da natureza dos produtos amparados por cada denominación.

  2. Os consellos reguladores débenlle comunicar á consellaría competente verbo da natureza dos produtos protexidos a composición dos seus órganos de goberno e as modificacións posteriores que nestes poidan producirse. Débenlle comunicar igualmente o nomeamento e, de ser o caso, o cesamento do seu secretario.

  3. As consellarías competentes velarán porque se cumpran as normas establecidas nesta lei para o adecuado funcionamento dos consellos reguladores.

  4. As decisións que adopten os órganos de goberno das denominacións cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas perante o conselleiro competente verbo da natureza do produto protexido, no xeito e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  5. Son nulos de pleno dereito ou anulables os actos dos consellos reguladores nos que se dea algún dos supostos establecidos nos artigos 62 e 63, respectivamente, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21 Incumprimento das obrigas dos consellos reguladores.
  1. O incumprimento por parte dun consello regulador das obrigas de seu comportará que sexa apercibido para que corrixa a súa actuación.

  2. No caso de non corrixir a súa actuación, o conselleiro competente verbo da natureza do produto amparado poderá suspender temporalmente, por un tempo máximo de tres meses, os órganos de goberno dos consellos nas súas funcións e nomear unha comisión xestora, que exercerá a súas funcións namentres dure a suspensión.

  3. O incumprimento das obrigas dos consellos reguladores ten carácter grave cando, do expediente administrativo instruído para o efecto pola dirección xeral correspondente da consellaría competente verbo da natureza do produto do que se trate, quede patente que concorreu reincidencia ou reiteración, mala fe, incumprimento deliberado ou perturbación manifesta do interese público. O incumprimento grave implica a suspensión temporal dos cargos do consello regulador por un período de entre tres e seis meses ou a súa suspensión definitiva.

  4. A dirección xeral á que se refire o apartado anterior designará unha comisión xestora namentres dure a suspensión temporal ou namentres non sexan elixidos novos órganos de goberno.

  5. Determinaranse por norma regulamentaria os procedementos aos que fan referencia os apartados anteriores, nos que se preverá, en todo caso, a audiencia ao consello regulador.

Capítulo III

Artesanía alimentaria

Artigo 22 Obxecto.

A finalidade da regulación da artesanía alimentaria é a de recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que esta representa para Galicia e mais a de preservar e conservar as empresas artesanais que elaboran produtos alimentarios.

Artigo 23 Definicións.
  1. Considérase artesanía alimentaria a actividade de elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios que, cumprindo os requisitos que establece a normativa vixente, están suxeitos a unhas condicións durante todo o seu proceso produtivo que, sendo respectuosas co medio ambiente, lle garanten ao consumidor un produto final individualizado, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal do artesán.

    Para que unha actividade sexa recoñecida como artesanal, esta deberá estar incluída na sección de actividades artesás alimentarias do Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia, ao que se refire o artigo 26 desta lei.

  2. Artesán alimentario é a persoa que realiza algunha das actividades relacionadas na sección correspondente do Rexistro da Artesanía Alimentaria, ao que se refire o artigo 26, e que obtivese a correspondente carta de artesán.

    Regulamentariamente estableceranse os requisitos e as condicións para a obtención da carta de artesán.

  3. Empresas artesanais alimentarias son aquelas que realizan unha actividade artesanal alimentaria das que figuren rexistradas na sección de actividades do Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia e que cumpran as condicións que se relacionan a seguir:

    1. Que os seus procesos de elaboración sexan manuais, admitindo non obstante un certo grao de mecanización en operacións parciais, e que, en todo caso, se orixine un produto final individualizado.

    2. Que a responsabilidade e a dirección do proceso de produción recaian nun artesán alimentario, quen tomará parte directa e persoal na execución do traballo.

    3. Que a empresa cumpra unha serie de requisitos, que se definirán regulamentariamente, en canto a aspectos como o volume de negocio anual, o número

    de empregados e a independencia respecto doutras empresas que non cumpran os devanditos requisitos.

  4. Produtos artesáns son aqueles que, elaborados por empresas artesanais, se obtivesen de acordo cos procesos de elaboración que para cada actividade se aproben na norma técnica correspondente.

    As devanditas normas establecerán, en todo caso, o emprego de materias primas seleccionadas, a elaboración tradicional e a senlleira presentación, que lle dan ao produto final unha calidade diferencial.

    En calquera caso e para garantir a elaboración tradicional, nos produtos para os que exista algunha denominación xeográfica de calidade, a norma técnica correspondente exixirá que estes produtos estean acollidos á devandita denominación, ademais doutros requisitos específicos que se poidan establecer.

Artigo 24 Produtos artesáns de montaña e caseiros.
  1. As empresas artesanais alimentarias localizadas en zonas de montaña, segundo a clasificación recollida na normativa comunitaria aplicable, e que utilicen na elaboración dos seus produtos basicamente materias primas procedentes desas zonas, ademais de faceren mención á súa orixe artesá, poderán utilizar o apelativo «artesán de montaña».

  2. As empresas artesanais alimentarias que utilicen como base fundamental para a elaboración dos seus produtos materias primas procedentes da propia explotación agraria á que estean ligadas poderán facer alusión a isto utilizando as mencións «artesán da casa» ou «artesán caseiro».

Artigo 25 Protección dos termos referidos á artesanía alimentaria.

Os termos «artesán», «artesanal» e outros análogos só poderán utilizarse na etiquetaxe, a presentación e a publicidade dos produtos que cumpran os requisitos previstos nesta lei e nas normas que a desenvolvan.

Artigo 26 Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia.
  1. Créase o Rexistro da Artesanía Alimentaria, dependente da consellaría competente en materia de agricultura, para a inscrición das empresas e dos artesáns alimentarios que realicen unha actividade alimentaria das que figuren inscritas, pola súa vez, na sección correspondente deste rexistro.

  2. Determinaranse por norma regulamentaria as normas de funcionamento deste rexistro.

Artigo 27 Control e certificación.

O control e a certificación dos produtos que teñan os distintivos relativos á artesanía alimentaria deberán ser realizados polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria ou por outra entidade independente de control que axuste o seu funcionamento aos requisitos establecidos na norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto

(Norma UNE-EN-45011 ou norma que a substitúa) e autorizada pola consellaría competente en materia de agricultura.

Artigo 28 Consello Galego da Artesanía Alimentaria.
  1. Regulamentariamente crearase o Consello Galego da Artesanía Alimentaria, órgano colexiado con funcións referidas unicamente á actividade artesanal alimentaria e composto por representantes dos distintos departamentos da Xunta de Galicia competentes na materia, por representantes das organizacións sectoriais e por expertos na materia.

  2. Son funcións do Consello Galego da Artesanía Alimentaria:

  1. Estudar e propor actuacións relativas ao fomento, a protección, a promoción e a comercialización da artesanía alimentaria.

  2. Estudar e propor as regulamentacións relativas ás empresas e aos produtos artesanais alimentarios.

  3. Estudar e proporlles modificacións aos requisitos e ás condicións para outorgar a carta de artesán alimentario.

  4. Estudar e propor novas actividades artesanais alimentarias.

  5. Estudar e propor as condicións que regulen a utilización na etiquetaxe, a presentación e a publicidade da expresión «artesanía alimentaria» e, en xeral, dos termos «artesán», «artesanal» e «artesanía», referidos a produtos alimenticios.

  6. Calquera outra función que lle poida ser encomendada para o desenvolvemento do sector alimentario artesanal.

Artigo 29 Inventario de produtos alimentarios tradicionais.

O inventario de produtos alimentarios tradicionais é unha relación, que as consellarías competentes en materia de agricultura e pesca deben elaborar e manter actualizada, dos produtos alimentarios típicos e tradicionais de Galicia, con independencia de que estean ou non protexidos, por medio dun distintivo referido á orixe e á calidade do produto.

O obxectivo principal deste inventario de produtos alimentarios tradicionais é o de preservar e revalorizar este patrimonio efectuando a súa caracterización e seguimento histórico.

Capítulo IV

Marcas de calidade

Artigo 30 Marcas de calidade.
  1. De conformidade coa lexislación xeral sobre marcas, a Xunta de Galicia creará e rexistrará marcas para a súa utilización exclusiva en produtos alimentarios que destaquen por unha calidade diferenciada e como garantía da súa elaboración baixo controis específicos.

  2. Tan só poderán facer uso do distintivo de marca na etiquetaxe, a presentación e a publicidade os produtos que presenten unhas características diferenciais entre os da súa mesma especie, tales como os acollidos a denominacións xeográficas de calidade, especialidades tradicionais garantidas, produtos da artesanía alimentaria, así como os produtos da agricultura ecolóxica e a produción integrada.

  3. O distintivo desta marca de calidade e o procedemento para a adquisición e a perda do dereito ao seu uso, así como as condicións deste, serán establecidos pola consellaría competente en materia de agricultura.

TÍTULO IV

Instituto Galego da Calidade Alimentaria

Artigo 31 Creación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.
  1. Créase o Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

  2. O instituto adscríbese á consellaría competente en materia de agricultura.

Artigo 32 Obxectivos e funcións.

O Ingacal será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Así mesmo, será obxecto do instituto a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario.

En particular, correspóndelle ao Ingacal:

  1. Actuar como medio propio da administración na execución de actividades especializadas pola súa natureza tecnolóxica e económica que sexan de interese da Xunta de Galicia e que lle sexan encomendadas nos termos que se establezan regulamentariamente, nos seguintes grupos de materias:

    Primeira.-Actuacións de control e certificación dos produtos acollidos ás distintas figuras de protección da calidade alimentaria do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Segunda.-Promoción e defensa da calidade dos devanditos produtos.

    Terceira.- Prestación de todo tipo de servizos de asesoramento e xestión aos consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade e aos órganos de xestión doutras figuras de protección da calidade alimentaria.

    Cuarta.-Investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario de Galicia.

    Quinta.-Investigación orientada cara á seguridade das materias primas alimentarias, no que sexa competencia da administración agraria.

  2. Promover e participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas que se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes económicos e necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas nos termos que se establezan regulamentariamente.

  3. Pór en valor as distintas actuacións tecnolóxicas e investidoras incluídas nas anteriores alíneas ou as que deriven do acervo de coñecementos do instituto, mediante as fórmulas axeitadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e imbricación dos distintos subsectores nas propias actuacións del.

Artigo 33 Facultades do instituto.

No exercicio das súas funcións e para o cumprimento dos seus obxectivos o Ingacal poderá:

  1. Realizar toda clase de actividades económicas e financeiras sen máis limitacións que o disposto nesta lei e nas disposicións que lle sexan aplicables. Poderá subscribir todo tipo de contratos, prestar servizos, outorgar avais dentro do límite máximo fixado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio, contraer préstamos e, así mesmo dentro dos límites que fixe a devandita lei, promover sociedades mercantís ou participar en sociedades xa constituídas e en entidades sen ánimo de lucro.

  2. Realizar e contratar estudos, asesoramentos e traballos técnicos.

  3. Subscribir convenios con administracións públicas e empresas e institucións públicas e privadas.

  4. Obter subvencións e garantías da Comunidade Autónoma e doutras entidades e institucións públicas.

Artigo 34 Réxime xurídico.
  1. O instituto axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico privado, agás cando exercite potestades administrativas. Neste caso estará sometido á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás demais normas administrativas de aplicación xeral.

  2. Nas súas actividades de contratación axustarase ao previsto no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

  3. Así mesmo, seralle aplicable a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Artigo 35 Réxime económico.
  1. Os recursos económicos do instituto son:

    1. As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas polos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

    2. Os ingresos que poida percibir pola prestación de servizos.

    3. Os derivados de convenios, subvencións ou contribucións voluntarias de administracións, entidades ou particulares.

    4. Os rendementos que xere o seu patrimonio.

    5. Os créditos, os préstamos e as demais operacións financeiras que concerte.

    6. Os rendementos económicos que lle produza a venda ou a cesión dos seus estudos, traballos técnicos e publicacións.

    7. Os ingresos percibidos en concepto de taxas e prezos públicos ou privados.

    8. Calquera outro recurso que lexitimamente poida percibir.

  2. O réxime orzamentario, contable e financeiro do instituto axustarase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na demais normativa concordante.

Artigo 36 Patrimonio.

Constitúen o patrimonio do Ingacal:

  1. Os bens e dereitos que adquira por calquera título.

  2. Os bens que lle adscriba a Xunta de Galicia.

Artigo 37 Órganos de goberno.
  1. Os órganos de goberno do instituto serán o consello de dirección, o presidente, o vicepresidente e o director. Ademais crearase un consello asesor.

  2. O consello de dirección estará composto por un número impar de membros, cun máximo de sete. O seu nomeamento e mais a disposición do seu cesamento corresponderanlle ao conselleiro competente en materia de agricultura. Estará presidido polo presidente ou, no seu defecto, polo vicepresidente do instituto.

  3. O presidente do instituto será, por razón do seu cargo, o conselleiro competente en materia de agricultura.

  4. O vicepresidente será, por razón do seu cargo, o director xeral competente en materia de promoción e calidade agroalimentaria.

  5. O director será nomeado e separado polo consello de dirección, por proposta do presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación.

  6. Determinarase regulamentariamente a composición do consello asesor, no que haberá representación dos consellos reguladores das distintas denominacións de calidade, e tamén as súas funcións, entre as que se establecerán as seguintes:

  1. Asesorar en materia de fomento, promoción e impulso da calidade dos produtos alimentarios galegos.

  2. Impulsar e fomentar a colaboración entre os distintos consellos reguladores e outros órganos de xestión das denominacións de calidade.

  3. Asesorar en materia de incardinación das medidas de promoción dos produtos alimentarios de desenvolvemento rural, medioambiental, turismo, gastronomía, artesanía e cultural.

  4. Emitir ditames sobre propostas que presente a administración, o sector ou os consumidores con incidencia na elaboración ou a calidade dos produtos alimentarios.

Artigo 38 Persoal.
  1. O persoal do Ingacal poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario ou asimilado ao servizo da administración da Xunta de Galicia adscrito ao instituto.

  2. Pertencer ao consello de dirección non xerará dereitos laborais.

Artigo 39 Desenvolvemento regulamentario.

O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de agricultura, aprobará o regulamento do Ingacal e determinará o momento de inicio de súa actividade. O citado regulamento desenvolverá, cando menos e de conformidade co previsto nesta lei, o réxime dos órganos e mais a composición e as funcións destes, así como o réxime económico, patrimonial e do persoal do instituto.

TÍTULO V

Aseguramento da calidade alimentaria

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 40 Finalidades e ámbito de aplicación.
  1. A finalidade do aseguramento da calidade alimentaria é garantir a conformidade dos produtos alimentarios e a competencia leal das transaccións comerciais dos operadores alimentarios.

  2. Este título aplicaráselles a todas as actuacións de control que, en materia de calidade e conformidade da produción, a transformación e a comercialización, se realicen no territorio de Galicia.

  3. O seu ámbito de aplicación esténdese a todas as etapas da produción, a transformación e a comercialización de produtos alimentarios e materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

  4. Exclúense do ámbito de aplicación deste título os aspectos nos que interveña calquera compoñente regulado por normas sanitarias, veterinarias ou relativas á seguridade física das persoas ou dos animais, en particular as cuestións relacionadas coa saúde, o control microbiolóxico, a inspección veterinaria, o control de puntos críticos, o control de residuos en animais, carnes e vexetais, ou coa normativa sobre substancias perigosas e medio ambiente.

  5. Non teñen a consideración de produto alimentario, para os efectos deste título, ademais dos excluídos no artigo 3, os animais vivos e as plantas antes da colleita.

Capítulo II

Obrigas dos operadores alimentarios

Artigo 41 Rexistro de Industrias Agrarias.
  1. Os operadores alimentarios que participen nas fases de produción e transformación deberán inscribir as súas instalacións no Rexistro de Industrias Agrarias, segundo as condicións e coas exencións que se establezan regulamentariamente.

  2. A inscrición neste rexistro non exime da inscrición naqueloutros que legalmente estean establecidos.

Artigo 42 Sistema de control de calidade interno.

Para o cumprimento das obrigas previstas no artigo 5 desta lei, os operadores alimentarios que participen nas fases de produción e transformación deberán ter á súa disposición:

  1. Un sistema de documentación que permita definir as fases do proceso de elaboración e garantir o seu control.

  2. Un plan de control de calidade que prevexa polo menos os procedementos, a periodicidade e a frecuencia das tomas de mostras, as especificacións e o destino dos produtos no caso de que non se axusten á normativa. Este plan tamén deberá xustificar a necesidade ou non de que os operadores dispoñan dun laboratorio de control.

Artigo 43 Sistema de reclamacións e retirada de produtos.
  1. Os operadores alimentarios deberán dispor dun sistema de rexistro e tratamento das reclamacións.

  2. Igualmente deberán prever un sistema de retirada rápida dos produtos non conformes que se atopen no circuíto de distribución ou comercialización. O sistema deberá permitir coñecer con exactitude o destino dos produtos que teñan que ser retirados, e antes dunha nova posta en circulación estes deberán ser avaliados de novo polo control de calidade.

Artigo 44 Aseguramento da trazabilidade dos produtos.
  1. A trazabilidade dos produtos alimentarios e das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias deberase asegurar en todas

    as etapas da produción, a transformación e a comercialización.

  2. Os operadores alimentarios están obrigados a estableceren sistemas e procedementos adecuados e comprensibles da trazabilidade, os cales deben permitir coñecer en todo momento a identidade e a localización dos subministradores e dos receptores dos lotes ou das partidas de produtos alimentarios e materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias cos que traballen, así como as informacións relativas aos devanditos produtos, e en particular a súa identificación, a natureza, a orixe, os rexistros dos produtos, as características cualitativas e mais as condicións de produción e comercialización.

  3. As informacións que non poidan ser verificadas nin contrastadas polo propio operador e polos servizos de inspección e control non poderán ser incluídas nos sistemas e nos procedementos de aseguramento da trazabilidade.

  4. Os operadores alimentarios deberán ter á disposición dos servizos de inspección e control toda a información relativa ao sistema e aos procedementos de aseguramento da trazabilidade, así como os datos que conteñan.

  5. O sistema de aseguramento da trazabilidade que deberán ter os operadores alimentarios conterá, sen prexuízo de normas sectoriais que sexan aplicables, polo menos os seguintes elementos:

    1. A identificación dos produtos.

    2. Os rexistros dos produtos.

    3. A documentación que acompaña o transporte dos produtos.

Artigo 45 Identificación de produtos.
  1. Os produtos alimentarios ou as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias acabados, susceptibles de seren comercializados con destino ao receptor ou ao consumidor final, deberán estar convenientemente identificados mediante a etiquetaxe regulamentaria.

  2. No suposto de produtos a granel, os operadores están obrigados á utilización de dispositivos físicos de identificación dos depósitos, silos, contedores ou calquera clase de envases que conteñan produtos alimentarios ou materias ou elementos para a produción e a comercialización alimentarias. Esta identificación farase dun xeito claro mediante unha rotulación ou unha marcaxe única, indeleble e inequívoca e deberá quedar rexistrada e en correlación cos rexistros aos que fai referencia o artigo seguinte e, de ser o caso, coa documentación descritiva dos produtos.

  3. Está prohibido o depósito e/ou o almacenamento en calquera instalación ou medio de transporte de produtos non identificados.

  4. Cando non conste claramente o destino dos produtos detentados, en depósito ou almacenamento,

presumirase sempre que son para a súa venda, agás que poida demostrarse un destino ou unha finalidade distinta.

Artigo 46 Rexistros.
  1. Os operadores alimentarios deberán ter actualizado un sistema de rexistros para a conservación da información ou a contabilidade material dos produtos alimentarios e das materias e os elementos que utilicen para a produción, a transformación e a comercialización alimentarias.

  2. Os rexistros deberán ser suficientes e adecuados para que en todo momento se poida dispor da información necesaria para poder correlacionar a identificación dos produtos que hai nas instalacións coas características principais destes produtos, e en particular a identificación e o domicilio do subministrador ou do receptor, a súa natureza, a orixe, a composición, as características esenciais e cualitativas, a designación e a cantidade.

  3. Nos rexistros deben constar as entradas e as saídas de produtos alimentarios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias de cada instalación e mais as manipulacións, os tratamentos e as prácticas que soportaron.

  4. O rexistro de produtos que procedan doutras instalacións reproducirá fielmente as características que consten no documento que acompaña o seu transporte ou na documentación comercial.

  5. Os rexistros das operacións realizadas deberanse conservar durante cinco anos á disposición dos servizos de inspección e control.

Artigo 47 Documentos de acompañamento.
  1. No caso de exencións da etiquetaxe regulamentaria, calquera transporte ou circulación de produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias deberá ir acompañado dun documento no que constarán os datos necesarios para que o receptor ou o consumidor da mercadoría teña a adecuada e suficiente información. Este documento, como mínimo, deberá incluír a identificación e o domicilio do subministrador, as características principais do produto, en particular a calidade, a natureza, a orixe, a composición, a utilización, a finalidade, a designación, a denominación, a categoría, a data de produción ou de caducidade, as instrucións de uso, as condicións de produción e distribución, e mais o nome, a dirección e a identificación do fabricante.

  2. Os orixinais dos documentos de acompañamento de produtos recibidos e as copias dos documentos de acompañamento de produtos expedidos débense conservar durante un período de cinco anos á disposición dos servizos de inspección e control.

  3. Poderanse establecer regulamentariamente outros sistemas de identificación e codificación dos produtos que substitúan os documentos de acompañamento dos produtos durante o seu transporte e circulación.

Artigo 48 Prohibición de produtos non conformes.
  1. Os produtos alimentarios ou as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias que non cumpran o establecido nesta lei ou en normas específicas teñen a consideración de non conformes e, en consecuencia, non poden utilizarse ni comercializarse dentro do sector alimentario.

  2. Os produtos non conformes poden ser obxecto, se procede, dunha inmediata regularización ou ser destinados a outros sectores diferentes do alimentario, de forma controlada, ser reexpedidos á súa orixe ou ser destruídos.

  3. No suposto de que un produto alimentario ou unha materia ou un elemento para a produción e a comercialización alimentarias que pertenza a un lote, unha partida ou unha remesa concreta non sexa conforme, todos os produtos do mesmo lote, partida ou remesa teñen tamén a consideración de non conformes, agás que o operador alimentario acredite o contrario.

  4. Os produtos non conformes identificaranse debidamente con etiquetas ou rótulos que fagan referencia á súa non-conformidade e estarán almacenados de maneira separada e delimitada para evitar a confusión cos produtos conformes.

  5. As existencias, as entradas e as saídas de produtos non conformes serán obxecto de rexistro de acordo co que dispón o artigo 46 desta lei.

  6. Nos documentos de acompañamento dos produtos non conformes farase constar expresamente esta condición.

Artigo 49 Cumprimentos específicos.
  1. Poderáselles exixir por norma regulamentaria o cumprimento das obrigas que se establecen neste capítulo, ou dalgunhas delas, aos titulares de explotacións do sector primario, para un produto, un sector ou unha actividade determinada.

  2. Sen prexuízo dos requisitos específicos que establezan disposicións de ámbito sectorial, as normas de desenvolvemento desta lei poderán determinar para cada produto, sector ou tipo de operador o nivel das obrigas que se establecen neste capítulo, particularmente en función da natureza e do risco especial dos produtos ou as actividades, da complexidade dos procesos de transformación, da dimensión do operador e mais do volume e da frecuencia dos intercambios de produtos.

Capítulo III

Da inspección e do control

Artigo 50 A actuación inspectora.
  1. A administración autonómica desenvolverá actuacións de control e de inspección sobre os produtos alimentarios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias, co fin de comprobar a súa adecuación á normativa

    vixente en materia de produción e comercialización alimentarias.

  2. As actuacións de inspección terán como obxectivo preferente o control:

    1. Da calidade, a idoneidade e a publicidade dos produtos alimentarios e das materias e os elementos para a produción e a comercialización.

    2. Da lealdade das transaccións comerciais en materia da produción e a comercialización alimentarias.

    3. Da identidade e a actividade dos operadores.

    4. Do adecuado uso das denominacións xeográficas de calidade e doutras figuras de protección da calidade diferenciada.

  3. A actuación inspectora levarase a cabo:

    1. En desenvolvemento de plans anuais de inspección.

    2. En desenvolvemento de estratexias para fomentar a calidade dentro do sector alimentario.

    3. Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

    4. Por propia iniciativa do persoal inspector.

Artigo 51 Do ámbito.
  1. A consellaría competente en materia de agricultura da Xunta de Galicia velará polo cumprimento da lexislación en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias en todas as fases de produción, transformación e comercialización, sen prexuízo do que estableza a normativa específica en materia de disciplina de mercado e de defensa de consumidores e usuarios.

  2. No suposto de que pola natureza das investigacións ou polo tipo de infracción que se persiga se considere necesario, poderase estender a inspección e o control ao comercio ao retalle ou polo miúdo e aos mercados por xunto en destino, con comunicación ao órgano competente por razón da materia.

  3. Estarán sometidos á inspección os produtos alimentarios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización, e en particular:

  1. Os terreos, os locais, as oficinas, as instalacións e o seu contorno, os medios de transporte, os equipos e os materiais, nas diferentes fases reflectidas no apartado 1 deste artigo.

  2. Os produtos semiacabados e os produtos acabados dispostos para a venda.

  3. As materias primas, os ingredientes, os auxiliares tecnolóxicos e os demais produtos utilizados para a preparación e a produción de produtos alimenticios.

  4. Os materiais e os obxectos destinados a entraren en contacto cos produtos alimentarios.

  5. Os procedementos utilizados para a fabricación, a elaboración ou o tratamento de produtos alimentarios.

  6. A etiquetaxe, a presentación e a publicidade dos produtos alimentarios.

  7. Os produtos e os procedementos de limpeza, desinfección, desinsectación, desratización ou calquera outro praguicida, e o mantemento.

  8. Os medios de conservación.

Artigo 52 Funcións da inspección.
  1. As funcións da inspección consisten en controlar e inspeccionar a calidade e a conformidade dos produtos alimentarios, e en concreto no seguinte:

    1. Verificar os produtos acabados, as materias primas, os ingredientes, os aditivos, as vitaminas, os sales minerais, os oligoelementos, os auxiliares tecnolóxicos, os produtos intermedios e outros produtos que poidan utilizarse como compoñente.

    2. Comprobar as condicións nas que se levan a cabo cada unha das fases de produción, transformación e comercialización e que teñan incidencia na calidade e conformidade dos produtos.

    3. Controlar e inspeccionar a designación, a denominación, a presentación e mais as inscricións de calquera natureza dos produtos, os envases, as embalaxes, os documentos de acompañamento dos transportes, as facturas, os documentos comerciais, a publicidade, os rexistros, a contabilidade, a documentación e os sistemas de garantía da trazabilidade.

    4. Establecer os correspondentes programas de previsión que definan o carácter, a frecuencia e os criterios das accións de control que deberán levarse a cabo nun período determinado.

    5. Detectar e comprobar riscos de fraude, adulteración, falsificación e prácticas non autorizadas, prohibidas, antirregulamentarias ou clandestinas dos produtos alimentarios, así como as condutas que poidan afectar negativamente ou prexudiquen os intereses económicos do sector alimentario de Galicia ou dos consumidores.

    6. Localizar os produtos alimentarios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias non conformes e impedir o seu acceso aos circuítos de comercialización.

    7. Avaliar os medios e os sistemas de control interno utilizados polos operadores alimentarios para asegurar a execución correcta da súa actividade en cumprimento da regulamentación aplicable en materia de calidade e conformidade dos produtos.

    8. Verificar a fiabilidade dos sistemas e os procedementos de trazabilidade dos produtos utilizados polos operadores alimentarios.

    9. Impulsar o trámite das accións correctivas ou punitivas derivadas das presuntas infraccións detectadas nas accións de control.

  2. Estableceranse por norma de carácter regulamentario os sistemas de control e o procedemento de actuación da inspección.

Artigo 53 Do acto da inspección.
  1. A actuación inspectora consistirá nunha ou en varias das seguintes operacións: inspección, toma de mostras e análise, exame do material escrito e documental, exame dos sistemas de control aplicados polos inspeccionados e dos resultados que se desprendan deles.

  2. Os inspectores poderán acceder directamente á documentación industrial, mercantil e contable das empresas que inspeccionen cando o consideren necesario no decurso das súas actuacións.

  3. Así mesmo, os inspectores poderán facer copias ou extractos do material escrito, informático e documental sometido ao seu exame.

  4. As operacións mencionadas nos apartados anteriores poderanse completar no caso necesario:

    1. Coas manifestacións do responsable da empresa inspeccionada e das persoas que traballan por conta da devandita empresa.

    2. Coa lectura dos valores rexistrados polos instrumentos de medida utilizados pola empresa.

    3. Cos controis, realizados polo inspector cos seus propios instrumentos, das medicións efectuadas cos instrumentos instalados pola empresa.

  5. Unha vez realizadas todas as pescudas que coiden oportunas, os inspectores estenderán unha acta, na que se fará unha detallada relación das condutas e dos feitos que sirvan de base para o correspondente procedemento sancionador, de ser o caso.

  6. A actuación inspectora axustarase ás prescricións establecidas legal e regulamentariamente.

Artigo 54 Do persoal inspector.
  1. No exercicio das súas funcións, o persoal da administración pública que realiza funcións inspectoras ten a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

    Terá esa mesma consideración o persoal dos consellos reguladores que, estando habilitado pola consellaría competente verbo da natureza do produto protexido pola denominación, realice funcións de inspección e control.

  2. Os inspectores están obrigados de modo estrito a cumprir o deber de segredo profesional. O incumprimento deste deber poderá dar lugar a responsabilidade disciplinaria.

  3. As funcións inspectoras serán realizadas polo persoal que con esa consideración conste na relación de postos da consellaría competente en materia de agricultura, así como por aqueles que, en circunstancias excepcionais debidamente motivadas, determine o conselleiro competente, sen prexuízo do establecido no apartado 1 deste artigo relativo aos inspectores dos consellos reguladores.

  4. Regularase por orde do conselleiro competente en materia de agricultura o sistema de acreditación dos inspectores de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria.

    A habilitación dos inspectores dos consellos reguladores será regulada por orde do conselleiro competente en función da natureza do produto do que se trate.

Artigo 55 Valor probatorio das actas de inspección.

De conformidade co disposto no artigo 137 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os feitos constatados polos inspectores que se formalicen na acta terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os propios administrados.

Artigo 56 Obrigas dos inspeccionados.

Os titulares dos establecementos e os seus responsables no momento da inspección están obrigados a:

  1. Consentir e facilitar as visitas de inspección.

  2. Subministrar toda clase de información sobre os sistemas de produción, transformación ou comercialización e mais sobre as instalacións, os produtos, os equipos ou os servizos, e en particular sobre as autorizacións, os permisos e as licenzas necesarias para o exercicio da actividade, e permitir que o persoal inspector comprobe directamente os datos achegados.

  3. Exhibir a documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas, tales como os contratos, as facturas, os albarás e os demais documentos exixidos legalmente, así como aqueles que sexan necesarios para determinar as responsabilidades pertinentes.

  4. Facilitar a obtención de copia ou a reprodución da documentación citada nas alíneas anteriores.

  5. Permitir que se practique a oportuna toma de mostras ou que se efectúe calquera tipo de control ou ensaio sobre os produtos e bens en calquera fase de produción, elaboración, envasado, transporte, almacenamento ou comercialización.

  6. Xustificar as verificacións e os controis efectuados sobre os produtos alimentarios.

Artigo 57 Dereitos dos inspeccionados.

Os inspeccionados teñen dereito a recorrer a unha contraperitaxe das probas ou mostras tomadas na inspección, dentro do prazo e consonte o procedemento que regulamentariamente se determine.

Así mesmo, no momento da inspección, poderán exixir a acreditación do inspector, obter unha copia da acta e efectuar alegacións no mesmo acto, recibindo sempre un tratamento respectuoso do persoal que realiza a inspección.

Artigo 58 Formación e recursos da inspección.

A administración autonómica deberá velar polo mantemento da formación continuada do persoal inspector e para que a dotación de recursos da inspección sexa a adecuada á función que ten que realizar.

Capítulo IV

Medidas cautelares e preventivas

Artigo 59 Adopción.
  1. Naqueles supostos nos que existan claros indicios de infracción en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias, o inspector, nos casos de urxencia e para a protección provisional dos intereses implicados, poderá adoptar motivadamente as medidas cautelares ou preventivas que coide oportunas, sen prexuízo das que poidan acordar os órganos competentes para incoar, instruír ou resolver o procedemento.

  2. As medidas cautelares que adopte o inspector faranse constar na acta correspondente, así como os motivos da súa adopción.

  3. De adoptarse as medidas cautelares antes da iniciación do procedemento sancionador, no acto de notificación destas fixarase un prazo máximo de audiencia ao interesado de tres días hábiles.

    As medidas cautelares deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á súa adopción.

    En todo caso, as devanditas medidas quedarán sen efecto de non iniciarse o procedemento no citado prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca delas.

  4. En calquera caso, as medidas cautelares deberán ser proporcionadas á irregularidade detectada e manterse o tempo estritamente necesario para a realización das dilixencias oportunas ou, no suposto de que a non-conformidade sexa corrixible, polo tempo necesario para a eliminación do feito que motivou a actuación, o que deberá ser verificado polo persoal que realiza funcións inspectoras.

    Estas medidas poderán ser alzadas ou modificadas, de oficio ou por instancia de parte, durante a tramitación do procedemento, e extinguiranse coa eficacia da resolución administrativa que poña fin ao procedemento correspondente.

  5. En particular, as medidas cauterales poderanse adoptar nos seguintes supostos:

    1. Cando se vulneren de forma xeneralizada os lexítimos intereses económicos e sociais do sector alimentario.

    2. Cando se usen de xeito inadecuado os nomes protexidos polas denominacións xeográficas e outros distintivos de calidade, así como dos sistemas de produción ou elaboración ou outras indicacións falsas que non correspondan ao produto ou induzan a confusión.

    3. Cando exista fraude, adulteración ou prácticas non permitidas nos produtos alimentarios ou nas materias e os elementos para a produción e a comercialización.

    4. Se se comproba que se transportan ou comercializan produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización sen o preceptivo documento de acompañamento ou que este contén indicacións falsas, erróneas ou incompletas.

    5. Cando existan indicios de risco para a saúde e a seguridade das persoas. Neste último caso daráselles inmediato coñecemento ás autoridades sanitarias.

Artigo 60 Tipos de medidas cautelares.
  1. As medidas cautelares consistirán nunha ou en varias das seguintes actuacións:

    1. A inmobilización de produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

    2. O control previo dos produtos que se pretenden comercializar.

    3. A paralización dos vehículos nos que se transportan produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

    4. A retirada do mercado de produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

    5. A suspensión temporal do funcionamento dunha área, un elemento ou unha actividade do establecemento inspeccionado.

    6. A suspensión provisional da comercialización, a compra ou a adquisición de produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

  2. Ademais, para operadores inscritos en rexistros de denominacións xeográficas ou outros distintivos de calidade, a medida cautelar poderá consistir tamén na suspensión temporal do dereito ao uso da denominación, da marca ou do elemento identificativo do que se trate.

  3. Cando a presunta infracción detectada fose imputable a un órgano de control, poderase acordar a suspensión cautelar do citado órgano e establecerase o sistema de control aplicable en tanto se substancia o procedemento sancionador.

  4. As medidas cautelares poderán ser obxecto de recurso de alzada e posterior recurso contencioso-administrativo.

  5. Os gastos xerados pola adopción das medidas cautelares serán por conta do responsable ou do titular de dereitos sobre a mercadoría.

Artigo 61 Destino dos produtos sometidos á inmobilización cautelar.
  1. Se o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador confirma a inmobilización cautelar que prevé o artigo anterior, este comunicaralle no acordo de incoación ao responsable ou ao titular de dereitos sobre as mercadorías inmobilizadas que dispón dun prazo de quince días para optar por algunha das seguintes operacións, en función dos supostos que motivaron a adopción da medida cautelar:

    1. Regularizar e corrixir a non-conformidade das mercadorías, coa súa adaptación á normativa mediante a aplicación de prácticas ou tratamentos autorizados.

    2. Regularizar e corrixir a non-conformidade das mercadorías, coa adaptación da súa etiquetaxe e presentación á normativa aplicable.

    3. Destinar as mercadorías a outros sectores diferentes do alimentario, en particular para uso industrial, con exclusión da alimentación humana ou animal, segundo corresponda.

    4. Reexpedir ou retornar as mercadorías ao seu lugar de orixe, logo da constitución dunha fianza abonda que cubra a responsabilidade civil e a posible infracción.

    5. Destruír as mercadorías ou mantelas en depósito, en tanto non se resolva o procedemento sancionador. No suposto de que non haxa infracción, a administración procederá a indemnizar o interesado, tras a declaración de responsabilidade.

  2. Con anterioridade á confirmación da inmobilización cautelar, o responsable ou o titular de dereitos sobre as mercadorías inmobilizadas poderase dirixir ao órgano competente para iniciar o procedemento, co obxecto de que lle facilite as opcións ás que pode optar respecto delas.

    O órgano competente, mediante resolución motivada, comunicará as opcións que procedan de entre as especificadas no apartado 1 deste artigo.

  3. A execución das opcións ás que fan referencia os apartados 1 e 2 deberá ser verificada polo persoal inspector da consellaría competente en materia de agricultura.

  4. Na resolución motivada á que fai referencia o apartado anterior ou no acordo de incoación, de ser o caso, o órgano competente decidirá subsidiariamente o destino das mercadorías inmobilizadas para o suposto de que o responsable ou o titular destas non opte, no prazo outorgado para o efecto, por ningunha das especificadas singularmente.

  5. O órgano competente poderá ordenar o levantamento da medida cautelar de constatarse que as mercadorías inmobilizadas foron regularizadas ou que se lles deu un dos destinos especificados singularmente, sen prexuízo da sanción que puidese, de ser o caso, corresponder.

  6. Os gastos xerados por estas operacións serán por conta do responsable ou titular de dereitos sobre as mercadorías.

Artigo 62 Medidas cautelares respecto de produtos perecedoiros.

No caso de produtos alimenticios de difícil conservación no seu estado inicial ou de produtos perecedoiros, o delegado provincial da consellaría competente en materia de agricultura poderá ordenar a venda en pública poxa do produto retido. O importe da venda depositarase nunha conta á disposición do delegado provincial. Cando na resolución se indicase a inexistencia de infracción, devolveráselle o produto ao interesado ou o seu valor no caso de ter sido poxado.

Artigo 63 Multas coercitivas.

No suposto de que o operador alimentario non realice as actividades ordenadas pola inspección ou non aplique as medidas cautelares que se lle impón, o órgano competente para confirmar a medida cautelar poderá impor multas coercitivas de ata 3.000 euros cunha periodicidade de tres meses ata o cumprimento total das obrigas impostas.

TÍTULO VI

Da potestade sancionadora

Capítulo I

Atribución da potestade

Artigo 64 Atribución da potestade sancionadora.
  1. Correspóndelle á administración da Comunidade Autónoma de Galicia a potestade sancionadora en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias, que exercerán os órganos administrativos que a teñan atribuída.

  2. O órgano competente para resolver, logo da tramitación do correspondente procedemento, sancionará as infraccións en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias detectadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Infraccións e sancións

Artigo 65 Infraccións administrativas.
  1. Constitúe infracción administrativa en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias e de control alimentario calquera acción ou omisión tipificada nesta lei ou noutras disposicións legais aplicables.

  2. O viño e mais os produtos derivados da uva e do viño, e en particular o vinagre de viño, a augardente de bagazo e o mosto, quedan excluídos do réxime de infraccións e sancións regulado nesta lei, xa que lles é aplicable o contido na normativa estatal e autonómica específica.

Artigo 66 Tipificación de infraccións.

As infraccións administrativas en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias e de control alimentario clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 67 Infraccións leves.

Son infraccións leves:

  1. Non presentar o certificado acreditativo da inscrición oficial da empresa, a industria, o establecemento, a instalación, o local, o medio de transporte, a actividade, o produto alimentario ou a materia ou o elemento para a produción e a comercialización alimentarias, cando fose obrigatoria a devandita inscrición, ou non exhibilo no correspondente local na forma establecida legalmente.

  2. Non presentar dentro dos prazos marcados as declaracións establecidas na normativa alimentaria ou a súa presentación defectuosa, cando estas sexan obrigatorias pola normativa.

  3. Non ter á disposición, sen causa xustificada, a documentación dos rexistros, cando fose requirida para o seu control en actos de inspección.

  4. As inexactitudes ou os erros en rexistros ou declaracións cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta non supere un 15% desta última e isto non afecte a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos. Esta porcentaxe reducirase ao 5% no caso de declaracións ou rexistros relativos a produtos con algunha denominación xeográfica ou outra figura de protección da calidade.

  5. As inexactitudes, os erros ou as omisións de datos ou informacións na etiquetaxe, os documentos de acompañamento, os documentos comerciais, os rexistros, a rotulación, a presentación e a embalaxe dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias, cando estas inexactitudes, erros ou omisións non afecten a súa natureza, identidade, calidade, características, composición, procedencia ou orixe.

  6. Non ter actualizados os rexistros, cando non transcorrese máis dun mes desde a data na que debeu practicarse o primeiro asento non reflectido, sempre e cando os asentos non rexistrados poidan xustificarse mediante outra documentación.

  7. Non comunicar ou non inscribir as modificacións dos datos xa declarados das explotacións e as industrias agrarias e alimentarias, en particular as relativas ás ampliacións ou reducións substanciais, o traslado, o cambio de titularidade, o cambio de domicilio social ou o pechamento.

  8. Non ter identificados os depósitos, os silos, os contedores e calquera clase de envase de produtos a granel ou a súa identificación de maneira non clara ou sen marcaxe indeleble e inequívoca, e, de ser o caso, non indicar o volume nominal ou outras indicacións previstas na normativa aplicable.

  9. Aplicar tratamentos, prácticas ou procesos de maneira diferente á establecida, sempre e cando non afecten a composición, a definición, a identidade, a natureza, as características ou a calidade dos produtos alimentarios ou das materias ou os elementos

    para a produción alimentaria e mais cando non entrañen riscos para a saúde.

  10. A validación ou a autenticación dos documentos de acompañamento ou dos documentos comerciais sen estar autorizados polo órgano competente ou a ausencia de validación ou autenticación cando este trámite sexa obrigatorio.

  11. A falta de habilitación ou autorización para levar os rexistros cando este trámite sexa preceptivo.

  12. O incumprimento das obrigas adicionais ás xerais de calquera operador que establezan as normas reguladoras das denominacións xeográficas ou outras figuras de protección da calidade, en materia de declaracións, libros de rexistro, documentos de acompañamento e outros documentos de control.

  13. A discrepancia entre as características reais do produto alimentario ou da materia ou o elemento para a produción e a comercialización alimentarias e as que ofreza o operador alimentario, cando se refiran a parámetros ou elementos dos que o contido estivese limitado pola regulamentación aplicable e o seu exceso ou defecto non afecte a propia natureza, a identidade, a definición regulamentaria, a calidade, a designación ou a denominación do produto, ou cando as diferenzas non superen o dobre da tolerancia admitida regulamentariamente para o parámetro ou o elemento do que se trate.

  14. Non dispor dun sistema de rexistro e tratamento das reclamacións e de retirada de produtos non conformes.

  15. A falta de autorización para etiquetar nos supostos nos que esta autorización sexa preceptiva ou de que as indicacións que consten non sexan as autorizadas.

  16. Non denunciarlle á autoridade competente calquera forma de fraude, alteración, adulteración, abuso ou neglixencia que prexudique ou poña en perigo a calidade dos produtos, a protección do consumidor ou os intereses xerais, económicos ou sociais do sector alimentario.

  17. O incumprimento das medidas cautelares sempre e cando se trate de incumprimentos meramente formais non tipificados como graves.

  18. A subministración incompleta de información ou documentación necesarias para as funcións de inspección e control administrativo.

  19. En xeral, o incumprimento das instrucións que sobre a súa actividade emanen das administracións competentes en materia de defensa da calidade da produción alimentaria e mais dos requisitos, as obrigas ou as prohibicións establecidas nas normas relacionadas coa produción e a comercialización alimentarias, incluído o transporte, sempre e cando se trate de infraccións meramente formais non previstas nos artigos seguintes.

Artigo 68 Infraccións graves.

Son infraccións graves:

  1. O exercicio de actividades relacionadas con calquera das etapas da produción, a transformación ou a comercialización de produtos alimentarios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias sen estaren autorizados e, de ser o caso, debidamente inscritos, ou cando as actividades non estean previstas na mencionada autorización ou esta fose cancelada.

  2. A falta de inscrición dos produtos, as materias ou os elementos na forma que para cada un deles se establecese.

  3. O incumprimento das cláusulas da autorización ou dos requisitos exixibles así como dos termos previstos nela.

  4. Non comunicarlle de inmediato á autoridade competente desde o seu coñecemento a comercialización de produtos, materias ou elementos que non cumpran coa lexislación en materia de calidade e conformidade.

  5. Non dispor ou non levar un sistema de control de calidade interno.

  6. A falta de datos no sistema de aseguramento da trazabilidade, como a identidade dos subministradores e dos receptores de produtos, así como as informacións relativas a eses produtos, como a súa identificación, natureza, orixe, características cualitativas e condicións de produción e distribución.

  7. A falta de calquera dos elementos regulamentarios no sistema de aseguramento da trazabilidade, como a identificación, os rexistros e a documentación de acompañamento dos produtos, así como a falta de sistemas e procedementos de trazabilidade que sexan axeitados, comprensibles e postos ao día.

  8. A posesión ou a venda de produtos a granel sen estar autorizados para iso, así como de substancias non autorizadas pola lexislación específica aplicable ou das que se carece de autorización para a súa posesión ou venda.

  9. A posesión de maquinaria ou instalacións non autorizadas nas dependencias das industrias agrarias e alimentarias.

  10. O depósito de produtos non identificados en calquera instalación ou medio de transporte.

  11. A omisión na etiqueta da razón social responsable.

  12. A instalación ou a modificación das industrias agrarias e alimentarias con incumprimento das disposicións vixentes en materia de regulación das devanditas industrias.

  13. A falta de rexistros, libros de rexistro comerciais, talonarios matrices de facturas de venda ou doutros documentos establecidos polas disposicións vixentes, ou a falta de lexibilidade ou comprensibilidade da información que constase ou a súa xestión defectuosa.

  14. Non conservar durante o período regulamentario os orixinais dos documentos de acompañamento de produtos recibidos e as copias dos documentos de acompañamento de produtos expedidos.

  15. Non ter realizada unha anotación nos rexistros cando tivese transcorrido máis dun mes desde a data na que regulamentariamente se debeu practicar ou cando, ao non transcorrer o devandito período de tempo, o asento ou os asentos non rexistrados non poidan xustificarse mediante outra documentación.

  16. Non conservar os rexistros durante o tempo establecido regulamentariamente.

  17. A imposibilidade de correlacionar os produtos que hai nas instalacións coas características principais destes produtos que constan nos rexistros e na documentación de acompañamento ou, de ser o caso, na documentación comercial, así como que non consten as entradas e as saídas dos produtos, nin as manipulacións, os tratamentos e as prácticas que sufriron.

  18. As inexactitudes, os erros ou as omisións de datos ou informacións na etiquetaxe, os documentos de acompañamento, os documentos comerciais, os rexistros, a rotulación, a presentación e as embalaxes, cando esas inexactitudes, erros ou omisións afecten a natureza, a identidade, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos.

  19. A imposibilidade de demostrar a exactitude das informacións que consten na etiquetaxe, os documentos de acompañamento ou os documentos comerciais, así como dos produtos utilizados na súa produción ou transformación.

  20. Non presentar ou presentar fóra do termo establecido as declaracións que deban realizarse en relación coa execución de prácticas de elaboración e tratamento de determinados produtos, así como ter inexactitudes, erros ou omisións nestas declaracións, cando estes feitos afecten a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos consignados.

  21. As inexactitudes ou os erros nos rexistros ou nas declaracións establecidas na normativa alimentaria cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta supere un 15% desta última ou cando, non superándoa, afecte a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos. Esta porcentaxe reducirase ao 5% no caso de declaracións ou rexistros relativos a produtos con algunha denominación xeográfica ou outra figura de protección da calidade.

  22. A modificación da verdadeira identidade dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias mediante a falsificación dos datos ou documentos que servisen para identificalos.

  23. A comercialización de produtos ou materias e elementos para a produción e a comercialización

    alimentarias sen a etiquetaxe correspondente, os documentos de acompañamento, os documentos comerciais, a rotulación, a presentación, as embalaxes, os envases ou os recipientes que sexan preceptivos, ou que a información que conteñan induza a engano aos seus receptores ou consumidores.

  24. A utilización na etiquetaxe, os envases, as embalaxes, a presentación, a oferta ou a publicidade dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias de indicacións, razóns sociais, nomes ou denominacións comerciais, expresións, signos, marcas, símbolos, emblemas, denominacións, designacións, cualificacións, clases de produto, indicacións da orixe ou a procedencia, indicacións sobre o sistema de produción ou elaboración que:

    1. Non correspondan ao produto e/ou que, pola súa similitude fonética, gráfica ou ortográfica, poidan inducir a confusión, aínda que estean precedidos polos termos «tipo», «estilo», «xénero», «imitación», «sucedáneo» ou outros semellantes.

    2. Non correspondan á verdadeira identidade do operador.

    3. Non correspondan ao verdadeiro lugar de produción, fabricación, elaboración, envasado, comercialización ou distribución.

    4. Non poidan ser verificados.

    Todo o anterior enténdese sen prexuízo do establecido na alínea 1 do artigo 69.

  25. A aplicación de tratamentos, prácticas ou procesos que non estean autorizados pola normativa vixente ou de xeito diferente ao establecido, a utilización de materias primas que non reúnan os requisitos mínimos de calidade establecidos na normativa vixente ou a adición ou a subtracción de substancias ou elementos, cando calquera destas operacións afecten a composición, a definición, a identidade, a natureza, as características ou a calidade dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias.

  26. As defraudacións nas características dos produtos alimentarios ou das materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias, en particular as relativas á identidade, natureza, especie, composición, contido, designación, definición regulamentaria, calidade, riqueza, peso, volume ou cantidade, exceso de humidade, contido en principios útiles, aptitude para o uso ou calquera outra discrepancia que exista entre as características reais do produto alimentario ou da materia ou o elemento do que se trate e as que ofreza o operador alimentario, que non estean comprendidas no suposto da alínea 13 do artigo 67.

  27. A negativa ou a resistencia a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polos órganos competentes ou os seus axentes, para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución nas mate

    rias ás que se refire esta lei, así como subministrar información inexacta ou documentación falsa, e entre elas as seguintes accións:

    1. Non permitir o acceso aos locais, as instalacións ou os medios de transporte.

    2. Non permitir que se tomen mostras ou se realicen outro tipo de controis sobre os produtos.

    3. Non xustificar as verificacións ou os controis efectuados sobre os produtos postos en circulación.

    4. Non proporcionar no momento da inspección toda a documentación, datos e informacións que o persoal da administración pública que realiza funcións inspectoras necesite para levar a cabo as súas funcións de investigación, e non permitir a súa comprobación.

    5. Non proporcionar no prazo dado polo persoal que realiza funcións inspectoras as informacións que se requiran.

    6. Non achegar a documentación requirida polo persoal que realiza funcións inspectoras no momento da realización da inspección ou non achegar a documentación requirida no prazo sinalado.

  28. A manipulación ou a disposición en calquera forma, sen contar coa autorización do órgano competente, de mercadorías intervidas cautelarmente.

  29. O traslado físico de mercadorías intervidas cautelarmente sen autorización do órgano competente, sempre e cando non se manipulen os precintos e as mercadorías non saísen das instalacións onde foron intervidas.

  30. A expedición por parte dos órganos de control e certificación das distintas figuras de protección da calidade ou de etiquetaxes con indicacións facultativas, de certificados ou informes nos que o seu contido non se axuste á realidade dos feitos, así como a realización de ensaios, probas ou inspeccións de forma incompleta ou con resultados inexactos, por unha insuficiente constatación dos feitos ou pola deficiente aplicación de normas técnicas.

  31. A reincidencia na mesma infracción leve no último ano. O prazo comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que a resolución adquira firmeza na vía administrativa.

Artigo 69 Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

  1. A utilización, cando non se teña dereito a iso, de indicacións, nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia aos nomes protexidos por unha denominación xeográfica ou por outras figuras de protección da calidade alimentaria ou que, pola súa similitude fonética ou gráfica cos nomes protexidos ou cos signos ou emblemas característicos, poidan inducir a confusión sobre a natureza, a calidade ou a orixe dos produtos, aínda que vaian acompañados dos termos «tipo», «estilo», «xénero», «imitación», «sucedáneo» ou outros análogos.

  2. Non introducir nas etiquetas e na presentación dos produtos alimentarios os elementos abondos para diferenciar claramente a súa cualificación e procedencia, co fin de evitar confusión nos consumidores, derivada da utilización dunha mesma marca, nome comercial ou razón social na comercialización de produtos incluídos nunha determinada denominación xeográfica ou outro indicativo de calidade e noutros que non o están.

  3. A indebida posesión, negociación ou utilización de documentos, precintas, etiquetas ou outros elementos de identificación propios das denominacións xeográficas ou doutras figuras de protección da calidade alimentaria, así como a súa falsificación.

  4. A falsificación de produtos ou a venda de produtos falsificados, sempre e cando non sexan constitutivas de delito ou falta.

  5. A manipulación, o traslado ou a disposición, sen autorización, de mercadorías intervidas cautelarmente, se se violan os precintos ou se as mercadorías saen das instalacións onde foron intervidas.

  6. As infraccións graves que, en todo ou en parte, sexan concorrentes con infraccións graves á normativa sanitaria ou que servisen para facilitalas ou encubrilas.

  7. As infraccións graves que supoñan a extensión da alteración, a adulteración, a falsificación ou a fraude para realizar por terceiros aos que se lles facilita a substancia, os medios ou os procedementos para realizalos, encubrilos ou enmascaralos.

  8. A transmisión, sexa a título oneroso ou gratuíto, a industrias agrarias e alimentarias de produtos alimentarios ou materias ou substancias non permitidas.

  9. As infraccións cometidas polos órganos de control aos que se refire a alínea 30 do artigo 68, cando destas resulte un dano moi grave e inminente para as persoas, a flora, a fauna ou o medio ambiente.

  10. A negativa absoluta á actuación dos servizos públicos de inspección.

  11. As coaccións, ameazas, inxurias, represalias, agresións ou calquera outra forma de presión ao persoal da administración e dos consellos reguladores que realiza funcións de inspección e aos instrutores dos expedientes sancionadores.

Artigo 70 Concorrencia de infraccións.

Cando concorran dúas ou máis infraccións imputables polos mesmos feitos a un mesmo suxeito, e algunha delas sexa medio necesario para cometer outra, imporase como sanción conxunta a correspondente á infracción máis grave.

Artigo 71 Responsabilidade das infraccións.
  1. Serán responsables das infraccións tipificadas nesta lei as persoas físicas ou xurídicas que, por acción ou omisión, participasen nelas.

  2. Presumiranse responsables das infraccións en produtos envasados, etiquetados ou pechados con pechamento íntegro os seguintes:

    1. A firma ou a razón social que figure na etiqueta ou nos documentos de acompañamento, ben nominalmente ou ben mediante calquera indicación que permita a súa identificación certa, agás que se demostre que a persoa que ten o produto no seu poder o falsificou ou non o conservou correctamente, sempre e cando na etiquetaxe se especificasen as condicións de conservación.

    2. Tamén será responsable o elaborador ou o fabricante que non figura na etiquetaxe ou nos documentos de acompañamento, de se probar a conivencia. No suposto de que se falsificase a etiquetaxe ou os documentos de acompañamento, a responsabilidade corresponderalle a quen realizase a falsificación.

    3. Quen comercialice produtos non conformes, se da etiquetaxe ou dos documentos de acompañamento se deducise directamente a infracción.

    4. Se o produto envasado non levase os datos necesarios para identificar o responsable, de conformidade co disposto na normativa vixente, será considerado responsable quen comercializou o produto, agás que se puidese identificar o envasador, sen prexuízo da responsabilidade que lle corresponda á persoa que o teña no seu poder.

  3. Presumirase responsable das infraccións en produtos a granel ou envasados sen etiqueta ou cando na etiqueta non figure ningunha firma ou razón social quen os teña no seu poder, agás cando se poida identificar de maneira certa a responsabilidade dun posuidor anterior, e sen prexuízo da responsabilidade que lle corresponda ao actual.

  4. Das infraccións cometidas por persoas xurídicas, incluídos os consellos reguladores das denominacións xeográficas e os órganos de control e certificación, serán responsables subsidiariamente os administradores ou os titulares deles que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, que consentisen o incumprimento por quen deles dependa ou que adoptasen acordos que fixesen posible tales infraccións.

  5. Así mesmo, serán responsables subsidiariamente os técnicos responsables da elaboración e do control respecto das infraccións directamente relacionadas coa súa actividade profesional.

  6. Tamén terá esta consideración o transportista que leve as mercadorías sen a documentación adecuada, cando se probe a súa conivencia co responsable.

  7. A responsabilidade administrativa polas infraccións reguladas nesta lei será independente da responsabilidade civil ou penal que, de ser o caso, poida exixirlles aos seus responsables, sen prexuízo de que non poidan concorrer dúas sancións cando se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

  8. Nas infraccións nas que participase máis dunha persoa, física ou xurídica, a responsabilidade será solidaria.

Artigo 72 Sancións.
  1. A comisión de infraccións que figura nesta lei poderá dar lugar ás seguintes sancións:

    1. Multa desde 500 ata 2.000 euros no caso de infraccións leves, e esta cantidade poderase superar ata acadar o valor dos produtos obxecto da infracción.

    2. Multa comprendida entre 2.001 e 30.000 euros para as faltas graves, e esta cantidade poderase superar ata acadar o 5% do volume de vendas dos produtos obxecto da infracción correspondente ao exercicio económico inmediatamente anterior ao da iniciación do procedemento sancionador.

    3. Multa comprendida entre 30.001 e 300.000 euros para as faltas moi graves, e esta cantidade poderase superar ata acadar o 10% do volume de vendas dos produtos obxecto da infracción correspondente ao exercicio económico inmediatamente anterior ao da iniciación do procedemento sancionador.

  2. Nos supostos de infraccións cualificadas como graves ou moi graves, cometidas por persoas inscritas nos rexistros de denominacións xeográficas, marcas ou outras figuras de protección da calidade alimentaria, cando as actuacións realizadas ocasionasen un grave prexuízo ou desprestixio á denominación, marca ou figura de protección, a autoridade á que lle corresponda resolver o expediente poderá acordar, como sanción accesoria, a suspensión temporal do dereito ao uso da devandita denominación, marca ou figura da que se trate, ou a baixa definitiva dos seus rexistros.

    A suspensión temporal comportará a perda do dereito a etiquetas ou a outros documentos propios da denominación, durante un período máximo de tres anos, de tratarse dunha infracción cualificada como grave. De tratarse dunha infracción moi grave, poderase impor a suspensión temporal por un prazo máximo de cinco anos ou a baixa definitiva.

    A baixa implicará a exclusión do infractor dos rexistros e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación ou marca.

  3. A contía das sancións poderá ser actualizada por decreto do Consello da Xunta despois de transcorrer tres anos desde a entrada en vigor desta lei. As actualizacións posteriores poderanse realizar anualmente cando as circunstancias económicas e sociais o requiran.

  4. A autoridade á que lle corresponda resolver o expediente poderá acordar como sanción accesoria o comiso ou a destrución da documentación de presentación do produto, do material de identificación deste, así como da mercadoría adulterada, falsificada, fraudulenta ou non identificada e daquela que poida supor un risco para as persoas, os animais ou os vexetais. Serán por conta do infractor os gastos

    que orixinen as operacións de intervención, depósito, comiso e destrución da mercadoría, incluída a indemnización ao propietario da mercadoría comisada cando este non sexa o infractor.

  5. Poderáselle impor tamén como sanción accesoria á empresa responsable o pagamento das análises necesarias para comprobar a infracción investigada.

  6. Nos supostos de infraccións graves, o Consello da Xunta poderá decretar, por acordo motivado, o pechamento temporal do establecemento, da instalación ou do servizo onde se cometeu a infracción, polo prazo máximo de dous anos, sen prexuízo, en todo caso, do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía, de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. No caso de infraccións moi graves, o período máximo será de cinco anos.

  7. Non terá o carácter de sanción a clausura, o pechamento, o cesamento, a suspensión ou a interrupción temporal das actividades empresariais, das instalacións, dos locais ou dos establecementos que non teñan as autorizacións administrativas ou os rexistros preceptivos mentres no se cumpran os requisitos exixidos.

    Tampouco terá carácter de sanción a retirada, cautelar ou definitiva, das canles de produción ou distribución daqueles produtos que sexan subministrados por establecementos que carezan da preceptiva autorización.

  8. Por razóns de exemplaridade e sempre que concorra algunha das circunstancias de risco ou dano efectivo para os intereses económicos do sector alimentario, reincidencia en infraccións graves ou moi graves ou acreditada intencionalidade na comisión das infraccións, a autoridade que adopte a resolución do procedemento sancionador poderá acordar que se fagan públicas as sancións impostas, sempre e cando adquirisen firmeza na vía administrativa, acompañadas do nome da empresa e das persoas naturais ou xurídicas responsables, con expresa indicación das infraccións cometidas.

    Os devanditos datos publicaranse no Diario Oficial de Galicia, no boletín da provincia na que radicase a empresa, no Boletín Oficial do Estado de ser a empresa infractora de ámbito estatal ou internacional e mais nos medios de comunicación que se consideren oportunos.

  9. As sancións previstas nesta lei serán compatibles coa perda ou retirada de dereitos económicos previstos na normativa comunitaria.

Artigo 73 Órganos competentes.
  1. O órgano competente para incoar os expedientes sancionadores será o delegado provincial correspondente da consellaría competente en materia de agricultura onde o operador teña o seu domicilio ou

    razón social, agás no suposto de que teña o seu domicilio fóra da comunidade autónoma, e neste caso a incoación realizaraa o delegado do ámbito territorial onde se detectase a infracción.

    O delegado provincial que corresponda encomendaralles a instrución dos expedientes aos servizos provinciais que procedan.

  2. Os órganos competentes para a imposición de sancións polas infraccións cometidas en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias, reguladas nesta lei, serán os seguintes:

    1. Os delegados provinciais da consellaría competente en materia de agricultura, para as infraccións leves no seu grao mínimo.

    2. O director xeral competente en materia de industrias e calidade agroalimentaria, para as demais infraccións leves e para as infraccións graves no seu grao mínimo.

    3. O conselleiro competente en materia de agricultura, para as infraccións graves nos seus graos medio e máximo.

    4. O Consello da Xunta de Galicia, para as infraccións moi graves, así como, de ser o caso, para o pechamento temporal do establecemento, da instalación ou do servizo.

Artigo 74 Apercibimentos.

Se como consecuencia dunha inspección se comproba a existencia de irregularidades, o delegado provincial da consellaría competente en materia de agricultura poderá advertir a empresa no senso de que corrixa os defectos detectados nun prazo determinado, sempre e cando non estivese advertida no último ano por un feito igual ou similar e no caso de que a irregularidade puidese ser constitutiva unicamente de infracción leve.

Artigo 75 Multas coercitivas.
  1. No suposto de que un infractor non cumprise coas obrigas impostas como sanción ou o fixese de forma incompleta, poderánselle impor multas coercitivas, coa finalidade de que cumpra integramente a sanción imposta. Imporanse cunha periodicidade de seis meses ata o cumprimento total da sanción á que se refiren, e o seu importe non poderá ser superior a 3.000 euros.

