Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE FACENDA
Rango de LeyDecreto

Polo Decreto 79/2007, do 19 de abril , apróbase a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda e determínanse as competencias de cada un dos seus órganos, así como as funcións que desenvolverán as unidades que os integran.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, que estará integrada por dez departamentos, entre os que se inclúen a Consellería de Facenda e unha nova consellería de Economía e Industria. O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa o organigrama dos departamentos da Xunta de Galicia, ordena a Consellería de Facenda en sete órganos superiores e adscríbelle dous organismos autónomos: o Instituto Galego de Estatística e o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, o ente público Centro Informático para Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable, e o Consello Económico e Social de Galicia.

Coa nova organización da Administración da Comunidade Autónoma, a Consellería de Facenda é a competente en materia de función pública e a Dirección Xeral da Función Pública, cuxas competencias se establecen no Decreto 37/2007, do 15 de marzo, que aprobou a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, intégrase neste departamento, ao que tamén se lle adscribe o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, regulado polo Decreto 262/2001, do 20 de setembro.

O Decreto 245/2009, do 30 de abril, regula as competencias das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, entre cuxos órganos se configuran os departamentos territoriais que, sen prexuízo da súa integración na delegación territorial para os efectos de coordinación, dependen orgánica e funcionalmente da consellería correspondente por razón da materia. Á fronte de cada un dos departamentos territoriais está a xefa ou o xefe territorial.

Todos estes cambios na Administración da comunidade obrigan a reorganizar as unidades da consellería e redistribuír as súas competencias, co obxectivo da súa adecuación á nova estrutura orgánica e que poidan prestar un mellor servizo aos cidadáns.

Á Secretaría Xeral e do Patrimonio adscríbese unha nova unidade, unha xefatura de servizo de xestión económica, co obxecto de asumir o incremento de traballo pola tramitación dos expedientes que, en materia económica, xera a Dirección Xeral da Función Pública. Atribúese, así mesmo, a este órgano o mantemento e a custodia do Rexistro Xeral de Contratistas, cuxa xestión se realiza no ámbito da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, unidade en que se concentran as funcións relativas aos contratos do sector público. Os efectivos e as dotacións orzamentarias necesarios para dotar estas unidades e postos que se incorporan, traspasáronos as consellerías ás cales se atribuían as respectivas materias, polo que non se produce un incremento de gasto.

Á Subdirección Xeral de Análise e Coordinación sinálanselle as funcións de apoio técnico á persoa titular da consellería de que depende funcionalmente, relativas á realización de estudos e análises en materia económica competencia da Consellería de Facenda. Este órgano de asesoramento e estudo complétase con dúas novas unidades, con nivel orgánico de xefatura de servizo, que desenvolverán funcións de apoio e seguimento das distintas áreas, estudos e análise sobre actuacións de política económica e investimentos públicos.

Na estrutura da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realízase un reaxuste que reflicte as modificacións das propia estrutura dos departamentos da Xunta de Galicia. O obxectivo deste reaxuste é a racionalización do persoal nas distintas unidades para reforzar as áreas máis deficitarias, paso necesario para reorientar as actuacións de control cara a un modelo baseado no control posterior e no control financeiro:

No ámbito da Dirección Xeral de Tributos a Unidade Rexional de Valoracións, con dependencia actual da Xefatura Territorial da Coruña, pasa a depender da Subdirección Xeral de Impostos Cedidos coa denominación de Unidade Central de Valoracións e funcións que comprenden os servizos de valoracións dos cinco departamentos territoriais.

Na Dirección Xeral de Política Financeira proponse o cambio na súa denominación, relativa ao Tesouro cuxa competencia ten atribuída. Así mesmo, acláranse e complétanse as súas competencias e as funcións das distintas unidades.

Intégrase na estrutura da consellería a Dirección Xeral da Función Pública, cuxo ámbito competencial é practicamente coincidente co vixente na actualidade é, dado que a Consellería de Facenda é a competente en materia de función pública, adscríbese a esta a Comisión de Persoal, órgano colexiado que se regula no texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

No que se refire aos órganos territoriais, adáptanse á nova estrutura organizativa da Xunta de Galicia e, especialmente ao previsto no Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Por último, como consecuencia dos cambios na estrutura da Administración, debe interpretarse o contido dalgunhas disposicións vixentes para garantir así un correcto exercicio das súas competencias por parte da Consellería de Facenda, interpretación normativa que se realiza nas disposicións adicionais segunda a sexta do decreto de estrutura orgánica.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Título I

Organización xeral

Artigo 1º Ámbito competencial.

A Consellería de Facenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, así como en materia de función pública, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 2º Estrutura da consellería.
  1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia estrutúrase nos seguintes órganos:

    -Conselleira/o.

    -Secretaría Xeral e do Patrimonio.

    -Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

    -Dirección Xeral de Orzamentos.

    -Dirección Xeral de Tributos.

    -Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

    -Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

    -Dirección Xeral da Función Pública.

    -Departamentos territoriais.

    -Órganos colexiados.

  2. Adscríbense á Consellería de Facenda as seguintes entidades:

    -Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo de carácter administrativo que se axustará, en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia e as normas que a desenvolven.

    -Tribunal Galego de Defensa da Competencia, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

    -Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público creado pola disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril.

    -Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

  3. Adscritos á consellería existirán os órganos colexiados seguintes:

    -A Xunta Superior de Facenda, creada coa denominación de Tribunal Económico Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia pola Lei 13/1991, do 9 de decembro, e regulada polo Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que modificou a súa denominación en virtude do exposto na disposición adicional primeira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

    -A Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 206/1996, do 24 de maio.

    -A Comisión de Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro.

    -A Comisión de Nóminas, creada polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2000.

    -A Comisión de Seguimento e Control do Gasto Corrente, creada polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de maio de 2000.

    -A Comisión de Persoal da Xunta de Galicia creada pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e regulada no artigo 20 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e polo Decreto 156/1988, do 9 de xuño.

    Título II

    Servizos centrais

    Capítulo I

Artigo 3º A conselleira ou conselleiro.

A conselleira ou o conselleiro é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida/o das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Capítulo II

Sección primeira

A Secretaría Xeral e do Patrimonio

Artigo 4º Competencias.

Á Secretaría Xeral e do Patrimonio, baixo a dependencia da persoa titular da Consellería de Facenda, correspóndenlle as competencias seguintes:

-As establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como o exercicio daquelas que...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR