Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

O sistema de recoñecemento da gratuidade da xustiza para aquelas persoas que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, que arraiga no artigo 119 da Constitución española, experimentou unha fonda reforma coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, que tamén determinou un cambio significativo no funcionamento dos servizos colexiais de avogados e procuradores encargados da súa prestación.

Galicia, como consecuencia das competencias transferidas en virtude do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro (funcións e servizos en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza), e asumidas polo decreto da Xunta de Galicia 394/1994, do 29 de decembro, realizou o desenvolvemento normativo da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, a través do Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Transcorridos dez anos desde a entrada en vigor do Decreto 146/1997, resultaba necesario reformalo para a súa adaptación, por unha banda, ás necesidades que derivan do novo contexto social e tecnolóxico propio da era da información e, por outra, para incorporar as novidades lexislativas introducidas nos últimos anos, entre as que debemos destacar pola súa especial transcendencia a Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como a Lei galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Para afrontar esta necesidade de reforma optouse por elaborar un novo texto, solución aconsellada por razóns de técnica lexislativa e que evita a dispersión normativa, que derroga o anterior e ao cal se incorporan, ademais das mencionadas modificacións en materia de asistencia xurídica á muller vítima de violencia de xénero, as derivadas da Lei 38/2002, de reforma parcial da Lei de axuizamento criminal, sobre asistencia letrada ao detido, ao imputado e ao denunciado por delito e designación de avogado e procurador no procedemento de axuizamento rápido de delitos; as derivadas no ámbito da asistencia letrada aos menores da Lei orgánica 5/2000, reguladora da responsabilidade penal dos menores; as que resultan da Lei 1/2000, de axuizamento civil, en relación coa asistencia pericial gratuíta; da Lei 23/2003, de garantías na venda de bens de consumo, no relativo á asistencia xurídica gratuíta en xuízos rápidos civís; da Lei 19/2003, de reforma da Lei orgánica do poder xudicial, tamén respecto dos xuízos rápidos civís; da Lei 7/2003, da sociedade limitada Nova Empresa; da Lei 53/2002, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, en relación co ámbito territorial e a composición das comisións de asistencia xurídica gratuíta; e da Lei 16/2005, pola que se modifica a Lei de asistencia xurídica gratuíta para regular as especialidades dos litixios transfronteirizos en materia civil e mercantil na Unión Europea; así como dos reais decretos 996/2003 e 1455/2005, que, respectivamente, aproban e modifican o regulamento estatal na materia, canto ás súas normas de aplicación en todo o territorio nacional. Isto lévase a cabo sen prexuízo da consideración axeitada doutras normas legais que afectaron o recoñecemento do dereito a prol de persoas con discapacidade e familias numerosas.

Como trazos máis destacados da nova regulación resulta imprescindible mencionar a incorporación de quendas específicas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren unha atención especializada; a introdución da libre elección de avogado e procurador no ámbito do dereito de familia, contencioso-administrativo e laboral; e, por último, a aposta decidida polas tecnoloxías da información e da comunicación para avanzar cara á implantación da e-Administración neste ámbito.

Alén disto, a estrutura administrativa de xestión precisaba unha reorganización que a fixese apta para atender en boas condicións o importante crecemento que a demanda do sistema experimentou na última década. Por iso, o regulamento opta por aumentar o número de comisións de asistencia xurídica gratuíta, que pasan das catro actuais a sete; decisión que permite distribuír a carga de traballo de forma máis equilibrada, outórgalle maior operatividade a cada comisión e, en definitiva, mellora a capacidade de resposta do sistema. Á vez, esta decisión, consonte a redacción vixente do parágrafo segundo do artigo 9 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, ao constituír unha Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta en cada unha das sete cidades galegas, incorpora elementos de equilibrio territorial, recoñecendo a singular distribución demográfica galega e a proxección destas cidades sobre as súas respectivas zonas de influencia.

Así mesmo, o capítulo IV, presidido polas ideas de facilitarlles á cidadanía e aos profesionais a presentación de solicitudes e a realización de trámites, de optimizar a xestión burocrática do sistema e de acentuar o principio de investigación de oficio, regula de xeito máis detallado o procedemento de recoñecemento do dereito e os demais de competencia das comisións de asistencia xurídica gratuíta, incorpora a experiencia achegada por unha década de xestión administrativa e introduce normas de inclusión imperativa froito das novidades lexislativas antes mencionadas.

É importante tamén destacar as modificacións introducidas no capítulo V do regulamento, que están destinadas a potenciar as facultades dos colexios profesionais na organización dos servizos de orientación xurídica, na formación dos profesionais incorporados ás quendas e na introdución de técnicas e instrumentos de xestión de calidade.

Por último, o capítulo VI acurta os prazos para o pagamento aos colexios profesionais da compensación económica pola actuación dos profesionais que interviñeron na asistencia, a defensa e a representación gratuítas. E o capítulo VIII acolle solucións para regular de forma máis fluída a cooperación coa Administración de xustiza na designación de persoal facultativo e técnico para a realización de probas periciais, así como os trámites para a designación e o pagamento aos profesionais privados que realizan peritaxes ou traballos de tradución e interpretación de linguas estranxeiras.

O regulamento dítase en virtude do disposto no artigo 20.1 º do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, conforme os decretos de transferencia en materia de provisión de medios á Administración de xustiza antes mencionados, e de acordo co ámbito normativo recoñecido ás comunidades autónomas que asumiron o exercicio efectivo das devanditas competencias na disposición adicional primeira da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.

Sobre este decreto emitiron os seus preceptivos informes o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais e os colexios de avogados e procuradores de Galicia, así como as consellerías...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR