RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos para o ano 2013.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorINSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Rango de LeyResolución

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

A Xunta de Galicia, mediante o desenvolvemento do Plan Impulsa-Lugo, do Plan Impulsa-Ourense, do Plan Ferrol, Eume e Ortegal e do Plan Revive Costa da Morte pretende impulsar o crecemento e a creación de riqueza nos concellos comprendidos nos devanditos plans. Dada a situación económica actual, na cal as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e da Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Inega conceda unha puntuación adicional ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario dos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e de servizos.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2013 -2014 ascende a 2.550.000 euros para esta liña de axudas.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1 Obxecto e normativa de aplicación
  1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial e de servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

  2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).

  3. As axudas recollidas na presente resolución están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008, e ás disposicións do capítulo II do dito regulamento.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 4ª do dito capítulo II como Axudas para a protección do ambiente concedidas ao investimento en medidas de aforro enerxético (artigo 21).

Artigo 2 Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma. O período de execución dos investimentos comezará unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará en función dos prazos previstos no artigo 21, podendo ter carácter bianual. Tratándose de grandes empresas, deberá verificarse, ademais, que o proxecto responde a algún dos criterios previstos no artigo 8.3 do citado Regulamento xeral de exención por categorías sobre o efecto incentivador das axudas.

Para as actuacións bianuais entenderase que os investimentos realizados desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte e, por tanto, poderanse presentar para o cobramento na devandita anualidade.

Artigo 3 Financiamento
  1. A concesión das axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para os exercicios 2013-2014, na aplicación orzamentaria A2.733A.770.0, de conformidade coa seguinte distribución:

    Exercicio 2013, cun importe de 1.500.000 euros.

    Exercicio 2014, cun importe de 1.050.000 euros.

  2. O importe dos fondos previstos para cada concepto entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 13 destas bases.

  3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver. Só poderán concederse novas subvencións no exercicio 2013, debendo iniciarse a execución dos investimentos tamén no presente exercicio e antes de que remate o prazo de xustificación previsto para os investimentos.

Artigo 4 Beneficiarios
  1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

    1. As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, incluídas no sector da industria (sección C e D do CNAE-2009), coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, e no sector servizos.

      Serán consideradas pemes (categoría de microempresa, pequenas e medianas empresas) aquelas que cumpran coa definición que establece o anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto (DOUE núm. L 214/38, do 9 de agosto).

    2. As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto dos contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso con visto e prace do titular da instalación, por se der lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

  2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e que con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia cotexada do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR