Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango de LeyDecreto

A realidade viva e dinámica que constitúe o sector agrario e gandeiro, concretada na Comunidade Autónoma de Galicia nunha alta especialización gandeira do sector, determinan a necesidade de establecer de xeito permanente, integrado e actualizado, un Rexistro de Explotacións Agrarias.

Ademais, a exixencia de elevadas condicións de calidade e seguridade alimentaria impoñen o establecemento dunha precisa rastrexabilidade de todas as producións agropecuarias, con base nunha correcta identificación rexistral das explotacións dedicadas ás ditas producións.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, previsto neste decreto, facilitará en gran medida a aplicación e xestión das axudas vinculadas ao sector, homoxeneizando os datos rexistrais e clasificando as explotacións en seccións.

A Orde do 16 de xuño de 1998 regulou, en Galicia, o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias, con base na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, o cal se integra neste decreto como unha sección específica do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Por outra banda, a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, que establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, prevén que todas as explotacións gandeiras deberán estar rexistradas na comunidade autónoma onde radiquen, incluíndose os datos básicos nun rexistro nacional de carácter informativo. A aplicación da devandita normativa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia determina a necesidade de ter en conta as anteriores especificidades dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia ten carácter xeral, de xeito que calquera explotación agraria é susceptible de inscrición, quedando englobadas as explotacións agrarias que teñan a cualificación de prioritarias na sección do rexistro denominada Explotacións Agrarias Prioritarias, e as demais explotacións agrarias que non gocen desta cualificación incluiranse na sección denominada Outras Explotacións Agrarias.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia constituirá, ademais, un instrumento necesario para a ordenación e sistematización de toda a información dispoñible sobre as explotacións agrarias galegas, coas súas características particulares e a súa clasificación por orientacións produtivas, polo que suporá un considerable apoio a calquera política agroalimentaria e ambiental.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia tamén será un instrumento para avaliar a situación social do sector agrogandeiro, especialmente como un indicador das medidas de igualdade laboral entre mulleres e homes, as de incorporación de persoas agricultoras mozas e loita contra o desemprego.

A finalidade deste decreto é definir as características das explotacións agrarias de Galicia, dispoñer de datos para determinar as condicións que deben reunir as explotacións agrarias para seren destinatarias preferentes das axudas públicas, garantir a eficacia do sistema de xestión e control en aplicación da política agraria da Xunta de Galicia, e facilitar as relacións entre a administración e as persoas administradas mediante un rexistro veraz e actualizado dos seus datos que permita unha xestión eficaz dos seus intereses.

O decreto consta dunha parte expositiva, 20 artigos divididos en catro capítulos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo I Disposicións xerais establécese o obxecto e ámbito de aplicación deste decreto, xunto cunha serie de definicións para os efectos do seu desenvolvemento, como son actividade agraria, explotación agraria e elementos que a constitúen, unidade de produción, os diferentes tipos de titularidade da explotación, renda total da persoa titular da explotación, persoa agricultora profesional, persoa agricultora a título principal, unidade de traballo agrario, renda unitaria de traballo e renda de referencia.

O capítulo II Organización e funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia regula a xestión, coordinación e organización do Reaga, o método de inscrición e os datos necesarios para esta, os procedementos de resolución das solicitudes de inscrición, a identificación das explotacións, a actualización do rexistro e a baixa nel.

O capítulo III Explotacións agrarias prioritarias, establece o modo de acreditar a cualificación dunha explotación como explotación agraria prioritaria, os requisitos que ha cumprir para poder ser cualificada como tal, determina o proceso de cálculo da renda unitaria de traballo e da renda da persoa titular da explotación, a acreditación da afiliación á Seguridade Social e da capacitación profesional, así como a especificidade na cualificación das explotacións agrarias prioritarias segundo as súas persoas titulares sexan persoas físicas ou entidades asociativas, ou por estaren situadas as explotacións en zonas de montaña.

O capítulo IV Outras explotacións agrarias, describe o procedemento de inscrición das explotacións agrarias que non cumpren o requisito de prioritarias.

A disposición transitoria primeira establece para as explotacións agrarias prioritarias que xa estivesen cualificadas como tales á entrada en vigor deste decreto a súa integración no Reaga.

A disposición transitoria segunda establece para todas as explotacións agrarias da comunidade autónoma o deber de facilitar á consellería competente en materia agraria os datos necesarios para a súa inscrición ou actualización no Reaga no prazo que regulamentariamente se determine.

A disposición derrogatoria derroga a Orde do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira faculta a persoa titular da consellería competente en materia agraria para ditar as instrucións para o mellor desenvolvemento e execución deste decreto, e finalmente, a disposición derradeira segunda regula a súa entrada en vigor.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.

O obxecto deste decreto é:

  1. Crear, organizar e regular o funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga en diante), como instrumento público que permita dispoñer, de maneira permanente, integrada e actualizada, de toda a información precisa para un axeitado desenvolvemento do sector agro-gandeiro galego e a súa planificación e ordenación.

  2. Integrar o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia no Reaga.

  3. Determinar os requisitos para a cualificación das explotacións como prioritarias e establecer o modo de acreditación das restantes explotacións agrarias.

Artigo 2º Natureza do rexistro.
  1. O Reaga ten carácter administrativo e público, sendo a súa finalidade a inscrición das explotacións agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia, organizadas por provincias.

  2. Os datos do Reaga estarán sometidos á regulación contida na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 3º Ámbito de aplicación.
  1. Este decreto será de aplicación ás explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación deste decreto cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º Definicións.

Para os efectos do disposto neste decreto enténdese por:

  1. Explotación agraria, o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola súa persoa titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

  2. Actividade agraria, o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de produtos agrícolas, gandeiros e forestais ou para o mantemento das terras en boas condicións agrarias e ambientais. Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte da persoa agricultora da produción propia sen transformación, dentro dos elementos que integren a explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.

  3. Elementos da explotación, os bens inmobles de natureza rústica e calquera outro que sexa obxecto de aproveitamento agrario permanente; a vivenda con dependencias agrarias; as construcións e instalacións agrarias, incluso de natureza industrial, e os gandos, máquinas e apeiros, integrados na explotación e afectos a ela, cuxo aproveitamento e utilización corresponden a calquera das persoas titulares referidas no número 5 deste artigo, en réxime de propiedade, arrendamento ou outro título xurídico que habilite para o exercicio da actividade agraria. Así mesmo, constitúen elementos da explotación todos os dereitos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR