Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 6, define o currículo como o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación. Así mesmo, establece que lle corresponde ao goberno fixar os aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas para todo o Estado, sendo competencia das diferentes administracións educativas determinar o currículo para os seus respectivos ámbitos territoriais. En virtude destas competencias, correspóndelle á Administración educativa galega establecer o currículo do primeiro e do segundo ciclo de educación infantil. Deste último forman parte as ensinanzas mínimas fixadas no Real decreto 1630/2006, do 29 de decembro.

Neste decreto establécense para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os principios xerais, fins e obxectivos referidos ao conxunto da etapa.

Ao establecer o currículo de educación infantil preténdese garantirlle unha educación común ao conxunto da poboación e asegurar unha educación non discriminatoria que considere as posibilidades de desenvolvemento do alumnado, sexan as que foren as súas condicións persoais e sociais -capacidade, sexo, raza, lingua, orixe sociocultural, crenzas e ideoloxía-, mediante o exercicio de actuacións positivas ante a diversidade do alumnado.

O currículo desta etapa oriéntase a lograr un desenvolvemento integral e harmónico da persoa nos distintos planos -físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo- e a procurar as aprendizaxes que contribúen e fan posible o devandito desenvolvemento.

As aprendizaxes da etapa preséntanse en tres áreas diferenciadas das cales se describen os obxectivos xerais, contidos e criterios de avaliación; porén, boa parte dos contidos dunha área adquiren sentido desde a perspectiva das outras dúas, coas cales está en estreita relación, dado o carácter globalizador da etapa.

A organización en bloques establecida neste decreto ten como finalidade a presentación dos contidos de forma coherente. Posibilítalle ao equipo docente a planificación e o deseño dun esquema de interrelación e de transacción entre os bloques propostos que reflicta a globalidade da acción das aprendizaxes das nenas e dos nenos.

A avaliación terá como fin a identificación das aprendizaxes consolidadas polo alumnado, así como a valoración do desenvolvemento alcanzado. Ten, polo tanto, un carácter netamente formativo. Nesta formulación, os criterios de avaliación concíbense como unha referencia para orientar a acción educativa.

Os centros educativos xogan tamén un activo papel na determinación do currículo, xa que lles corresponde desenvolver e completar os currículos que se establecen.

Aínda que a educación infantil constitúe unha etapa educativa cos seus propios obxectivos, en que se debe coidar a transición entre os ciclos, non se pode esquecer que se trata dunha etapa que ten a súa continuidade na educación primaria. Isto exixe a coordinación entre ambas as etapas. Coordinación que en ningún caso se entenderá como supeditación dunha etapa a outra, senón como un instrumento que asegure a coherencia dos procesos educativos iniciados.

Nesta etapa, máis que en calquera outra, desenvolvemento e aprendizaxe son procesos dinámicos que teñen lugar como consecuencia da interacción co contorno. Cada nena e cada neno ten o seu ritmo e o seu estilo de maduración, desenvolvemento e aprendizaxe; por iso, a súa afectividade, as súas características persoais, as súas necesidades, intereses e estilo cognitivo deberán ser tamén elementos que condicionen a práctica educativa nesta etapa. Un currículo aberto servirá como instrumento fundamental para dar unha resposta adecuada ao tratamento da diversidade.

No proceso educativo desta etapa adquire unha relevancia especial a participación e colaboración coas familias. Na nosa sociedade a transformación histórica do medio familiar e social leva a que a escola comparta coa familia o papel de proporcionarlles aos nenos e ás nenas experiencias que faciliten as súas primeiras aprendizaxes. En todo caso, familia, escola e os demais axentes educativos deben formular a súa actuación de forma coordinada e complementaria, buscando a colaboración e a coherencia nas súas intervencións.

Este decreto establece aqueles elementos do currículo que teñen carácter prescritivo para todos os centros (obxectivos, contidos e criterios de avaliación das áreas), pero inclúe tamén outros elementos de carácter orientador (orientacións metodolóxicas e contribucións ás competencias básicas). Tanto uns coma outros pretenden axudar as/os profesionais na tarefa de concreción e adaptación do currículo ao seu contexto e alumnado.

Neste decreto determínanse o currículo do 1º e do 2º ciclo, e a contribución da etapa educativa á adquisición das competencias básicas, que se publican como anexos a el coa seguinte numeración:

Anexo I-Currículo do primeiro ciclo e do segundo ciclo de educación infantil.

Anexo II-Contribución da etapa educativa á adquisición das competencias básicas.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de xuño do dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten como obxectivo establecer os currículos do primeiro e do segundo ciclo da educación infantil que serán de aplicación nos centros educativos que impartan estas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º Principios xerais.
  1. A educación infantil constitúe a etapa educativa con identidade propia que atende a nenas e nenos desde o nacemento ata os seis anos.

  2. Esta etapa ordénase en dous ciclos. O ciclo constitúe unha unidade curricular temporal de programación e avaliación. O primeiro ciclo comprende desde o nacemento ata os tres anos e o segundo, desde os tres aos seis anos de idade.

  3. Todo o profesorado do mesmo ciclo desenvolverá o seu traballo en equipo, co fin de garantir a necesaria unidade da acción educativa.

  4. A educación infantil ten carácter voluntario. O segundo ciclo desta etapa educativa será gratuíto. As administracións competentes procurarán que haxa unha oferta suficiente de prazas no 1º ciclo e garantirán a mesma no 2º.

Artigo 3º Fins.
  1. A finalidade da educación infantil é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e dos nenos.

  2. Na educación infantil atenderase progresivamente ao desenvolvemento afectivo, ao movemento e aos hábitos de control corporal, ás manifestacións da comunicación e da linguaxe, ás pautas elementais de convivencia e relación social, así como ao descubrimento das características físicas e sociais do medio. Ademais, facilitarase que nenas e nenos elaboren unha imaxe de si mesmos positiva e equilibrada e adquiran autonomía persoal.

  3. Potenciarase a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza, a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica, a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.

Artigo 4º Obxectivos.

A educación infantil contribuirá a desenvolver nas nenas e nenos as capacidades que lles permitan:

  1. Coñecer o seu propio corpo e o das outras persoas, as súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas.

  2. Observar e explorar o seu contorno familiar, natural e social.

  3. Adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais.

  4. Desenvolver as súas capacidades afectivas.

  5. Relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na resolución pacífica de conflitos.

  6. Desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión.

  7. Iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas e achegarse á lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo.

  8. Sentir o xesto, o movemento e o ritmo como recursos para a expresión e a comunicación.

  9. Achegarse, na medida das súas posibilidades, ao uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Artigo 5º Currículo.
  1. Enténdese por currículo da educación infantil o conxunto de obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación que regularán a práctica educativa nesta etapa.

  2. Os currículos da educación infantil, que deberán desenvolver e completar os centros educativos que impartan estas ensinanzas, son os que se recollen no anexo I deste decreto; pasando a formar parte da súa proposta pedagóxica.

  3. A contribución desde as diferentes áreas dos currículos de educación infantil ao desenvolvemento das competencias básicas é a que se recolle no anexo II deste decreto.

Artigo 6º Áreas de coñecemento.
  1. Os contidos educativos da educación infantil organizaranse en áreas correspondentes a ámbitos propios da experiencia e do desenvolvemento infantil e abordaranse por medio de actividades globalizadas que teñan interese e significado para as...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR