Resolución do 27 de maio de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega durante o ano 2009.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyResolución

A incorporación á Unión Europea e a existencia dun espazo único dentro dela con fronteiras compartidas de cara ao exterior e liberdade de circulación dentro do seu territorio dá lugar á consideración dun novo status supranacional e, desde a perspectiva comunitaria, de persoas inmigrantes de países extracomunitarios.

Este status administrativo supón, en moitos casos, que persoas de fóra da Unión Europea se vexan en determinadas situacións que precisan de asistencia desde un punto de vista de acollida e integración no territorio comunitario.

O Plan Galego de Cidadanía, Convivencia e Integración 2008-2011, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia en febreiro de 2008, inclúe trece obxectivos, con liñas de actuación e accións concretas. A través desta resolución de axudas, deses trece obxectivos incídese en accións que afecten tres obxectivos que son acollida, saúde e muller.

Por outra banda, a Administración pública do Estado e as comunidades autónomas, elaboraron no ano 2005 un marco de cooperación para a xestión do Fondo de Apoio á Acollida e a Integración de Inmigrantes así como o seu Reforzo Educativo, para que, con fondos das administracións autonómicas e do Estado, se realicen accións de acollida e integración de inmigrantes extracomunitarios. No ano 2009, un novo marco de cooperación define os eixes de actuación en que se enmarcan as liñas de acción que deben desenvolver as comunidades autónomas en acollida e integración da poboación inmigrante.

Dentro deste marco dáse cabida a entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades e accións a prol da integración dos inmigrantes extracomunitarios. Neste ámbito, no ano 2006 publicouse por primeira vez unha resolución pola que se regulaba a concesión de axudas, en concorrencia competitiva, a este tipo de entidades para a realización de proxectos destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega.

No ano 2009, seguindo a liña iniciada no ano 2006, volve publicarse unha resolución de axudas dirixidas a estas entidades sen ánimo de lucro, adaptando os eixes e programas ao acordado no marco de cooperación para o ano 2009 examinado pola Conferencia Sectorial da Inmigración o 10 de febreiro de 2009.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura á Secretaría Xeral da Emigración como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en política inmigratoria en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral da Emigración a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta convocatoria, ademais das bases establecidas nela, adáptase ao disposto na normativa de aplicación, especialmente á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias 04.50.312C.481.0 e 04.50.312C.781.0 que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1º Obxecto.

O obxecto da resolución é regular os requisitos e condicións para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega durante o ano 2009.

Artigo 2º Requisitos das entidades solicitantes.
  1. As subvencións que se convocan mediante esta resolución poderán ser solicitadas por aquelas entidades sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia, que cumpran, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

    1.1. Estar legalmente constituídas e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo.

    1.2. Desenvolver actuacións que favorezan a integración do colectivo inmigrante na Comunidade Autónoma de Galicia.

    1.3. Dispoñer de estrutura e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos.

    1.4. Non incorrer en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións, enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    1.5. Ter xustificadas as subvencións concedidas por este departamento no ano 2008.

  2. As entidades que teñan subscrito algún convenio coa Secretaría Xeral da Emigración poderán igualmente presentar solicitudes de subvención ao abeiro desta resolución, sempre que as actuacións propostas sexan distintas ou complementarias a aquelas obxecto de financiamento a través dos convenios en vigor.

  3. Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o que se concede a subvención.

  4. Non poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades de dereito público, as universidades, os partidos políticos, as sociedades civís, asociacións profesionais ou empresariais, os colexios profesionais e outras entidades con análogos fins ou natureza ca os citados, agás as organizacións sindicais. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas entidades que resultasen beneficiarias de subvención concedida ao abeiro da Resolución de 26 de marzo de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes para o ano 2009.

Artigo 3º Orzamento.
  1. A concesión de axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias 04.50.312C.481.0 (522.958 €) e 04.50.312C.781.0 (40.000 €), que se inclúen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, quedando condicionada a concesión destas axudas ao dito límite orzamentario.

  2. A contía total subvencionable para gastos correntes distribuirase polos eixes indicados no artigo 5, coa seguinte distribución:

    -Eixe de acollida: 310.000 €.

    -Eixe de saúde: 87.958 €.

    -Eixe de muller: 125.000 €.

  3. Se, como resultado da presentación de solicitudes e das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, algún dos eixes subvencionables non resultase cuberto na totalidade da contía prevista anteriormente, poderase proceder a unha redistribución da contía non cuberta entre todos ou algúns do eixes restantes.

  4. As asignacións orzamentarias poderán ser incrementadas de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, debendo, neste suposto, distribuírse por eixes.

Artigo 4º Accións subvencionables e contía da axuda.
  1. A contía concreta e certa da subvención determinarase en cada caso tendo en conta o custo do proxecto presentado obxecto de subvención e da aplicación dos criterios de valoración establecidos nesta resolución, podendo alcanzar o 100% do investimento aqueles proxectos que obtivesen o máximo número de puntos previstos no artigo 6, de acordo co número de entidades beneficiarias e as dispoñibilidades orzamentarias.

  2. Poderán subvencionarse con cargo a esta resolución os gastos correntes, incluídos os custos indirectos de acordo co artigo 29.9º da Lei de subvencións de Galicia, e os gastos de equipamento que se lles orixinen ás entidades a que se lles conceda a subvención para a realización dos programas previstos no artigo 5.

    En ningún caso serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos de adquisición de bens inmobles e os gastos derivados da constitución de hipotecas.

  3. O órgano competente, de ser o caso, procederá á distribución entre os beneficiarios do importe global máximo destinado ás subvencións.

Artigo 5º Eixes e programas subvencionables.

Con cargo a esta resolución só poderán subvencionarse proxectos e accións referidos aos eixes e programas que se detallan a continuación:

  1. Eixe de acollida.

  2. a) Programa de acollida.

    Este programa terá por obxecto a realización de proxectos de introdución á sociedade de acollida, accións de derivación a servizos públicos de carácter xeral, ensinanza das linguas da sociedade de acollida e itinerarios de inserción.

  3. b) Programa de acollida especializada para persoas en situación de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR