Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión nunha determinada comunidade.

O artigo 3 da Constitución establece, no seu punto 1, que o castelán é a lingua oficial do Estado, e, no punto 2, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, e sinala que a lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, define o galego como lingua propia de Galicia, que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións procedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego en todos os eidos da sociedade. O artigo 14 desta lei indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais. Nesta mesma liña, e desde unha perspectiva máis global, tamén se pronuncia a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo goberno do Estado español en 2001.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004, establece como un dos seus obxectivos xerais conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e dálle prioridade á súa presenza en sectores estratéxicos.

Para conseguir estes fins, cómpre afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego de xeito progresivo e xeneralizado en todos os niveis e graos non universitarios. Neste sentido, cómpre reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro.

A mobilidade do estudantado e do profesorado que caracteriza a nosa sociedade non debe constituír un obstáculo para alcanzar os obxectivos descritos, senón que debe ser compatible co mantemento da singularidade cultural de Galicia e da lingua propia no ensino.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983 de normalización lingüística para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, recoñece que a adquisición dunha competencia comunicativa en galego por parte do alumnado só se pode conseguir a través da utilización vehicular desta lingua nunha parte significativa do currículo. Este feito ten que se ver agora completado coa derrogación do citado decreto e a elaboración dunha nova normativa orientada á obtención dunha competencia axeitada do galego no ensino obrigatorio, co fin de propiciar a igualdade plena e efectiva entre as dúas linguas oficiais por parte de toda a poboación escolar garantindo igualmente a mesma competencia en ambas as dúas linguas.

Na súa virtude e por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1º e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de maio, do traballo en igualdade das mulleres, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1 º-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º Uso da lingua galega na Administración educativa.
  1. A Administración educativa de Galicia, os centros de ensino dependentes dela e o persoal ao seu servizo utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarán o seu uso oral e escrito tanto nas súas relacións mutuas e internas, como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia, sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente.

  2. Os documentos administrativos da consellería competente en materia de educación e dos centros de ensino dependentes dela redactaranse, con carácter xeral, en galego, e neles constará, cando sexa o caso, o nome do centro e o topónimo do concello ou entidade de poboación na súa forma oficial.

  3. As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, redactaranse, con carácter xeral, en galego, agás o referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, nas que se utilizará o castelán. Ademais dos procedementos iniciados de oficio, tamén se redactarán en galego os procedementos tramitados por petición dos interesados, sen prexuízo do establecido no artigo 36.3º da Lei 30/1992, do 26 de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR