Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

O Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea aprobaron en setembro de 2001 a Directiva 2001/77/CE 27, relativa á promoción da electricidade xerada a partir de fontes de enerxía renovables no mercado interior da electricidade e que tivo por obxecto fomentar un aumento da contribución das fontes de enerxía renovables á xeración no mercado interior da electricidade e sentar as bases dun futuro marco comunitario para ese mercado.

Asemade, o Plan da Acción da Biomasa da Comisión das Comunidades Europeas urxía aos Estados membros a reducir a demanda de enerxía, incrementar a confianza das enerxías renovables dado o seu potencial de produción e sustentabilidade e a diversificalas.

Neste contexto nace o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e que derroga o Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, e que establece un novo réxime xurídico e económico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Doutra banda, a comunicación da Comisión ao Consello e ao Parlamento Europeo relativa a un plan de acción da UE para os bosques estableceu dentro das súas accións claves o fomento do uso da biomasa forestal para a produción de enerxía como base para acadar obxectivos tan importantes como son a axuda a mitigar o cambio climático mediante a substitución do combustible fósil, a mellora da autosuficiencia enerxética, o incremento da seguridade da subministración ou a creación de postos de traballo nas zonas rurais.

Neste senso, a propia Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, na súa disposición adicional segunda urxe ao uso como combustible, no marco do Plan de enerxías renovables do Goberno de España, da biomasa forestal procedente de operacións de prevención de incendios e plans de xestión forestal sustentable.

Consonte esta liña de actuacións, a Consellaría do Medio Rural desenvolveu o estudo técnico sobre a potencialidade de aproveitamento da biomasa forestal residual en Galicia. Este documento de natureza técnica contén, entre outras cuestións, unha avaliación da biomasa existente e formula unha estimación dos residuos forestais á que lle xunta un cálculo da densidade enerxética e do potencial enerxético dos devanditos residuos.

Neste novo marco de fomento e produción de enerxías renovables, entre as que debe xogar un papel relevante a biomasa forestal primaria, dítase este decreto, que asume como obxectivo básico o emprego da biomasa forestal primaria desde varias perspectivas. Primeiramente, como enerxía substitutiva dos produtos fósiles, afondando na redución das emisións de CO2 e SO2 e contribuíndo á limpeza do monte e, polo tanto, servindo como ferramenta na prevención dos incendios forestais.

Neste senso cabe salientar que este obxectivo é consonte con aqueles enunciados no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, onde a actuación nos montes e nas áreas estremeiras colindantes mediante tratamentos axeitados da biomasa forestal residual é básica para levar adiante unha política preventiva contra os incendios forestais.

Doutra banda, a estas vantaxes cómpre engadirlle o fomento que o aproveitamento destes restos forestais pode significar dándolles un novo pulo aos tratamentos silvícolas de mellora que necesitan os montes galegos, reducindo os custos que as podas, rareos ou rozas implican, producindo un incremento dos volumes de madeira de alta calidade, libres de nós e de diámetro suficiente, e favorecendo a conservación dos ecosistemas forestais e as condicións fitosanitarias dos bosques en Galicia.

Baixo estes obxectivos, o decreto regula, dun xeito ordenado e sustentable, o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, detallando a documentación e requisitos que deben conter as solicitudes, os informes previos necesarios e o procedemento administrativo para a autorización e posta en marcha das instalacións.

O decreto estrutúrase en tres títulos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e catro disposicións finais.

No título I establécese o obxecto e ámbito de aplicación e danse unha serie de definicións para unha mellor aplicación e comprensión do decreto, xunto co establecemento do marco territorial de referencia para a implantación das centrais e a determinación dos obxectivos de potencia eléctrica que se pretenden acadar no período 2007-2012 a partir da instalación das centrais de biomasa fornecidas con biomasa forestal primaria.

O título II, autorizacións de centrais de biomasa, divídese en seis capítulos que regulan, respectivamente: o procedemento de selección de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa, o procedemento de autorización de centrais de biomasa, a posta en servizo das centrais de biomasa, a conexión á rede de distribución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a transmisión, modificación e peche das centrais de biomasa.

Finalmente, o título III describe de maneira xenérica as competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As disposicións adicionais engaden a previsión da ordenación dos cultivos forestais para fins enerxéticos e do establecemento de medidas de control e seguimento da Administración sobre os sistemas de rastrexabilidade implantados polas produtoras de biomasa.

Considerando que existan proxectos de centrais de biomasa presentados á Administración, prevese nunha disposición transitoria a súa incorporación á primeira orde que sobre admisión a trámite de proxectos convoque a consellería competente en materia de enerxía e a súa tramitación consonte as disposicións deste decreto.

En consecuencia, e no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e mais pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, e demais normativa concordante, conforme co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais, implantación territorial e potencia

máxima instalable

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto ten por obxecto regular o réxime xurídico das centrais de produción de enerxía eléctrica a partir do aproveitamento da biomasa forestal primaria, radicadas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Así mesmo, tamén é obxecto deste decreto establecer o procedemento e criterios para a selección de anteproxectos de centrais de biomasa e os requisitos e procedementos para a autorización da construción, modificación, explotación, transmisión e peche das ditas centrais de biomasa.

  2. Este decreto será de aplicación a aquelas centrais de biomasa, comprendidas no grupo b.6 do artigo 2 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e que, consonte o previsto no artigo 27.13º do Estatuto de autonomía, a súa autorización sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

  1. Biomasa forestal primaria ou biomasa: a masa biolóxica procedente de residuos de aproveitamentos forestais, incluídas as cortizas, de operacións silvícolas en masas forestais e espazos verdes, de residuos de actividades agrícolas e de xardinaría ou de cultivos enerxéticos.

  2. Áreas de xestión de biomasa (AXB): áreas estratéxicas definidas en función da potencialidade do recurso e da loxística da subministración, integrada por un conxunto de concellos que serven de base territorial para un Plan empresarial de aproveitamento da biomasa e para a construción e o funcionamento dunha central de biomasa.

  3. Plan empresarial de aproveitamento da biomasa (PEAB): conxunto planificado de actividades destinadas á mobilización da biomasa para a súa valorización enerxética nunha determinada área xeográfica, que comprende desde os sistemas de obtención e recollida do recurso no monte para garantir a súa sustentabilidade, as formas de relación coas produtoras de biomasa e coas operadoras de biomasa, as posibles intervencións no monte, as necesidades de infraestruturas ou melloras na AXB, os sistemas ou procedementos de medición da biomasa, os sistemas de seguimento da orixe da biomasa, o procedemento para o establecemento do prezo da biomasa até a forma de entrada nos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR