Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS) foi creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril, desenvolvida polo Decreto 288/1988, do 29 de setembro. O Decreto 70/1997, do 14 de marzo, modificado polo Decreto 258/1999, do 17 de setembro, estableceu a súa estrutura orgánica. Posteriormente, en 2005, publicáronse os decretos 505 e 506/2005, do 22 de setembro, polos que se aprobaron respectivamente as estruturas orgánicas da Consellería de Vivenda e Solo e do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Como consecuencia da publicación do Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia e do Decreto 83/2009, do 22 de abril, que fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo queda adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas como organismo autónomo, polo que se fai preciso aprobar o decreto da súa estrutura orgánica, coa finalidade de adaptar a composición dos seus órganos non só á dependencia da nova consellería, senón tamen á estrutura desta.

Aprovéitase a modificación organizativa para reforzar os servizos dedicados á xestión das axudas orientadas ás vivendas en aluguer, asi como a potenciar a xestión dos rexistros públicos, e de xeito moi especial o rexistro de demandantes de vivenda, de tal xeito que se converta nun sistema fiable á hora de coñecer a demanda de vivenda protexida nas diferentes localidades e, ao mesmo tempo, sexa áxil no seu funcionamento.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo dos informes da Consellería de Facenda e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Título I

Ámbito competencial e organización xeral do IGVS

Artigo 1º

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, ao que lle corresponde a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da Constitución española.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o instituto terá a seguinte estrutura orgánica:

O Consello do Instituto.

O/A presidente/a.

A Dirección Xeral.

A Secretaría Xeral.

As direccións técnicas:

-A Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio e Fianzas.

-A Dirección Técnica de Construcións e Calidade.

-A Dirección Técnica de Solo.

-A Dirección Técnica de Xestión Económica e Orzamentos.

-A Dirección Técnica de Réxime Xurídico e Inspección.

-A Dirección Técnica de Fomento.

-A Dirección Técnica de Actuacións en Aluguer.

As xefaturas territoriais.

As áreas provinciais.

Título II

Servizos centrais

Capítulo I

O Consello do IGVS

Artigo 3º

O consello é o órgano superior do instituto, ao cal lle corresponde a alta dirección da súa actividade.

3.1. O Consello do Instituto está constituído por:

  1. O/A presidente/a do Consello e do Instituto, que será o/a conselleiro/a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

  2. Un/Unha vicepresidente/a, que será o/a secretario/a xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

  3. Os/As vogais, que serán:

    -Un/Unha director/a xeral representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

    -Un/Unha director/a xeral representante da Consellería de Facenda.

    -O/A secretario/a xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

    -O/A director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

    -O/A director/a xeral do IGVS.

  4. O/A secretario/a do consello, que será o/a secretario/a xeral do Instituto Galego da Vivenda Solo, ou persoa en quen delegue.

    3.2. Competencias:

    Correspóndelle ao Consello do Instituto:

  5. A aprobación dos seus plans e programas de actuacións, por proposta do/a director/a xeral do IGVS.

  6. A aprobación do anteproxecto de orzamento do instituto, presentado polo seu director/a xeral.

  7. O control da xestión do instituto.

  8. A constitución de comisións de estudo sobre aspectos específicos en materias da súa competencia e o deseño de plans de formación e divulgación no ámbito das competencias do instituto.

  9. A aprobación da proposta de creación de consorcios e sociedades anónimas ou de integración ou participación do instituto nas xa constituídas, así como a aprobación da proposta de constitución de xerencias e de todo tipo de acordos coa iniciativa privada.

  10. Cantos asuntos relacionados coa competencia do instituto lle someta o/a seu /súa presidente/a.

    Capítulo II

    O/a presidente/a

Artigo 4º

4.1. O/A presidente/a do Instituto Galego da Vivenda e Solo será o/a conselleiro/a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, quen desempeña a representación oficial deste.

4.2. Correspóndelle ao/á presidente/a do instituto:

  1. Convocar as reunións do consello, sinalando lugar, día e hora da celebración, así como establecer a orde do día delas, por propia iniciativa ou cando así o solicite a metade máis un dos membros do consello.

  2. Presidir e dirixir as deliberacións do consello.

  3. Autorizar coa súa sinatura as actas das sesións do Consello do Instituto.

  4. Someter á aprobación do Consello da Xunta o anteproxecto de orzamentos do instituto e, se é o caso, os seus plans e programas.

  5. Obrigar ao instituto en todos os casos, de conformidade cos requisitos exixidos pola lexislación vixente, correspondéndolle, como órgano de contratación del, a facultade de celebrar contratos.

  6. Calquera outra facultade que, en relación coas materias de competencia do instituto se lle atribúa regulamentariamente.

Capítulo III

A Dirección Xeral

Artigo 5º

5.1. O/A director/a xeral do IGVS é o seu órgano executivo. Será nomeado e destituído libremente polo Consello da Xunta, por proposta do/a conselleiro/a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

5.2. Correspóndelle ao/á director/a xeral do instituto:

  1. Asistir o/a presidente/a no exercicio das súas funcións.

  2. Exercer, por delegación do/a presidente/a, a representación oficial do instituto.

  3. Executar os acordos do Consello do Instituto.

  4. Dirixir a xestión do instituto.

  5. Asinar, no caso de delegación do/a presidente/a e en nome do instituto, os convenios e contratos sobre materias da súa competencia.

  6. Elaborar o anteproxecto de orzamentos do instituto, así como render as contas correspondentes.

  7. Dispoñer os créditos e dotacións, o recoñecemento das obrigas e a ordenación dos pagamentos do instituto, dentro dos límites que lle correspondan.

  8. Dirixir a preparación dos plans e programas do instituto e presentalos ao Consello do Instituto para a súa aprobación.

  9. Exercer a xefatura superior sobre o persoal do instituto.

  10. Presentar a memoria anual do organismo.

  11. Todas as facultades que lle delegue expresamente o/a presidente/a do instituto ou lle sexan encomendadas polo consello. Terá, así mesmo, como propias, todas as funcións e facultades non encomendadas pola lexislación vixente ao consello ou ao/á presidente/a do instituto.

Capítulo IV

A Secretaría Xeral

Artigo 6º

6.1. O/A secretario/a xeral do IGVS, que terá a consideración de alto cargo, será nomeado polo Consello do Instituto por proposta do/a director/a xeral entre persoas con titulación superior. Cesará no seu cargo polo mesmo procedemento.

6.2. Correspóndelle ao/á secretario/a xeral, baixo a dependencia do/a director/a xeral do instituto:

  1. Desempeñar a secretaría do Consello do Instituto.

  2. A dirección inmediata do persoal do instituto e das actividades do réxime interior

  3. A coordinación de todos os servizos do instituto, velando polo seu correcto funcionamento e control.

  4. A realización dos estudos necesarios para elaborar os plans xerais e os programas en materia de vivenda.

  5. Propoñer as accións relativas ao réxime interno dos servizos, a súa inspección e canto afecte ao seu funcionamento interno.

  6. A coordinación da contratación do instituto.

  7. A dirección dos asuntos relativos ao apoio xurídico e informatización do IGVS.

  8. Todas as funcións que lle delegue expresamente o/a director/a xeral do instituto.

6.3. O/A secretario/a xeral asumirá, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/a director/a xeral do instituto, as funcións ordinarias de despacho e sinatura nos asuntos de mero trámite e nos que con carácter ordinario lle sexan delegados.

6.4 Dependerán organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de Subdirección Xeral:

6.4.1. A Asesoría Xurídica do IGVS, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

6.4.2. A Intervención Delegada, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 7º

Para o exercicio da súa competencia, a Secretaría Xeral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de xefatura de servizo:

7.1...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR