Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorPRESIDENCIA
Rango de LeyLei

Exposición de motivos

A seguridade constitúe unha das principais preocupacións de calquera sociedade, e unha das obrigas da Administración pública é satisfacer as demandas que nesa materia lle expoñen os cidadáns. Na chamada «sociedade dos riscos» asúmese que a ausencia de todo perigo é só un ideal inalcanzable pero, polo menos, exíxese conxurar aquelas ameazas para a seguridade máis previsibles e evitables.

Entendida a seguridade pública de xeito integral, que abrangue tanto a seguridade cidadá como a loita contra ameazas de orixe non persoal, parece oportuno concibir tamén integralmente o proceso formativo dos seus xestores. Por isto, no organismo encargado a nivel autonómico de impartir esa formación, o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, débese levar a cabo un proceso de ampliación do seu obxecto que, xunto cos tradicionais cursos formativos dirixidos ás policías locais de Galicia e a outros corpos policiais, bombeiros e protección civil, poña a andar outros que afectan determinados colectivos vinculados igualmente á seguridade pública.

Iniciada xa a formación continua complementaria dos membros das carreiras xudicial e fiscal en virtude do artigo 3.1.b) da Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, resulta axeitado proseguir con ela, dado o papel esencial que o Poder Xudicial e o Ministerio Fiscal desenvolven na xestión da seguridade pública. Por iso mantéñense as relacións de cooperación co órgano de goberno do Poder Xudicial e co Ministerio de Xustiza contribuíndo á formación dos xuíces e fiscais exclusivamente no eido da seguridade.

Por outra banda, segundo dispón o artigo 80.4º da Lei orgánica xeral penitenciaria, antes de iniciar a súa actividade os funcionarios penitenciarios deberán recibir a formación específica, tanto teórica como práctica, no centro adecuado que regulamentariamente se determine, que non é outro que o Centro de Estudos Penitenciarios creado polo Real decreto 1885/1996, do 2 de agosto, de estrutura orgánica básica do Ministerio do Interior. Conforme a Orde do 10 de febreiro de 2000, a función fundamental dese centro vai ser a de formación e perfeccionamento do todo o persoal ao servizo da Administración penitenciaria sen prexuízo das funcións de selección nos cursos de formación inicial que teñan carácter selectivo. E poderá realizar tamén actividades complementarias que permitan mellorar a formación e a investigación en materia penitenciaria. Sinala tamén a citada norma estatal que o Centro de Estudos Penitenciarios manterá relacións de cooperación con centros de formación das administracións públicas.

Por iso, alén das competencias estatais na formación destes funcionarios da Administración do Estado, a Xunta de Galicia considera útil participar na súa formación de xeito complementario mediante as oportunas relacións de cooperación coa Administración estatal, especialmente nun panorama como o actual cun crecemento constante da poboación carceraria e o xurdimento de novas situacións problemáticas derivadas das características dos internos, orixinarios moitos deles de contornos culturais moi variados e ben diferentes do noso, con repercusións evidentes no campo da seguridade.

Tamén a seguridade privada merece ser recollida nesta lei. A ninguén se lle oculta o espectacular incremento que nos últimos anos se está a producir neste sector e as dificultades de formación que está a padecer un colectivo omnipresente na vida cotiá e que colabora de xeito complementario e subordinado coa policía, dentro das súas restrinxidas competencias, no mantemento da seguridade pública. Aínda que o Estado ten competencia exclusiva sobre a materia, e así resulta tanto do disposto no artigo 149.1.29.º da Constitución española como na Lei estatal 23/1992, do 30 de xullo, de seguridade privada, desenvolvida polo Regulamento de seguridade privada aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro, a Xunta de Galicia considera útil participar na súa formación de xeito complementario mediante as oportunas relacións de cooperación coa Administración estatal.

Así mesmo, os axentes forestais cumpren un importante papel na seguridade pública, tendo a condición de axentes da autoridade e exercendo funcións de policía xudicial no ámbito da protección forestal. A Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, encoméndalles aos axentes forestais funcións de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal e a de policía xudicial no senso xenérico tal como establece o punto 6º do artigo 283 da Lei de axuizamento criminal. Por todo isto, parece axeitado que a Academia Galega de Seguridade Pública dirixa tamén a súa acción formativa cara a estes profesionais.

Finalmente, pero non menos importante, cabe salientar que este centro de formación, que tamén o será de investigación nas materias que lle son propias, vai acoller os alumnos aspirantes a integrarse nas distintas escalas da que será a policía de Galicia, unha verdadeira policía autonómica cuxa inminente creación resulta autorizada tanto polo Estatuto de autonomía de Galicia como pola Lei de forzas e corpos de seguridade.

O prestixio que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten acadado no eido da formación en materia de seguridade garante o exacto cumprimento destas novas funcións que recolle esta lei, aínda que isto obrigará a facer algúns cambios, como será o artellamento dunha nova estrutura orgánica da que pasará a denominarse, reto

mando parcialmente o seu vello nome, Academia Galega de Seguridade Pública.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei da Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 1 Natureza xurídica.
  1. Créase a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza.

  2. Para o cumprimento dos seus fins a Academia Galega de Seguridade Pública goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar. Dispón de patrimonio propio e rexerase por esta lei e, de xeito supletorio, polas demais normas que lle sexan aplicables de acordo coa súa natureza xurídica.

Artigo 2 Sede.

A sede da Academia Galega de Seguridade Pública radica na localidade pontevedresa da Estrada, sen prexuízo da organización de actividades formativas noutras localidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3 Fins.

A Academia Galega de Seguridade Pública orientará a súa actuación ao:

  1. Enriquecemento do capital humano dos servizos de seguridade pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia.

  2. Compromiso de xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguridade pública.

  3. Impulso da calidade nos servizos de seguridade pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción dos seus xestores.

Artigo 4 Funcións formativas.

As funcións formativas da Academia Galega de Seguridade Pública son as seguintes:

  1. No ámbito da formación xudicial e penitenciaria e da seguridade privada:

    Organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e cos ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penitenciarias e dos traballadores da seguridade privada, a través do asinamento dos oportunos convenios.

  2. No ámbito da formación policial:

    1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna

      nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.

    2. Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

    3. Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.

  3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:

    1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.

    2. Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais.

    3. Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.

    4. Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, establecéndose os convenios oportunos.

Artigo 5 Outras funcións.

Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:

  1. Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega.

  2. Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.

  3. Homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.

  4. Calquera outra que lle poida ser atribuída polas normas, de conformidade coa súa natureza.

Artigo 6 Medidas de fomento.
  1. Para conseguir os seus fins, a Academia Galega de Seguridade Pública poderá convocar e outorgar bolsas, axudas e premios, así como levar a cabo outras medidas de fomento dirixidas a favorecer a investigación, facilitar a incorporación de mulleres aos corpos de seguridade e obter unha adecuada formación e innovación dos servizos galegos de seguridade pública.

  2. Para os efectos das disposicións vixentes, a Academia Galega de Seguridade Pública ten o carácter de centro oficial de investigación.

Artigo 7 Órganos.
  1. Os órganos de goberno e administración da Academia Galega de Seguridade Pública son:

    1. O consello reitor.

    2. O/A director/a xeral.

  2. O órgano asesor en materia de formación continua no campo da seguridade pública será o Consello Autonómico de Formación Continua para os empregados públicos da seguridade.

Artigo 8 Composición do consello reitor.

O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública está formado por un presidente, un vicepresidente, oito vogais e un secretario.

  1. Presidente: a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza.

  2. Vicepresidente: o/a director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

  3. Vogais:

    1. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de interior.

    2. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección civil.

    3. A persoa titular da dirección da Escola Galega de Administración Pública.

    4. Un representante, con categoría polo menos de director xeral, do departamento competente en materia de menores.

    5. Tres vogais designados pola presidencia do consello reitor entre persoas expertas e de prestixio en materias de seguridade pública.

    6. Un representante dos concellos de Galicia, designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

    A condición do vogal representante dos concellos estará vinculada á representatividade posuída, e perderase ao desaparecer esta.

  4. Secretario: a persoa titular da secretaría xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, que actuará ademais como secretario do consello reitor.

Artigo 9 Funcións do consello reitor.
  1. O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública é o órgano colexiado de control, planificación e supervisión xeral da actividade do centro.

  2. O consello reitor debe coñecer e aprobar:

    1. As directrices xerais de actuación do organismo.

    2. O plan anual de actividades.

    3. A memoria das actividades do exercicio anterior.

    4. O regulamento de réxime interior.

    5. Os programas mínimos para o ingreso, a formación e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

    6. O anteproxecto do orzamento anual da academia e as súas contas.

  3. O consello reitor debe coñecer e emitir informe sobre:

    1. Aquelas normas relativas ás disposicións e actos que afecten as funcións que a academia ten encomendadas nesta lei.

    2. Os asuntos que o presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública sometan á súa consideración.

  4. O consello reitor debe ser informado de:

    1. A estrutura orgánica e o cadro de persoal da academia.

    2. Os convenios de colaboración e cooperación subscritos polo seu presidente.

    3. Os baremos reguladores das remuneracións das actividades docentes no caso do persoal colaborador a que se refire o artigo 15.2º.

Artigo 10 Funcionamento do consello reitor.
  1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.

  2. O consello reitor reunirase como mínimo unha vez cada ano, e en calquera caso sempre que sexa convocado polo presidente ou sexa solicitado por unha terceira parte dos seus membros.

  3. O presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública poderán convocar técnicos ou especialistas ás reunións para asesoramento.

Artigo 11 O/A director/a xeral.

O/A director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública será nomeado/a por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza, entre persoas con acreditados coñecementos e experiencia nas materias obxecto da actividade do centro.

Artigo 12 Funcións do director/a xeral.

Correspóndelle ao director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública:

  1. Ter a representación ordinaria do organismo.

  2. Executar os acordos do consello reitor.

  3. Elaborar o anteproxecto de orzamento anual, que será posto en coñecemento do consello reitor.

  4. Propoñerlle ao consello reitor o plan anual de actividades.

  5. Elaborar o regulamento de réxime interior.

  6. Dirixir a xestión orzamentaria, autorizar e dispoñer os gastos e ordenar os pagamentos.

  7. Dirixir os servizos administrativos e exercer a xefatura de persoal da Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia.

  8. Preparar a memoria de actividades para sometela ao consello reitor.

  9. Expedir diplomas e certificados.

  10. Homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.

  11. As funcións que lle poida delegar o consello reitor ou o seu presidente e aqueloutras competencias que, correspondendo á Academia Galega de Seguridade Pública, non estean atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano desta.

Artigo 13 O Consello Autonómico de Formación Continua para os empregados públicos da seguridade.

O Consello Autonómico de Formación Continua para os empregados públicos da seguridade actuará como órgano asesor da academia en materia de formación continua no campo da seguridade pública e estará formado por representantes das administracións públicas e dos sindicatos e asociacións dos colectivos mencionados no artigo 4. A súa estrutura e réxime de funcionamento serán determinados por decreto da Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de interior e xustiza.

Artigo 14 Estrutura orgánica.

Para a realización das súas funcións, a Academia Galega de Seguridade Pública terá asignadas as unidades organizativas que se determinen por decreto da Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza.

Artigo 15 Persoal.
  1. Os postos de traballo da Academia Galega de Seguridade Pública serán cubertos por persoal funcionario ou laboral da Comunidade Autónoma de Galicia ou, nos casos en que proceda, por persoal doutras administracións públicas, de acordo co disposto na Lei da función pública de Galicia.

  2. Os membros integrantes do persoal docente ou investigador que non formen parte do cadro de persoal da Academia Galega de Seguridade Pública terán a condición de colaboradores temporais e o dereito a percibir as compensacións económicas que lles correspondan por asistencia, horas lectivas, conferencias, seminarios ou traballos determinados. Estas colaboracións rexeranse polo disposto na Lei de contratos das administracións públicas sobre réxime de contratación para actividades docentes.

  3. A Academia Galega de Seguridade Pública poderá encargar traballos de investigación, estudos e documentación para o mellor cumprimento dos seus fins, aténdose ás normas sobre contratación administrativa do sector público que sexan aplicables.

Artigo 16 Recursos económicos e patrimonio.
  1. A Academia Galega de Seguridade Pública dispoñerá, para o cumprimento dos seus fins, dos seguintes recursos:

    1. As cantidades que se lle asignen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

    2. Os bens e dereitos que constitúan o seu patrimonio e os rendementos deste.

    3. As subvencións e outras achegas públicas ou privadas.

    4. As contraprestacións derivadas dos convenios en que sexa parte.

    5. Os dereitos de matrícula dos cursos, se é o caso.

    6. Os rendementos das publicacións e calquera outro servizo retributivo do centro que así se estableza.

  2. Terán carácter de patrimonio adscrito os bens que lle adscriba a comunidade autónoma.

Artigo 17 Réxime de recursos.
  1. Os actos administrativos ditados polos órganos de goberno e administración da Academia Galega de Seguridade Pública poderán ser obxecto de recurso de alzada perante a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza. A resolución ditada poñerá fin á vía administrativa, e poderá ser obxecto dos recursos previstos na lexislación xeral sobre o procedemento administrativo e na lexislación sobre a xurisdición contencioso-administrativa.

  2. O recurso extraordinario de revisión será interposto perante a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza, de acordo co procedemento específico previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  3. O exercicio das accións civís e laborais rexerase polas normas específicas, e formularanse perante a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza, que será competente para resolver, sen prexuízo de lles solicitar os informes que considere oportunos aos órganos da Academia Galega de Seguridade Pública.

Disposicións transitorias

Primeira.-A Academia Galega de Seguridade Pública asumirá o patrimonio, as obrigas e os dereitos orzamentarios, así como os convenios asinados en materia de seguridade pública polo extinto Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Segunda.-O persoal que figure como dependente do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia na correspondente relación de postos de traballo pasará a depender da nova Academia Galega de Seguridade Pública, conservando os seus dereitos económicos e administrativos.

Terceira.-O plan e os cursos de formación elaborados e convocados polo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia serán asumidos pola nova Academia Galega de Seguridade Pública.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, o Decreto 575/2005, do 15 de decembro, e as demais disposicións que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR