Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorPRESIDENCIA
Rango de LeyLei

A Constitución española, no seu artigo 149.5, sinala como unha competencia exclusiva do Estado a correspondente á Administración de Xustiza.

O Estatuto de autonomía de Galicia, pola súa parte, sinala no seu artigo 20.1 que lle corresponde á comunidade autónoma exercer as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan e atribúan ao Goberno.

En relación con este precepto, a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, no seu artigo 471 (redactado conforme a Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro) sinala que as competencias respecto de todo o persoal ao servizo da Administración de Xustiza corresponden ao Ministerio de Xustiza ou, se é o caso, ás comunidades autónomas en todas as materias relativas ao seu estatuto, estando comprendidas, entre outras, a formación inicial e continuada.

Baseándose no anterior, polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais ao servizo da Administración de Xustiza.

En virtude do Decreto 438/1996, do 20 de decembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e a súa asignación á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, «quedan asumidos os bens, dereitos e obrigas, así como o persoal e os créditos orzamentarios traspasados pola Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de Xustiza mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro...» (artigo 1) e «atribúenselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servizos e medios asumidos...» (artigo 2).

Unha vez asumidas as competencias sobre o persoal dos corpos nacionais de médicos forenses e dos corpos xerais de funcionarios de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial con destino nos órganos da Administración de Xustiza en Galicia, faise necesario afrontar a súa formación de forma directa, tendo en conta a especialidade do traballo que desenvolven, debendo crearse, dentro da Administración desta Comunidade Autónoma, un órgano específico que se encargue desta función.

Por outra parte, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local ten adscrito o organismo autónomo Academia Galega de Seguridade, creado

pola Lei 4/1992, do 9 de abril, que ten como funcións as de formación dos membros dos corpos da Policía autonómica, Policía local, bombeiros e persoal funcionario e voluntario para a extinción e prevención de incendios e protección civil.

A confluencia que teñen as materias de xustiza e seguridade, onde moitas veces existe unha actuación coincidente, aconsella aglutinar nun mesmo organismo as actividades relativas á formación e especialización do persoal dedicado ás tarefas relacionadas con esas materias, así como da investigación e divulgación no campo xudicial e de seguridade, para o cal se estruturan áreas específicas non orgánicas no ámbito da xustiza, a protección civil e a seguridade, esta última aproveitando a experiencia existente da Academia Galega de Seguridade. Así, a posta en funcionamento do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia contará cos actuais medios persoais e materiais da Academia Galega de Seguridade e, ademais, co incremento necesario deles para atender debidamente todos os eidos nos que desenvolverá as súas actividades.

Esta lei crea o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, como organismo autónomo de carácter administrativo e coas funcións de formación e perfeccionamento do persoal da Administración de Xustiza transferido á Xunta de Galicia, proseguindo, ademais, coas funcións que vén realizando a Academia Galega de Seguridade co persoal da Policía autonómica e local, así como cos corpos de bombeiros e voluntarios.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Artigo 1

  1. Créase o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza.

  2. Para o cumprimento dos seus fins o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar. Dispón de patrimonio propio e actúa de acordo coa normativa autonómica que lle sexa aplicable e coa reguladora das entidades autónomas.

Artigo 2

A sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia será no edificio situado na rúa da Cultura da Estrada. Non obstante, o centro poderá organizar actividades noutras localidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3

As funcións do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia serán as seguintes:

  1. Na área de estudos xudiciais e formación xurídica:

    1. Realizar a formación especializada e permanente do persoal ao servizo da Administración de Xustiza comprendido no Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de Xustiza, así como do restante persoal dependente da consellaría competente en materia de xustiza, a través de cursos, seminarios e calquera outra actividade de carácter formativo.

    2. En colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e co Ministerio de Xustiza, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación en materia xudicial, organizar e realizar actividades dirixidas á formación continuada do persoal ao servizo da Administración de Xustiza non incluído no apartado anterior.

    3. Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de xustiza nos procesos de selección do persoal que pertenza aos corpos ao servizo da Administración de Xustiza, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.

    4. Investigar, estudar e divulgar asuntos e documentación relativos ao ámbito xudicial, con especial referencia á realidade galega.

    5. Promover relacións de intercambio e colaboración con outros centros docentes e investigadores de ámbito galego, estatal ou internacional do ámbito xudicial.

    6. Dirixir, elaborar e divulgar as publicacións sobre materias xudiciais que sexan obxecto das actividades do centro.

  2. Na área de seguridade e formación policial:

    1. Realizar os cursos que se establezan para o ingreso e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos da policía galega e das policías locais.

    2. Impartir os cursos de formación e perfeccionamento permanente, así como os de especialización, para todas as categorías de policía galega e das policías locais.

    3. Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos de policía galega e das policías locais.

    4. Investigar, estudar e divulgar asuntos e documentación relativos ao ámbito da seguridade, con especial referencia á realidade galega.

    5. Promover relacións de intercambio e colaboración con outros centros docentes e investigadores de ámbito galego, estatal ou internacional do ámbito da seguridade e da policía.

    6. Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais, establecéndose os convenios oportunos.

  3. Na área de protección civil:

    1. Impartir os cursos de formación e perfeccionamento para os membros dos corpos de bombeiros das entidades locais e dos integrantes dos servizos de protección civil, a través da formalización de convenios de colaboración coas entidades locais.

    2. Prestarlles apoio ás entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.

    3. Organizar, en colaboración coas entidades locais, os cursos de preparación e formación do persoal voluntario dedicado a tarefas de protección civil.

    4. Investigar, estudar e divulgar asuntos e documentación relativos ao ámbito da protección civil, con especial referencia á realidade galega.

Artigo 4

Os órganos de goberno e administración do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia son:

  1. O consello reitor.

  2. O director.

Artigo 5

O Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia está formado por un presidente, dous vicepresidentes, un máximo de vinte e tres vogais e un secretario.

  1. Presidente: o conselleiro competente en materia de xustiza e interior, quen terá a representación ordinaria.

  2. Vicepresidentes: o director xeral de Xustiza e o director xeral de Interior.

  3. Vogais:

    1. O director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

    2. O director da Escola Galega de Administración Pública.

    3. Catro vogais designados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de xustiza e interior, entre persoas expertas e de prestixio nesas materias que desenvolvan o seu labor profesional en Galicia.

    4. Dous representantes do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, designados na forma en que regulamentariamente se estableza.

    5. Catro representantes dos concellos de Galicia, designados na forma en que regulamentariamente se determine, garantindo a representatividade e a pluralidade política existente no ámbito municipal.

    6. Un representante do profesorado do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

    7. Ata catro representantes, un por cada unha das asociacións de bombeiros ou voluntarios civís, se é o caso, que estean legalmente constituídas en Galicia, segundo se determine regulamentariamente.

    8. Un representante dos membros da Policía autonómica, designado polo sindicato máis representativo.

    9. Catro representantes das policías locais.

    A condición dos vogais representantes dos concellos e dos sindicatos policiais estará ligada á representatividade posuída e perderase ao desaparecer esta.

  4. O secretario do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, que actuará ademais como secretario do consello reitor.

Artigo 6

O Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia é o órgano de consulta, seguimento e aprobación das actividades do centro.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

  1. Establecer as liñas xerais e aprobar o plan anual de actividades.

  2. Aprobar o anteproxecto do orzamento anual.

  3. Aprobar a memoria das actividades do exercicio anterior.

  4. Propoñer a estrutura orgánica e o cadro de persoal.

  5. Aprobar o regulamento de réxime interior.

  6. Propoñer os programas mínimos para o ingreso, a formación e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos de Policía autonómica e de policías locais.

  7. Aprobar os convenios con outros centros de natureza semellante así como coas entidades locais sobre a formación dos corpos de bombeiros.

  8. Coñecer e emitir informe sobre os asuntos que o presidente do consello reitor ou o director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia sometan á súa consideración.

  9. Aprobar os baremos reguladores das remuneracións das actividades docentes no caso do persoal colaborador a que se refire o artigo 10.2.

  10. Supervisar o desenvolvemento das actividades do centro.

  11. Emitir informe sobre aquelas normas relativas ás disposicións e actos que afecten ás funcións que o centro ten encomendadas nesta lei.

Artigo 7

  1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei de réxime xurídico das admi

    nistracións públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.

  2. O consello reitor reunirase como mínimo unha vez cada seis meses e en calquera caso sempre que sexa convocado polo presidente ou o solicite unha terceira parte dos seus membros.

  3. O presidente do consello reitor poderá convocar técnicos ou especialistas ás reunións para asesoramento.

Artigo 8

O director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, con categoría de director xeral, será nomeado por decreto da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de xustiza e interior, entre persoas con acreditados coñecementos e experiencia nas materias obxecto da actividade do centro.

Artigo 9

Correspóndelle ao director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia:

  1. Executar os acordos do consello reitor.

  2. Elaborar o anteproxecto de orzamento anual, que será posto en coñecemento do consello reitor.

  3. Propoñerlle ao consello reitor o plan anual de actividades.

  4. Elaborar o regulamento de réxime interior.

  5. Realizar a xestión orzamentaria, dispoñer os gastos e propoñer a ordenación dos pagamentos.

  6. Dirixir os servizos administrativos e exercer a xefatura de persoal do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

  7. Preparar a memoria de actividades para sometela ao consello reitor.

  8. Expedir diplomas e certificados.

  9. As funcións que lle poida delegar o consello reitor ou o presidente deste e aqueloutras competencias que correspondendo ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia non se atopen atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano deste.

Artigo 10

  1. Os postos de traballo do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia serán cubertos por funcionarios de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia ou de calquera outra administración pública, de acordo co disposto na Lei da función pública de Galicia.

  2. Os membros integrantes do persoal docente que non formen parte do cadro de persoal do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia terán a condición de colaboradores temporais e o dereito a percibir as compensacións económicas que lles correspondan por asistencia, horas lectivas, conferencias, seminarios ou traballos determinados.

    Estas colaboracións rexeranse polo disposto no artigo 200 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

  3. O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá encargar traballos de investigación, estudos e documentación para o mellor cumprimento dos seus fins, aténdose ás normas sobre contratación administrativa do sector público que sexan de aplicación.

Artigo 11

  1. O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia dispoñerá, para o cumprimento dos seus fins, dos seguintes recursos:

    1. As cantidades que se lle asignen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

    2. Os bens e dereitos que constitúan o seu patrimonio e os rendementos deste.

    3. As subvencións e outras achegas públicas ou privadas.

    4. As contraprestacións derivadas dos convenios nos que sexa parte.

    5. Os dereitos de matrícula dos cursos, se é o caso.

    6. Os rendementos das publicacións e calquera outro servizo retributivo do centro que así se estableza.

  2. Terán carácter de patrimonio adscrito os bens que lle adscriba a comunidade autónoma.

Artigo 12

  1. Os actos administrativos ditados polos órganos de goberno e administración do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderán ser obxecto de recurso de alzada perante o conselleiro ou conselleira competente en materia de interior e xustiza. A resolución ditada polo conselleiro ou conselleira poñerá fin á vía administrativa, e poderá ser obxecto dos recursos previstos na lexislación xeral sobre o procedemento administrativo e a lexislación sobre a xurisdición contencioso-administrativa.

  2. O recurso extraordinario de revisión será interposto perante o conselleiro ou conselleira competente en materia de interior e xustiza, de acordo co procedemento específico previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  3. O exercicio das accións civís e laborais rexerase polas normas específicas, e formularanse perante o conselleiro ou conselleira competente en materia de interior e xustiza, que será competente para resolver, sen prexuízo de lles solicitar os informes que considere oportunos aos órganos do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade de Galicia.

    Disposición adicional

    Única.-Facúltase o Consello da Xunta para que, dentro do exercicio orzamentario no que entre en vigor esta lei e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, habilite os créditos necesarios para a dotación dos medios materiais precisos ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade de Galicia para a súa posta en funcionamento e o cumprimento das súas funcións.

    Disposicións transitorias

    Primeira.-O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia asumirá as competencias e funcións, patrimonio, obrigas e dereitos orzamentarios, así como os convenios da extinta Academia Galega de Seguridade.

    Segunda.-O persoal que figure como dependente da Academia Galega de Seguridade na correspondente relación de postos de traballo pasará a depender do novo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, conservando os seus dereitos económicos e administrativos.

    Terceira.-O plan e os cursos de formación elaborados e convocados pola Academia Galega de Seguridade serán asumidos polo novo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

    Disposición derrogatoria

  4. Quedan derrogados a Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, o Decreto 161/1992, do 18 de xuño, de desenvolvemento do artigo 4 da Lei do 9 de abril de 1992, de creación da Academia Galega de Seguridade, e demais disposicións que se opoñan ao disposto nesta lei.

  5. Non obstante, conservará a súa vixencia, en tanto non se opoña a esta lei, a Orde do 5 de xullo de 1995, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade.

    Disposicións derradeiras

    Primeira.-Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta lei.

    Segunda.-Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil cinco.

    Manuel Fraga Iribarne

    Presidente

    CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

    E VIVENDA

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR