Lei 1/2004, do 21 de abril, de modificación das leis 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, para adaptalas á Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorPRESIDENCIA
Rango de LeyLei

A Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, introduce diversas modificacións no réxime xurídico das caixas de aforros e establece, na súa disposición transitoria duodécima, que as comunidades autónomas deberán adaptar a súa lexislación sobre caixas de aforros á nova normativa básica.

A esta finalidade de adaptación obedece esta lei que, no uso da competencia exclusiva que o artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á Comunidade Autónoma en materia de caixas de aforros, procede a adecuar as leis 7/1985, modificada pola Lei 6/1989, e 4/1996, reguladoras das caixas de aforros galegas, ás disposicións da lexislación básica estatal.

A lei estrutúrase en dous artigos: no artigo primeiro introdúcense as modificacións precisas na regulación dos órganos de goberno das caixas de aforros galegas, contida nos artigos vixentes da Lei 7/1985. Nesta nova regulación destacan a maior claridade e precisión con que se proclama a irrevogabilidade dos mandatos, o seu prazo máximo de duración e o límite do cincuenta por cento para a representación pública, cuestións estas xa previstas e reguladas en termos similares na Lei de 1985 e na regulamentación de desenvolvemento. Así mesmo, inclúense tamén requisitos de honorabilidade comercial e permítese a limitación estatutaria da idade dos membros do consello de administración.

O artigo segundo acolle as modificacións introducidas na Lei 4/1996, de caixas de aforros de Galicia. Entre elas hai que subliñar, como de maior transcendencia, a relativa ao réxime de infraccións e de sancións, coa tipificación dunha nova infracción grave e a actualización das sancións, especialmente das pecuniarias.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación das leis 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, para adaptalas á Lei 44/2002, do 22

de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro.

Artigo 1º

Modifícase a Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas, nos seguintes artigos e disposicións:

Primeiro.-Engádese un parágrafo segundo no apartado 1 do artigo 23, co seguinte texto:

Os compoñentes dos órganos de goberno exercerán as súas funcións en beneficio exclusivo dos intereses da caixa á que pertenzan e do cumprimento da súa función social. Así mesmo deberán reunir os requisitos de honorabilidade comercial e profesional que determinen as normas de desenvolvemento desta lei. En calquera caso, entenderase que concorre a honorabilidade comercial e profesional nos que teñan observado unha traxectoria persoal de respecto ás leis mercantís ou outras que regulen a actividade económica e a vida dos negocios, así como as boas prácticas comerciais e financeiras

.

Segundo.-Engádeselle un parágrafo último ao artigo 27, co seguinte teor literal:

A representación das administracións públicas e das entidades e corporacións de dereito público nos órganos de goberno das caixas de aforros, incluída a que corresponda á entidade fundadora cando esta teña a mesma natureza, non poderá superar no seu conxunto o cincuenta por cento do total dos dereitos de voto en cada un de tales órganos

.

Terceiro.-Modifícase o artigo 31, que queda redactado do seguinte xeito:

1. A duración do exercicio do cargo dos conselleiros xerais será de catro anos. Non obstante, os estatutos poderán prever a posibilidade de reelección, se continuasen cumprindo os requisitos do artigo 28 desta lei. O cómputo do período de reelección será aplicado calquera que sexa o tempo transcorrido entre o cesamento e o novo nomeamento e o grupo ou os grupos polos que puidera ter exercido a representación.

2. A duración total do mandato non poderá superar os doce anos, calquera que sexa a representación que exerza. Cumprido o mandato de doce anos, de xeito continuado ou interrompido, e transcorridos oito anos desde a dita data, poderá volver ser elixido nas condicións establecidas nesta lei.

3. Os estatutos terán que prever fórmulas para a renovación parcial da asemblea.

4. Cando se trate de conselleiros xerais en representación directa dos impositores, as vacantes que entre eles se produzan non se cubrirán ata que se proceda á nova elección xeral de compromisarios

.

Cuarto.-Modifícase o apartado 1 do artigo 32, que queda redactado do seguinte xeito:

1. En tanto non se cumprise o prazo para o que foron designados, fóra dos casos de renuncia, defunción ou declaración de falecemento ou ausencia legal, o nomeamento dos conselleiros será irrevogable agás, exclusivamente, nos supostos de incompatibilidade sobrevida, perda de calquera dos requisitos esixidos para a designación e acordo de separación adoptado pola asemblea xeral se se apreciara xusta causa.

Entenderase que existe xusta causa cando o conselleiro xeral incumpra os deberes inherentes ao seu cargo ou prexudique notoriamente coa súa actuación, pública ou privada, o creto, o bo nome ou a actividade da caixa

.

Quinto.-Engádeselle ao artigo 37 un novo apartado 3, co seguinte texto:

3. O consello de administración poderá delegar algunha ou algunhas das súas facultades de xestión nos órganos de goberno das entidades que constitúan e articulen alianzas entre caixas de aforros ou os creados para o efecto no seo da Confederación Española de Caixas de Aforros, coa finalidade de reducir os custos operativos das entidades que a integren, para aumentar a eficiencia sen poñer en perigo a competencia nos mercados nacionais ou para participar con volume suficiente nos mercados internacionais de capital. Esta delegación manterase en vigor durante o período da alianza ou mentres as entidades non acorden a súa modificación mediante o procedemento que previamente estableceran para o efecto. Esta delegación non se estenderá ao deber de vixilancia das actividades delegadas nin ás facultades que respecto delas teña a comisión de control.

Os acordos de delegación requirirán a previa autorización da Consellería de Economía e Facenda, para os efectos de garantir que non impliquen menoscabo da independencia da caixa ou perigo para a súa estabilidade económico-financeira

.

Sexto.-Modifícase o apartado 1 do artigo 39, que queda redactado do seguinte xeito:

1. Os vocais do consello de administración serán nomeados pola asemblea xeral de entre os membros de cada sector de representación e por proposta da maioría do respectivo sector, do consello de administración ou dun vinte e cinco por cento dos membros da asemblea. Malia o anterior, o nomeamento de vocais representantes das corporacións locais que non teñan a condición de entidade fundadora da caixa de aforros poderá recaer, como máximo, en dúas persoas que reúnan os adecuados requisitos de profesionalidade e non sexan conselleiros xerais. Igualmente o nomeamento dos membros do consello de administración representantes dos impositores

poderá ser atribuído a un máximo de tres persoas que reúnan os anteriores requisitos, sempre que esta cifra non supoña acadar o cincuenta por cento da representación total do sector

.

Sétimo.-Engádeselle un novo apartado 4 ao artigo 39, que queda así redactado:

4. Todos os membros do consello de administración asistirán á asemblea xeral con voz e voto. Os estatutos da entidade fixarán a idade máxima que poderán ter no momento da súa toma de posesión, non podendo ser esta idade máxima superior a 75 anos

.

Oitavo.-Modifícase o artigo 40, que queda redactado nos seguintes termos:

1. A duración do exercicio do cargo de vogal do consello de administración será de catro anos. Non obstante, os estatutos poderán prever a posibilidade de reelección sempre que se cumpran as mesmas condicións, requisitos e trámites que no nomeamento.

O cómputo deste período de reelección será aplicado aínda que entre o cesamento e o novo nomeamento transcorresen varios anos.

A duración dos sucesivos mandatos non poderá superar os doce anos, calquera que sexa a representación que exerza.

Cumprido o prazo de doce anos, de forma continuada ou interrompida, e transcorridos oito anos desde a dita data, poderá volver ser elixido nas condicións establecidas nesta lei.

2. O nomeamento dos vocais do consello de administración será irrevogable; tan só cesarán no exercicio dos seus cargos nos supostos de cesamento previstos polo artigo 32 desta lei para os conselleiros xerais

.

Artigo 2º

Modifícase a Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, nos seguintes artigos e disposicións:

Primeiro.-Introdúcese un novo apartado 4 no artigo 9, co seguinte teor literal:

4. A autorización concedida pola Xunta de Galicia para a creación dunha caixa de aforros caducará se non se dá comezo ás actividades autorizadas dentro dos doce meses seguintes á data de notificación da autorización, por causa imputable aos interesados.

Segundo.-Engádese un parágrafo segundo no apartado 1 do artigo 28, co seguinte texto:

A fusión dunha caixa de aforros galega con outra de fóra de Galicia deberá ser autorizada conxuntamente polos órganos competentes das comunidades

autónomas afectadas, determinándose, no acto autorizatorio, a proporción que lles corresponderá ás administracións públicas, ás entidades e ás corporacións de dereito público de cada comunidade nos órganos de goberno da caixa de aforros resultante da fusión

.

Terceiro.-Modifícase a redacción do texto introdutorio da letra a) do artigo 61, que pasa a ser a seguinte:

a) A realización dos actos que a continuación se relacionan, sen autorización cando esta sexa preceptiva, sen observar as condicións básicas fixadas nela, ou obtela por medio de declaracións falsas ou por outro medio irregular

.

Cuarto.-Modifícase a redacción da letra a) do artigo 62 e engádeselle un novo parágrafo coa letra k):

a) A realización de actos ou operacións sen autorización, cando esta sexa preceptiva, sen observar as súas condicións básicas, ou obtela por medio de declaracións falsas ou por outro medio irregular, agás nos casos en que isto supoña a comisión dunha infracción moi grave de acordo coa letra a) do artigo anterior.

k) A efectiva administración ou dirección das caixas de aforros por persoas que non exerzan de dereito nelas un cargo da dita natureza

.

Quinto.-Modifícase o artigo 65, que pasa a ter o seguinte teor literal:

Artigo 65. Sancións á entidade.

Nos supostos a que se refiren os artigos da sección anterior seranlle aplicables unha ou máis das seguintes sancións á caixa de aforros:

1. Pola comisión de infraccións moi graves:

a) Multa por importe de ata o 1 por 100 dos seus recursos propios ou ata 300.000 euros, se aquela porcentaxe fose inferior a esta cifra.

b) Revogación da autorización da entidade, con exclusión do Rexistro de Caixas de Aforros de Galicia.

c) Amoestación pública con publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Pola comisión de infraccións graves:

a) Amoestación pública con publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Multa por importe de ata o medio por cento dos seus recursos propios ou ata 150.000 euros, se aquela porcentaxe fose inferior a esta cifra.

3. Pola comisión de infraccións leves:

a) Amoestación privada.

b) Multa por importe de ata 60.000 euros

.

Sexto.-Modifícase o artigo 66, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 66. Outras sancións.

Ademais das sancións previstas no artigo anterior que corresponda impoñerlle á caixa de aforros pola comisión de infraccións moi graves, impoñeráselle a quen, exercendo cargos de administración de feito ou de dereito nela, sexa responsable da infracción unha das seguintes sancións:

a) Multa a cada responsable por importe non superior a 150.000 euros.

b) Suspensión no exercicio do cargo por prazo non superior a tres anos.

c) Separación do cargo, con inhabilitación para exercer cargos de administración ou dirección na mesma entidade de crédito, por un prazo máximo de cinco anos.

d) Separación do cargo, con inhabilitación para exercer cargos de administración ou dirección en calquera entidade de crédito ou do sector financeiro, por un prazo máximo de dez anos.

Malia o disposto no apartado anterior, no caso de imposición das sancións previstas nas letras c) ou d) poderá impoñerse simultaneamente a sanción prevista na letra a).

Pola comisión de infraccións graves impoñeráselle a quen, exercendo cargos de administración ou dirección na caixa, sexa responsable da infracción unha das seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Amoestación pública con publicación no Diario Oficial de Galicia.

c) Multa a cada responsable por importe non superior a 90.000 euros.

d) Inhabilitación para exercer cargos de administración ou dirección en calquera entidade de crédito ou do sector financeiro, por prazo non superior a un ano.

Malia o disposto no apartado anterior, no caso de imposición da sanción prevista na letra d) poderá impoñerse simultaneamente a sanción prevista na letra c)

.

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime transitorio dos órganos de goberno das caixas de aforros galegas.

Os conselleiros xerais e os membros do consello de administración e da comisión de control que actualmente exerzan o cargo, aínda que cumpriran xa o período máximo de doce anos ou o cumpran no decurso do seu mandato, poderán permanecer

no exercicio dos seus cargos o presente mandato e un máis, sempre que sexan reelixidos; ademais, exclusivamente para estes supostos, non lles será de aplicación o previsto no artigo 39.4º desta lei no referente á limitación de idade.

Segunda.-Adaptación dos estatutos das caixas de aforros galegas.

As caixas de aforros de Galicia deberán adaptar os seus estatutos ás modificacións normativas introducidas nesta lei no prazo de seis meses, que comezará a contarse desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Derrogación xenérica.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Elaboración de texto refundido.

Primeiro. Autorízase a Xunta de Galicia para que, no prazo dun ano, que comezará a contarse desde a entrada en vigor desta lei, elabore un texto refundido da Lei 4/1996, do 31 de maio, incorporándolle os artigos non derrogados da Lei 7/1985, do 17 de xullo, e da Lei 6/1989, do 10 de maio.

Segundo. Esta delegación inclúe a facultade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais obxecto da refundición.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR