Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE
Rango de LeyDecreto

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución española de 1978, o que implica a potestade lexislativa e regulamentaria, e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En exercicio desa competencia aprobouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 22 da citada Lei 8/1995 establece que o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia o conforman os bens declarados de interese cultural, os catalogados e aqueloutros a que fai referencia o seu artigo 1.3º e que, sen estaren incluídos entre os anteriores, merezan ser conservados, e dispón a súa creación como instrumento básico de protección adscrito á Consellería de Cultura.

O citado texto legal dedícalle á regulación do procedemento de inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia unicamente o seu artigo 23, o cal determina que a dita inclusión requirirá a tramitación previa do expediente pola Consellería de Cultura, e que lle serán aplicables as normas xerais do procedemento administrativo.

Esta parca regulación fai necesario que se determine un procedemento administrativo específico que canalice a actuación da Administración pública e permita sistematizar os actos administrativos precisos de cara á inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, para garantir e conxugar os dereitos dos administrados e o propio interese público, mediante o establecemento dun medio regulado de expresión da vontade administrativa, que asegure a xustiza e o acerto nas resolucións que se adopten, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

Á vista do exposto, e tendo presente a ausencia de regulación específica, cómpre regular o procedemento de inclusión de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, coa finalidade de darlle a este instrumento de protección do patrimonio cultural de Galicia o contido previsto polo lexislador na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e do procedemento de inclusión de bens no dito inventario.

Capítulo II

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia

Artigo 2º Concepto.

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia creado pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, é o instrumento administrativo en que se relacionan os bens declarados de interese cultural e os bens incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e se inscriben os bens inventariados.

Artigo 3º Fins.

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia ten por finalidade:

  1. Facilitar a tutela xurídico-administrativa do patrimonio cultural de Galicia e a aplicación do réxime xurídico que corresponda a cada ben.

  2. Contribuír ao coñecemento do patrimonio cultural servindo de apoio ás actividades de investigación, conservación e enriquecemento deste.

  3. Facer posible a difusión do patrimonio cultural de Galicia mediante a consulta do seu contido.

Artigo 4º Estrutura.
  1. Para os efectos xurídico-administrativos o Inventario xeral do patrimonio Cultural de Galicia estrutúrase nas seguintes seccións:

    1. Patrimonio inmoble.

    2. Patrimonio moble.

    3. Patrimonio inmaterial.

  2. Cada unha das seccións expresadas na epígrafe anterior organizarase nas seguintes categorías:

    1. Bens declarados de interese cultural.

    2. Bens catalogados.

    3. Bens inventariados.

Artigo 5º Contido.
  1. Para os efectos da tutela xurídico-administrativa, a inscrición dos bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia conterá os datos que se establecen no anexo a este decreto.

  2. A relación de bens declarados de interese cultural e catalogados terá o mesmo contido que o previsto no anexo a este decreto.

  3. En todo caso, no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia anotaranse todos os actos administrativos, negocios xurídicos e resolucións administrativas que teñan por obxecto os bens nel inscritos e que afecten o contido da inscrición, así como os resultados dos estudos realizados sobre eles. As/os propietarias/os ou persoas titulares doutros dereitos reais sobre estes bens están obrigados a comunicar ao Inventario xeral calquera modificación, alteración ou acto xurídico que os afecte.

  4. Así mesmo, será obxecto de anotación preventiva a incoación dos procedementos de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural.

Artigo 6º Cancelación.
  1. As inscricións e anotacións cancelaranse cando queden sen efecto as inclusións de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

  2. As anotacións preventivas cancelaranse por resolución ou caducidade do procedemento de inclusión no inventario xeral.

Artigo 7º Órgano competente.

A formación e conservación do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia é competencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR