Decreto 248/2004, do 14 de outubro, polo que se regulan os procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS
Rango de LeyDecreto

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, crea o Consello Galego de Cooperativas como o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma encomendándolle, entre outras, no seu artigo 135.2º a de «conciliar e exercer a arbitraxe nas cuestións litixiosas que se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas entre os seus socios, cando ambas as partes o soliciten ou ben estean obrigadas por iso en razón ao establecido nos seus estatutos».

Pola súa banda o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, aprobado polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, establece no seu artigo 3.1º, nos mesmos termos que na lei, como función do Consello Galego de Cooperativas a de conciliar exercer o arbitraxe nos conflitos de natureza cooperativa.

Coa aprobación deste decreto trátase de establecer a canle formal dos procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa co fin de atender axeitadamente as funcións que nestas materias lle corresponden ao Consello Galego de Cooperativas mediante a oferta dunha alternativa áxil para evitar o proceso xudicial na resolución dos conflitos que xurdan.

Na súa virtude, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia de vinte e tres de setembro de dous mil catro, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e logo de

deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil catro

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.
  1. O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento da organización administrativa e a regulación do réxime de xestión dos procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa de competencia do Consello Galego de Cooperativas, que se incoen e tramiten ante a Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa.

  2. Para o cumprimento e exercicio das ditas funcións, o Consello Galego de Cooperativas deberá adecuar a súa actuación ao disposto na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do dito consello, e no presente decreto.

Artigo 2º Cuestións susceptibles de conciliación e arbitraxe.

Poderán ser obxecto dos procedementos de conciliación e arbitraxe as cuestións litixiosas derivadas da actividade cooperativa sobre materias de libre disposición conforme a dereito e que se formulen:

  1. Entre cooperativas,

  2. Entre cooperativas e os seus socios,

  3. Entre os socios dunha cooperativa,

  1. As cooperativas as que se refire o presente decreto deberán estar inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Artigo 3º Lexitimación activa.
  1. Para intervir como parte contendente nos procedementos regulados neste decreto, é necesario acreditar estar en posesión da condición de socio dunha cooperativa galega ou ter perdida dita condición polos feitos que se someten a conciliación ou arbitraxe, ou a constitución como sociedade cooperativa galega ou como asociación destas, o que se acreditará de conformidade co disposto na Lei 5/1998, de 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

  2. As partes poderán actuar por si mesmas ou por medio de representante. O poder de representación poderá outorgarse ante notario ou apud acta ante o secretario da Comisión de Conciliación e Arbitraxe.

Artigo 4º Principios rectores dos procedementos.
  1. Os procedementos regulados no presente decreto basearanse nos principios de contradición, economía procesual e axilidade.

  2. As partes poderán empregar calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera das actuacións e escritos que dirixan ao Consello Galego de Cooperativas ou á Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa.

Artigo 5º Cómputo de prazos.

O cómputo dos prazos establecidos neste decreto realizarase de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º Rexistro de conciliadores e árbitros.
  1. Logo das oportunas consultas aos medios e institucións relacionados co cooperativismo, o Consello Galego de Cooperativas confeccionará un rexistro de persoas físicas que estean no pleno exercicio dos seus dereitos civís e que estime idóneas para actuar como conciliadores e árbitros.

  2. Cando a cuestión litixiosa sexa sometida a arbitraxe de dereito, os árbitros serán avogados en exercicio.

  3. As propostas, designacións e nomeamentos dos conciliadores e árbitros que haxan de intervir nos procedementos de conciliación e arbitraxe faranse sobre persoas comprendidas no rexistro.

Artigo 7º Honorarios e gastos.
  1. Correspóndelle ao Consello Galego de Cooperativas determinar os honorarios que vaian percibir os conciliadores e árbitros así como determinar a cantidade que, se é o caso, lles corresponda satisfacer ás partes polos servizos de conciliación e arbitraxe prestados.

  2. Serán por conta de cada parte contendente os gastos xerados á súa instancia.

  3. Os gastos comúns satisfaranse por partes iguais entre as partes contendentes, salvo que elas acorden outra forma de repartición.

  4. O Consello Galego de Cooperativas poderá establecer un sistema de gratuidade total ou parcial, para determinados servizos de conciliación e arbitraxe da súa competencia.

Capítulo II

Comisión de Conciliación e Arbitraxe

Artigo 8º Natureza.
  1. Créase, no seo do Consello Galego de Cooperativas, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa como órgano sen personalidade xurídica ao que se lle encomenda a función de xestionar e exercer as funcións de conciliación e arbitraxe cooperativa que ten atribuídas o devandito consello.

  2. Sen prexuízo de que os conciliadores e os árbitros poidan levar a cabo actos concretos de tramitación noutros lugares, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe terá como sede a do Consello Galego de Cooperativas,

Artigo 9º Composición da comisión.
  1. A comisión estará composta por tres membros:

    -Presidente.

    -Vicepresidente.

    -Secretario.

  2. O presidente e o vicepresidente serán designados polo Pleno do Consello Galego de Cooperativas de entre os seus membros e nomeados polo seu presidente por un período de catro anos podendo ser reelixidos.

    Do mesmo xeito serán designados e nomeados os seus substitutos, no caso de producirse algunha vacante polo tempo que restase de mandato.

  3. As funcións de secretario serán desenvolvidas polo secretario do consello.

Artigo 10º Réxime de adopción de acordos.
  1. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría e o seu réxime de funcionamento será o previsto na Lei para os órganos colexiados. O voto do presidente dirimirá os empates que se produzan.

  2. De conformidade co réxime xeral aplicable na Administración autonómica os compoñentes da Comisión de Arbitraxe e Conciliación poderán recibir indemnizacións pola asistencia a reunións.

Artigo 11º Funcións da comisión.

A Comisión de Conciliación e Arbitraxe...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR