Resolución do 25 de outubro de 2007, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10 de outubro de 2007, relativa ao estudo informativo do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á autovía A-52. (Clave PO/06/011.00).

SecciónVI. Anuncios
EmisorCONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES
Rango de LeyResolución

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10 de outubro de 2007, relativa ao estudo informativo do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á autovía A-52 (PO/06/011.00), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2007.

Manuel Morato Miguel

Director xeral de Obras Públicas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10 de outubro de 2007 relativa ao estudo informativo do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á autovía A-52 (PO/06/011.00), nos concellos de Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas (clave 2007/0162).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 11 de agosto de 2006, aprobou provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) á A-52, nos concellos de Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas (Pontevedra).

A actuación pretende conectar a futura plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) coa autovía das Rías Baixas, A-52. Este eixe constituirá o corredor principal de acceso á PLISAN, xa que canalizará os tráficos entre a área metropolitana de Vigo, a meseta e o resto de Europa.

No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto esta comprendido no grupo 6.a do anexo I do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, o 27 de setembro de 2006 publícase no DOG (nº 187) a Resolución do 15 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á A-52, de clave PO/06/011.00.

Durante este período foron presentadas alegacións por parte da Asociación de Veciños de Moreira, da Comunidade de Montes de Moreira e de diversos particulares, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data 10 de abril de 2007 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no devandito período e os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, da Deputación Provincial de Pontevedra e dos concellos de Ponteareas e de Salvaterra de Miño.

O 23 de maio de 2007 ten entrada o certificado de exposición pública no Concello das Neves e o 27 de xuño de 2007 recíbese o informe da Confederación Hidrográfica do Norte e un novo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á A-52, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude e achegará a documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

  1. Ámbito da declaración.

    Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras definidas no documento Estudo informativo e de impacto ambiental do acceso da plataforma logística industrial de Salvaterra-As Neves á autovía A-52. Memoria alternativa elixida. Anexos 1, 3, 4, 5, 6 e 7. Maio 2006, na configuración correspondente á alternativa 2B recollida no plano nº 3.1.1 Planta xeral. Alternativa elixida, do antedito documento.

  2. Condicións xerais.

    B.1. Fase de redacción do proxecto construtivo.

    1. Adaptarase o estudo acústico achegado no estudo de impacto ambiental (incluído no tomo 3 do Estudo informativo e de impacto ambiental do acceso da plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves á autovía A-52. Maio 2006) á traza definitiva, e definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos afectados polo proxecto.

    2. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

    3. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

    4. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

      Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que estes pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír.

    5. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etcétera).

    6. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

    7. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

      Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empregarán para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

    8. Programa de vixilancia ambiental.

      O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas prolemáticas xurdidas.

      Para este fin levarase a cabo o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental, para cada unha das fases do proxecto (obras e explotación) adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta DIA.

      Na realización do control e seguimento ambiental terase...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR