RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2013, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural do fondo bibliográfico e documental de Novagalicia Banco.

Sección:VI. Anuncios
Rango de Lei:Resolución
Emisor:Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
 
FREE EXCERPT

O fondo bibliográfico e documental de Novagalicia Banco constitúe una colección cunha considerable e pouco habitual amplitude de fondos de libro antigo para una institución deste tipo, o que fai dela un fondo de indubidable valor por si mesmo, tanto polo número de exemplares que contén (máis de 3.200) como pola súa calidade. Trátase dunha colección escollida e notable tanto no ámbito galego como no conxunto do territorio español, especialmente en casos tan salientables como o da colección de incunables. Todos os exemplares teñen entrada na colección a través dunha esmerada selección. É de destacar, ademais, o bo estado dos libros e documentos, con encadernacións coidadas, ás veces de valor, e libros sempre en perfecto estado.

A súa natureza é variada e o e seu valor múltiple. Presenta unha importante documentación relacionada directamente con Galicia, como é a súa colección de máis de 250 autógrafos de autoras e autores galegos, un testemuño de enorme interese e calidade e un patrimonio da nosa cultura como país. A súa colección de incunables é unha das dúas máis importantes de Galicia e a súa transcendencia traspasa os nosos límites territoriais para ofrecer un fondo de interese no ámbito estatal e internacional. As súas coleccións especializadas conteñen fondos históricos entre os cales podemos destacar a ampla colección de reais cédulas e impresos do fondo de economía do século XVIII, así como os impresos dos séculos XV e XVII do fondo histórico.

Así, empezando polo denominado Fondo de Economía, estase ante unha ampla subcolección de perto de cincocentos volumes relacionados directa ou indirectamente con esta disciplina. Contén fondos antigos e fondos relativamente modernos (unha importante parte é do século XX) e tanto fondos galegos antigos (algún de gran rareza), como de ámbito español e internacional.

Destacan os impresos relacionados con Galicia, como os que atinxen á Coruña, do Marqués de Villagarcía ou do General Mayle, coa Junta Superior del Reyno de Galicia, a Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago de Compostela, a Tesorería del Ejército de Galicia, A Real Caja de Amortización de Coruña; Memorias de Fábricas, impresos varios relacionados coa Coruña, Betanzos, Ferrol, Vigo, Mondoñedo e outras cidades galegas. Unha gran cantidade de impresos editados en Galicia e moitos de autores galegos dalgunha forma relacionados coa economía, como Lucas Labrada. Todos eles dos séculos XVIII e XIX predominantemente.

Sobranceira é tamén a ampla subcolección de reais cédulas, eloxios, relacións e edictos do século XVIII, boa parte deles con gravados na portada e algún con iniciais. Algúns impresos da mesma época e unha gran cantidade de fondos de finais do XIX e sobre todo do XX. Existe ademais un lote dispar de obras, do XVIII e XIX fundamentalmente, de tema e orixe variados.

Mención especial merece a subcolección de autógrafos, constituída por 257 documentos de 257 diferentes autores, na súa maioría cartas autógrafas de diversas personalidades galegas, como Castelao, Couceiro Freijomil, Wenceslao Fernández Flórez, Ramón María Aller, Amor Meilán, Benito Vicetto, Fernández del Riego, Díaz Baliño, Chamoso Lamas, González López, Álvarez de Sotomayor, Martínez-Risco, Armando Cotarelo, Federico Rivas, Sobrino Buhigas e moitos outros máis.

Porén, o máis sobranceiro da colección probablemente sexan os incunables. Trátase dunha agrupación de máis de sesenta obras anteriores a 1500 ou dese ano. Están representados os principais centros impresores da época do libro incunable, con impresos venecianos (Venecia é un dos centros fundamentais da imprenta da época e onde se imprimen algúns dos mellores e máis fermosos incunables, de Venecia proveñen una parte importante dos incunables da colección), Roma, Florencia, Bolonia, Nuremberg, Maguncia, Reutlingen, Leipzig, Augsburgo, Lyon (Lugdunum), París e algunhas outras cidades, entre elas Pamplona, cun pequeno incunable español do coñecido e valorado impresor Arnao Guillén de Brocar.

O valor destes incunables está no que supoñen para Galicia, onde apenas hai coleccións importantes de incunables en mans públicas (a colección Massó, agora propiedade da administración autonómica, e a colección da Universidade de Santiago son as únicas públicas salientables) e onde non hai exemplares destes títulos. De feito, de arredor da metade deles non hai ningún exemplar en España.

Non debe deixar de indicarse a existencia do denominado fondo histórico, o fondo de maior amplitude da colección de máis de 2.300 volumes con obras que van, na súa maioría, dende o século XVI ata principios do XX. Trátase dunha escollida selección de textos en perfecto estado e con encadernacións coidadas a maior parte deles.

Hai abundantes obras do século XVI e moitas do XVII, algunhas de gran valor, como o Quixote de Amberes de 1697, o Xenofonte de Basilea de 1545, obras de Virxilio, Ovidio, Homero, Boecio, Duns Scoto, Xustino, Cicerón, Juan de Granada, Apiano, Dion Casio, san Atanasio e moitos outros en coidadas edicións do século XVI, un Ruscelli veneciano de 1583 sobre a milicia e abundantes obras do XVII e XVIII.

Hai un abundante fondo tamén de obras máis recentes dos grandes autores europeos con curiosidades de valor como as memorias de Napoleón, editadas en 1823 en Londres (só dous anos despois da súa morte).

Moitas teñen unha relación directa con Galicia, como o Marco Aurelio de Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo de 1675 ou o Oratorio de religiosos do mesmo autor de 1667, ou obras de Felipe de la Gándara de 1661 e 1662, as constitucións sinodais de Lugo, a obra de Ioan Salazar sobre a «venida y predicación de Santiago Zebedeo Apostol de España», publicada en Venecia en 1617, xunto con varias obras da época sobre o tema xacobeo, e múltiples autores e temas galegos máis. Hai abundantes obras de Feijoo do XVIII, de Afonso X o Sabio editadas tamén no século XVIII entre outros. E dentro dos autores máis modernos, do XIX e principios do XX, Emilia Pardo Bazán, Murguía, Díaz de Rábago, Alfredo Brañas, Concepción Arenal, Miguel Colmeiro, Pérez Ballesteros (autor do cancioneiro popular galego), entre outros moitos.

Finalmente conta cunha curta e rica relación de facsímiles.

Deste xeito, no marco dos artigos 75, 76 e 77 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, pódese afirmar que estamos ante elementos constitutivos do patrimonio bibliográfico e documental dun interese sobranceiro para a Comunidade autónoma galega agrupados nunha colección plural logo de proceso intencional de provisión ou acumulación (artigo 8.2 da devandita Lei 8/1995).

Xa que logo, a sociedade galega, implicada co seu esforzo na súa configuración, ten que ser a principal beneficiaria desta colección coa posibilidade de poñelos ao dispor das persoas investigadoras, estudiosas ou de calquera galega ou galego que quixer acceder a ela.

É unha responsabilidade, pois, do centro directivo competente en materia de patrimonio cultural activar os mecanismos que o ordenamento xurídico pon ao seu dispor para que ese patrimonio estea na medida do posible accesible ás galegas e aos galegos para a súa consulta, estudo, coñecemento e enriquecemento cultural.

Á vista de todo o anterior, examinada a documentación que integra o expediente que permite, sen prexuízo dunha mellor precisión, alcance ou estruturación no seu desenvolvemento, unha descrición do obxecto da declaración e a súa correcta identificación, así como das condicións de conservación, en aplicación do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e do Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de ben de interese cultural de Galicia e se crea o rexistro de bens de interese cultural para Galicia, en exercicio das competencias que teño atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro,

resolvo:

  1. Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural do fondo bibliográfico e documental de Novagalicia Banco.

  2. Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como unha colección de bens mobles de interese cultural.

  3. Dar conta á Subdirección Xeral de Protección del Patrimonio Histórico do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, de quen dependen o Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural e o Inventario Xeral de Bens Mobles, da Administración xeral do Estado.

  4. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar dende o día seguinte á publicación desta resolución, a fin de que cantos poidan ter interese teñan a posibilidade de examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2º, en Santiago de Compostela, logo da correspondente petición de cita.

  5. Dispor que se soliciten informes a órganos consultivos para os efectos que o artigo 9.3 da Lei 8/1995 prevé.

  6. Facer constar que, consonte o disposto polo artigo 10.3 da citada Lei 8/1995, a presente resolución determina cautelarmente a aplicación inmediata e provisional, na súa condición de colección, do réxime de protección previsto para os bens xa declarados.

  7. Lembrar que, ao abeiro do artigo 14 da devandita Lei 8/1995, os titulares dos bens aos que se refire esta incoación deberán dar conta ao Rexistro de Bens de Interese Cultural da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de todos os actos que se realicen sobre eles cando afecten o contido desta resolución. Así mesmo, consonte o seu artigo 26, os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais...

To continue reading

FREE SIGN UP