  2. Estas multas serán independentes e compatibles coas sancións pecuniarias impostas pola infracción cometida.

Artigo 76 Graduación das sancións.
  1. Para os efectos da súa graduación, as sancións dividiranse en tres tramos iguais do seguinte modo:

    1) Infraccións leves:

    1. Tramo inferior: de 500 a 1.000 euros.

    2. Tramo medio: de 1.001 a 1.500 euros.

    3. Tramo superior: de 1.501 a 2.000 euros.

      2) Infraccións graves:

    4. Tramo inferior: de 2.001 a 11.333 euros.

    5. Tramo medio: de 11.334 a 20.666 euros.

    6. Tramo superior: de 20.667 a 30.000 euros.

      3) Infraccións moi graves:

    7. Tramo inferior: de 30.001 a 120.000 euros.

    8. Tramo medio: de 120.001 a 210.000 euros.

    9. Tramo superior: de 210.001 a 300.000 euros.

  2. Para a determinación concreta da sanción que vai imporse, dentro dos tramos asignados a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración os seguintes criterios:

    1. A existencia de intencionalidade ou de simple neglixencia.

    2. A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

    3. A reincidencia, por comisión no termo de tres anos de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así se declararase por resolución firme. Este prazo comezará a contar desde que a resolución adquirise firmeza na vía administrativa.

    4. A natureza dos prexuízos causados aos operadores alimentarios, en particular o efecto prexudicial que a infracción puidese causar sobre a saúde ou os intereses económicos dos consumidores, os prezos, o consumo ou, de ser o caso, o prestixio dunha denominación xeográfica ou doutra figura de protección da calidade.

    5. O volume de vendas ou de produción e a posición da empresa infractora no sector.

    6. A extensión da superficie de cultivo ou o volume e valor das mercadorías ou dos produtos afectados pola infracción.

    7. A contía do beneficio ilícito obtido pola comisión da infracción, do que o seu importe non poderá ser superior á sanción imposta.

    8. O recoñecemento e a emenda das infraccións antes de que se resolva o correspondente procedemento sancionador.

    9. A falta dos controis e das precaucións exixibles na actividade, no servizo ou na instalación da que se trate.

    10. O grao de incumprimento dos apercibimentos previos.

    11. A xeneralización nun sector determinado dun mesmo tipo de infracción.

  3. Malia o recollido no apartado anterior, a contía da sanción poderase minorar motivadamente, en atención ás circunstancias específicas do caso, cando a sanción resulte excesivamente onerosa.

  4. Os criterios de graduación recollidos no apartado 2 non poderán utilizarse para agravar ou atenuar a infracción cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

  5. A resolución administrativa que recaia deberá explicitar os criterios de graduación da sanción tidos en conta, de entre os sinalados nos apartados anteriores deste artigo. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas nos devanditos apartados, a sanción imporase no grao mínimo no seu tramo inferior.

Artigo 77 Proporcionalidade e efectividade da sanción.

A imposición das sancións pecuniarias farase de maneira que a comisión das infraccións non resulte máis beneficiosa para o infractor que o cumprimento das normas infrinxidas, sempre de acordo co principio de proporcionalidade e coa debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción por impor.

Artigo 78 Perda do dereito á obtención de axudas.

A comisión de infraccións moi graves levará aparellada a perda, durante o prazo dun ano seguinte á firmeza da resolución na vía administrativa, do dereito a obter axudas da administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 79 Prescrición e caducidade.
  1. As infraccións leves ás que se refire esta lei prescribirán ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos. O termo da prescrición comezará a correr desde o día no que se cometese a infracción. A prescrición interromperase desde o momento no que o presunto infractor teña coñecemento da iniciación do procedemento.

  2. Cando exista toma de mostras, as actuacións da inspección entenderanse rematadas despois de ter practicada a análise inicial.

    As solicitudes de análises contraditorias e dirimentes que fosen necesarias interromperán o prazo de caducidade ata que se practiquen.

  3. As sancións leves reguladas nesta lei prescribirán ao ano de ter adquirido firmeza, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

Artigo 80 Procedemento sancionador.
  1. As infraccións tipificadas nesta lei serán sancionadas logo da tramitación do procedemento sancionador de carácter xeral, regulamentariamente establecido por decreto da Xunta de Galicia, respectando as peculiaridades específicas que para esta materia se regulen.

  2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de dezaoito meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notificase

    a resolución, producirase a caducidade deste, co arquivo das actuacións.

    No caso de que un procedemento se suspenda ou se paralice por causa imputable ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.

  3. Cando se producise a prescrición da infracción ou a caducidade do procedemento, o titular do órgano competente na materia poderá ordenar a incoación das oportunas dilixencias para determinar o grao de responsabilidade do funcionario ou dos funcionarios causantes da demora.

  4. De apreciarse, namentres se tramita o procedemento sancionador, a posible cualificación dos feitos como constitutivos de delito ou falta, a administración trasladaralle as actuacións ao ministerio fiscal e deixará en suspenso o procedemento administrativo unha vez que o correspondente órgano xudicial incoase o proceso penal que corresponda, sempre que exista identidade de suxeito, feito e fundamento. De ter a administración coñecemento de que se segue un procedemento penal polo mesmo feito, suxeito e fundamento, esta debe suspender a tramitación do procedemento sancionador.

    A sanción penal exclúe a imposición de sanción administrativa. No caso de que non se estimase a existencia de delito ou falta, pódese continuar o expediente sancionador, se procede, de conformidade cos feitos que a xurisdición penal considerase probados.

  5. No suposto de iniciarse o procedemento sancionador como consecuencia de resultados, este analíticos, se o inculpado non acepta eses resultados poderá solicitar a realización de análises contraditorias da maneira que se estableza regulamentariamente.

Artigo 81 Procedemento abreviado.

No suposto de infraccións cualificadas como leves e de estaren os feitos recollidos na acta correspondente ou de deducírense da documentación recollida pola inspección ou dos resultados das análises, o expediente poderase instruír mediante procedemento abreviado, que se establecerá regulamentariamente.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta lei e en tanto non se regulen as normas que a desenvolvan ou complementen, será aplicable a normativa autonómica e estatal relacionada coas materias que regula, sempre e cando non se opoña ao establecido nela.

Segunda.-Facúltase o Consello da Xunta para que por norma de carácter regulamentario estableza novas figuras de protección da calidade agroalimentaria.

Terceira.-Estableceranse protocolos entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia competentes nas materias relacionadas co obxecto desta lei co fin de coordinar os controis e os sistemas

de información para garantir a trazabilidade dos produtos alimentarios e o cumprimento da normativa aplicable.

Cuarta.-As normas contidas nesta lei aplicaranse sen prexuízo do disposto na lexislación sobre disciplina de mercado e de defensa dos consumidores e usuarios.

Quinta.-As disposicións desta lei, e en concreto as relativas ao procedemento de recoñecemento, os regulamentos e mais o control e a certificación das denominacións xeográficas, así como ao réxime xurídico, o recoñecemento, as funcións, a organización, os recursos, o réxime sancionador e os demais preceptos referidos aos consellos reguladores, seranlle aplicables á produción agraria ecolóxica.

Sexta.-Do mesmo xeito esta lei seralle aplicable á regulación do réxime sancionador da produción integrada.

Sétima.-Os produtos artesáns alimentarios producidos e elaborados legalmente noutras comunidades autónomas do Estado español ou noutros estados membros da UE e dos países AELC, partes contratantes no Acordo sobre o espazo económico europeo (EEE), de acordo cunha normativa oficial específica de artesanía alimentaria, poderanse comercializar no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia baixo esa mesma denominación.

Co fin de evitar confusión nos consumidores, esa denominación deberase completar coa mención expresa da norma legal reguladora do país ou da comunidade autónoma de orixe do produto, de xeito que lle permita ao comprador coñecer a devandita orixe e distinguilo doutros produtos.

Oitava.-Aos órganos de xestión dos viños de calidade con indicación xeográfica seralles aplicable o contido nesta lei no tocante aos consellos reguladores.

Novena.-No ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano administrativo ao que se refire o artigo 69 da Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas, competente para autorizar os regulamentos de uso de marcas de garantía aplicadas a produtos alimentarios será a consellaría con competencias en materia de agricultura ou de pesca, segundo sexa a natureza agraria ou pesqueira do produto.

Malia o anterior, a utilización nos produtos alimentarios de calquera marca colectiva ou de garantía que inclúa no seu nome signos xeográficos relativos ao territorio da Comunidade Autónoma galega requirirá, para a autorización do seu uso, informe favorable da consellaría competente verbo da natureza do produto do que se trate.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os operadores alimentarios terán un prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei para adaptar o seu réxime de aseguramento da calidade ás exixencias contidas nos seus artigos 42 a 47.

Segunda.-Os artesáns e mais os talleres artesanais con actividades relacionadas coa produción alimentaria inscritos nas seccións II e III do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia inscribiranse de oficio no Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia regulado no artigo 26 desta lei, con sometemento pleno ás obrigas e ás condicións que estableza a normativa de desenvolvemento desta lei en materia de artesanía alimentaria. A tramitación das inscricións será gratuíta.

Terceira.-Para as infraccións cometidas antes da entrada en vigor desta lei, o procedemento sancionador rexerase pola normativa anterior.

Cuarta.-No prazo de dous anos desde a publicación desta lei, os actuais regulamentos das denominacións de calidade, así como os seus consellos reguladores, deberanse adaptar á súas previsións.

Quinta.-Namentres non se establezan as cotas internas definitivas, os consellos reguladores continuarán a aplicar os importes que teñan establecidos consonte a lexislación anterior.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Xunta de Galicia ditará todas as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a correcta aplicación desta lei.

Segunda.-A Lei 1/1992, do 11 de marzo, reguladora da artesanía de Galicia, e as disposicións que a desenvolven non serán aplicables en materia de artesanía alimentaria, que se rexerá polo establecido nesta lei e na normativa específica que a desenvolva.

Terceira.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR