Decreto 76/2004, do 25 de marzo, polo que se aproba o cambio de denominación e os estatutos do Colexio Territorial de Administradores de Predios de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL
Rango de LeyDecreto

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

O artigo 13.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, dictada en virtude da devandita competencia, establece que a aprobación do cambio de denominación dun colexio profesional se realizará por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia. Este cambio prodúcese como consecuencia da necesaria adaptación da denominación do colexio profesional ao ámbito territorial vixente, que é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na disposición transitoria da devandita lei disponse que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia acordou na asemblea xeral extraordinaria celebrada o 23 de maio de 2003 a aprobación dos estatutos.

Posteriormente foron comunicados a esta consellería para aos efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade. Ao mesmo tempo solicítase o cambio de denominación do colexio.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º Cambio de denominación.

Aprobar o cambio de denominación, o Colexio Oficial de Administradores de Predios da Coruña pasa a denominarse Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia.

Artigo 2º Estatutos.

Aprobar, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de

Administradores de Predios de Galicia

Capítulo I

O Colexio, fins e funcións

Artigo 1º Natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia, é unha corporación de dereito público, amparado pola lei e recoñecida polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Ten personalidade xurídica propia e absoluta capacidade para o cumprimento dos seus fins e no exercicio das súas funcións, podendo adquirir a título oneroso ou gratuíto, allear, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas, e en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as ordes xurisdiccionais así como administrativas.

A súa estructura interna e funcionamento serán democráticos.

Artigo 2º Ambito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do colexio comprende as catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sede social radica na Coruña, no domicilio da rúa Juan Flórez, número 49, 2º dereita, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para cambiala, logo de aceptación da asemblea xeral.

Artigo 3º Representación legal.

A representación legal deste colexio, tanto no xuízo como fóra del recaerá no seu presidente, o cal se encontra lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores ou letrados ou calquera clase de mandatarios, logo do acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 4º Regulación.

Este colexio réxese, no desenvolvemento do disposto no artigo 36 da Constitución española, polas normas básicas da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos estatutos do presente colexio e os xerais da profesión así como polos regulamentos de réxime interior e acordos dos seus órganos de goberno na súa respectiva competencia.

Artigo 5º Fins esenciais.

Son fins esenciais do colexio, a ordenación do exercicio da profesión de administradores de predios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas directrices do Consello Xeral e segundo o previsto nas leis, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, a exixencia do cumprimento das normas xurídicas e deontolóxicas no exercicio da profesión coa actuación disciplinaria a que dera lugar e, en xeral, á promoción da máis axeitada prestación da actividade profesional, coordinando os intereses do colexio e dos seus afiliados co necesario servizo á sociedade.

Artigo 6º Funcións do colexio.

Para o cumprimento dos seus fins, corresponden ao colexio, dentro do seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúe a lexislación vixente de colexios profesionais, e en particular, a título enunciativo e non limitativo, as seguintes:

  1. Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando polo cumprimento das normas deontolóxicas, dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, exercendo a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

  2. Representar e defender a profesión ante as administracións públicas, institucións, corporacións, tribunais, entidades e particulares, coa absoluta lexitimación para ser parte en cantos litixios e cuestións afecten os intereses profesionais e colexiais, e exercer o dereito de petición, de acordo coa lei.

  3. Exercer as funcións que lle encomende a Administración, prestándolle colaboración mediante a realización de estudos, informes, estatísticas e

    demais actividades relacionadas cos seus fins propios, que poden serlle solicitadas ou acorde por propia iniciativa.

  4. Facilitar aos tribunais a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

  5. Informar os proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais que agrupen, ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados cando a Administración confira ao obrigado trámite de audiencia, para a defensa daqueles que puidesen resultar afectados.

  6. Participar...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR