Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Rango de LeyDecreto

A través do Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia que estará integrada por dez departamentos.

A entrada en vigor deste decreto supón a plasmación práctica do compromiso adquirido polo novo Goberno da Xunta de Galicia de austeridade, eficacia e racionalización da xestión pública.

Posteriormente, a través do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixouse a estrutura orgánica básica dos departamentos da Xunta de Galicia, segundo o cal a Consellería de Traballo e Benestar está integrada polos seguintes centros superiores: o/a conselleiro/a, a Secretaría Xeral, a Secretaría Xeral de Familia e Benestar, a Dirección Xeral de Relacións Laborais, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e adscríbeselle o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais.

Cabe destacar tamén o Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, non só pola súa significación en termos de compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia senón tamén de reformulación da estrutura da Administración autonómica periférica da Xunta de Galicia. Seguindo o modelo organizativo plasmado no decreto indicado, os departamentos territoriais previstos neste decreto, de ámbito provincial, dependen orgánica e funcionalmente da consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias, que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Consonte o anterior, a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar pretende ser reflexo destes principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración Pública. Así, na Secretaría Xeral á vez que se suprimen dúas subdireccións xerais e un servizo da anterior estrutura, créase unha nova unidade, a Subdirección Xeral de Tecnoloxía da Información, co fin de facer fronte ao incremento das necesidades no ámbito dos sistemas e tecnoloxías da información.

Na área de traballo, as direccións xerais de Relacións Laborais, Promoción do Emprego e Formación e Colocación manteñen un ámbito competencial practicamente coincidente co vixente na actualidade, aclarando nalgúns casos as funcións e denominacións das distintas unidades.

Na área de benestar, a Secretaría Xeral de Familia e Benestar asume as funcións de coordinación xeral do conxunto das políticas da consellería en materia de benestar e a coordinación do seu exercicio coa Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A estrutura da nova Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal pretende facer fronte ás novas necesidades derivadas da aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, coa creación dunha nova Subdirección Xeral de Dependencia e do Servizo de Atención á Dependencia.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado mantén a súa estrutura actual excepto algúns cambios na redistribución de funcións entre as diferentes unidades.

Polo que se refire á Administración periférica, a Consellería de Traballo e Benestar organízase en catro departamentos territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Título I

Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1º Ámbito competencial.

A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Administración autonómica ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, propoñer e executar as directrices xerais do goberno nos ámbitos laborais e do benestar, que engloban, as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, formación e colocación, así como as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de xuventude e voluntariado, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2º Estrutura da consellería.
  1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos:

  1. O/a conselleiro/a.

  2. Secretaría Xeral.

  3. Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

  4. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

  5. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

  6. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

  7. Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

  8. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

  9. Departamentos territoriais.

Artigo 3º Organismos autónomos, entes públicos e órganos colexiados.
  1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

    1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro.

    2. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

  2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería os órganos colexiados en que así o determine a súa normativa reguladora.

    Título II

    Servizos centrais

Artigo 4º O/a conselleiro/a.

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, desempeña e exerce as atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Capítulo I

Da Secretaría Xeral

Artigo 5º Atribucións.

A Secretaría Xeral, órgano superior da Consellería de Traballo e Benestar, exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, polo que se regulan as funcións das secretarías xerais técnicas nas consellerías da Xunta de Galicia, así como as que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da consellería.

Artigo 6º Estrutura.
  1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral contará cos seguintes órganos:

    -Vicesecretaría Xeral.

    -Subdirección Xeral de Persoal.

    -Subdirección Xeral de Contratación e Control.

    -Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

    -Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información.

  2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral, con nivel de subdirección xeral:

    1. A Intervención Delegada da consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

    2. A Asesoría Xurídica de Traballo e a Asesoría Xurídica de Benestar, que se rexerán polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

    Estas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións do artigo 13.2º do mencionado Decreto 343/2003, no seu correspondente ámbito funcional.

...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR