Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

A Constitución española recolle no seu título VIII, artigo 148.1.22º, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica. Neste marco, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, regula no seu artigo 39 as competencias das comunidades autónomas.

De conformidade coas mencionadas disposicións na Comunidade Autónoma de Galicia promulgouse a Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia, que queda derrogada pola posterior Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que entrou en vigor o 24 de maio de 2007.

A Lei 4/2007, no seu título III Da coordinación das policías locais, no artigo 12, dispón que, para os efectos desta lei, se entende por coordinación o conxunto de técnicas e medidas que posibiliten a unificación dos criterios de organización e actuación, a formación e o perfeccionamento uniforme do persoal e a homoxeneización dos recursos técnicos e materiais ao seu dispor, así como o establecemento de información recíproca, asesoramento e colaboración.

No referido título III e tras establecer o concepto de coordinación, o artigo 13 recolle as funcións en materia de coordinación, así como a atribución competencial aos órganos a que corresponde o exercicio de tales funcións. A continuación e como peche deste título, o artigo 21 dispón que, como instrumento de coordinación, se creará o Rexistro das Policías Locais de Galicia, onde se inscribirán preceptivamente todos os membros pertencentes aos corpos de policía local e as/os vixilantes municipais.

No número 3 do devandito artigo 21 establécese que regulamentariamente se determinará a información que deberá figurar no rexistro, que deberá referirse exclusivamente aos datos profesionais, así como ás cautelas necesarias para garantir a confidencialidade dos datos nos termos que establece a normativa vixente sobre a materia.

O rexistro que se crea mediante este decreto permitirá un máis adecuado exercicio das competencias en materia de coordinación de policías locais e o tratamento da información rexistral servirá como indicador para a toma de decisións pola Xunta de Galicia. Dado que o carácter do rexistro é unicamente para os efectos estatísticos e informativos, non substitúe os rexistros con que deben contar os concellos de Galicia.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinacións de policías locais, na súa disposición derradeira primeira, faculta o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento normativo da devandita lei, e establece que o decreto que regule o Rexistro das Policías Locais se publicará no prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais a Comisión de Coordinación de Policías Locais, emitiu informe na súa sesión do 5 de novembro de 2007.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de maio de dous mil oito,

DISPOÑO

Artigo 1º Obxecto.
  1. O obxecto deste decreto é a creación do Rexistro das Policías Locais de Galicia, a determinación da información que nel deberá figurar, que se referirá exclusivamente aos datos profesionais do persoal que debe inscribirse no rexistro, e a adopción das cautelas necesarias para garantir a confidencialidade dos datos nos termos que establece a normativa vixente sobre a materia.

  2. No rexistro inscribiranse preceptivamente todos os membros pertencentes aos corpos de policía local, entendéndose incluídos as/os auxiliares de policía local, así como as/os vixilantes municipais dos concellos sen corpo.

Artigo 2º Carácter do rexistro.
  1. O Rexistro das Policías Locais de Galicia configúrase como instrumento á disposición da consellería competente en materia de coordinación de policías locais para garantir o cumprimento das súas funcións de coordinación previstas na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

  2. O rexistro ten por obxecto dispoñer para os efectos estatísticos e informativos dun censo de todos os membros que integran os corpos de policía local e as/os vixilantes municipais, no cal se anotarán as circunstancias e resolucións que afecten a súa situación profesional, así como dispoñer de información dos distintos corpos de policía local que permitan un mellor exercicio das funcións de coordinación.

  3. O rexistro non ten carácter público, podendo ter coñecemento dos seus datos exclusivamente os concellos respecto do persoal ao seu servizo e os membros pertencentes aos corpos de policía local e as/os vixilantes municipais respecto dos seus datos persoais.

Artigo 3º Dependencia orgánica e responsabilidade do rexistro.

O Rexistro das Policías Locais de Galicia dependerá da consellería competente en materia de seguridade e queda encadrado orgánica e funcionalmente na unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, que será tamén a responsable dos ficheiros.

Artigo 4º Obrigas dos concellos.

Os concellos de Galicia en que non exista corpo de policía local pero conten con vixilantes municipais están obrigados a facilitar ao Rexistro das Policías Locais de Galicia os datos recollidos no artigo 7 e os concellos con corpo de policía local deberán ademais facilitar os datos incluídos no artigo 13º, de xeito que se poida contar cun rexistro permanentemente actualizado e cunha información veraz que permita un eficaz e eficiente exercicio das funcións de coordinación.

Artigo 5º Seccións do rexistro.
  1. O Rexistro das Policías Locais de Galicia constará de dúas seccións complementarias e automatizadas.

  2. Na sección primeira figurará información dos membros pertencentes aos corpos de policía local e das/dos vixilantes municipais.

  3. Na sección segunda figurará información dos corpos de policía local que poida ser relevante para o exercicio das funcións de coordinación.

Artigo 6º Número de rexistro dos membros dos corpos de policía local e das/dos vixilantes municipais.
  1. A unidade directiva competente en materia de coordinación asignará, consonte o criterio que se recolle no seguinte parágrafo e para os efectos de control interno, un número de rexistro a cada membro dos corpos de policías locais...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR