Resolución do 18 de febreiro de 2010 pola que se fan públicas as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 4 de febreiro.

SecciónVI. Anuncios
EmisorINSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Rango de LeyResolución

En virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia) fanse públicas as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 4 de febreiro de 2010, para a súa entrada en vigor:

Normas urbanísticas:

  1. Disposicións xerais.

Artigo 1º Natureza e ámbito.

Este documento urbanístico do proxecto sectorial é o instrumento de ordenación do territorio que desenvolve as directrices e determinacións establecidas no Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para a área denominado parque empresarial de Verín.

O ámbito de aplicación desta normativa é a sinalada nos planos de ordenación deste proxecto sectorial.

Artigo 2º Alcance.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial serán vinculantes para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixentes nos municipios de Verín e Monterrei.

Artigo 3º Modificación e vixencia.

Este documento entra en vigor coa publicación do acordo da súa aprobación definitiva. A súa vixencia é indefinida, e a súa modificación realizarase de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Artigo 4º Desenvolvemento e execución.

Para o desenvolvemento e execución do parque empresarial de Verín será precisa a elaboración dos correspondentes proxectos técnicos de urbanización, de parcelación e de edificación.

O contido dos devanditos proxectos será o establecido na lexislación urbanística e sectorial, e pola súa vez deberá cumprir coas condicións establecidas nestas normas.

Artigo 5º Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes, ou que poidan ser ditadas, sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non recollidos nesta normativa observarase o disposto, de forma subsidiaria, no Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa modificación puntual relativa ao parque empresarial de Verín.

Artigo 6º Sistema de actuación.

Por determinación do Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a actuación desenvolverase por expropiación forzosa e corresponderá ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a tramitación dos expedientes expropiatorios como Administración actuante.

Artigo 7º Definicións.

Para os efectos desta normativa, cantas veces se empreguen os termos que a continuación se indican terán o significado que se expresa a continuación:

* Parcela edificable.

É a superficie de solo comprendida entre lindeiros e aliñacións, sobre a cal se pode edificar cando reúna a condición de soar como consecuencia da execución deste proxecto sectorial.

* Cuarteirón.

Conxunto de parcelas ou zonas que quedan abranguidas entre vías e/ou espazos públicos determinados por este proxecto sectorial.

* Zona.

Cada unha das áreas reguladas por unha ordenanza.

* Aliñación oficial.

Enténdese por aliñación oficial as liñas límites das parcelas edificables cos espazos públicos constituídas pola vía e os espazos libres.

* Fronte de parcela.

É a distancia existente entre lindeiros laterais de parcela, medida sobre a súa aliñación oficial. Prodúcese sempre en contacto coa vía pública.

A fronte mínima enténdese como a menor permitida para que se poida considerar parcela edificable.

* Lindeiros laterais.

Son os lindeiros perimetrais que delimitan unha parcela e a distinguen das contiguas.

É lindeiro frontal o que delimita a parcela coa vía pública.

En parcelas cun único lindeiro frontal, enténdese como testeiro o oposto a este, e o resto serán lindeiros laterais.

En parcelas con máis dun lindeiro frontal, serán lindeiros laterais os restantes.

* Liña límite de edificación.

É aquela liña que a futura edificación non pode superar.

* Recuamento de fachada.

Enténdese por recuamento de fachada a distancia mínima que debe separar a edificación da aliñación oficial da parcela e que debe quedar libre de edificación, sobre e baixo rasante, salvo que de forma expresa se estableza o contrario en cada unha das ordenanzas de zona destas normas.

* Recuamento a lindeiros.

Enténdese por recuamento a lindeiro a distancia mínima que se debe separar a edificación dos lindeiros das parcelas e que debe quedar libre de todo tipo de edificación sobre rasante.

* Altura da edificación.

A altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. Para a súa regulación poderase utilizar unha ou ambas as dúas das seguintes unidades de medida:

-A distancia vertical en metros desde a rasante da rúa a que dea fronte a edificación, tomada no punto medio da fachada, e ata a cara inferior do forxado ou armazón estrutural da cuberta.

-Número total de plantas, nas cales se incluirán a planta baixa e as plantas pisos e, de ser o caso, a planta semisoto.

* Altura máxima da edificación.

É aquela que non se pode superar coa edificación. Establecerase en número máximo de plantas e/ou metros; ambas as dúas se deberán respectar como máximos admisibles.

Sobre a altura máxima da edificación permitida non poderán realizarse outras construcións que a cuberta cunha altura non superior a catro (4) metros e as chemineas, antenas, instalacións para enerxía solar e instalacións especiais debidamente xustificadas pola actividade que se implante.

* Planta.

-Planta baixa:

-É aquela en que o seu nivel de chan se atopa situado entre máis / menos sesenta (60) centímetros respecto á rasante da beirarrúa no punto medio do lindeiro frontal.

-En parcelas de esquina a cota de nivelación da planta baixa deberase situar entre máis / menos sesenta (60) centímetros do punto medio da rasante na beirarrúa do lindeiro frontal de maior lonxitude.

-Plantas inferiores á baixa:

-Son aquelas en que os seus niveis de chan están por debaixo do nivel do chan da planta baixa. O número máximo de plantas inferiores á baixa será unha (1) cunha profundidade máxima de tres (3) metros, medidas desde a cota de nivelación da planta baixa.

-As plantas inferiores á baixa teñen consideración de plantas baixo rasante. Non obstante, as plantas inferiores á baixa cuxa cara superior do forxado de teito se atope a distancia maior de sesenta (60) centímetros respecto á rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación, considéranse para todos os efectos planta sobre rasante.

-Planta enteiramente subterránea: é aquela cuxa cara superior do forxado de teito está por debaixo da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación.

-Planta piso: é a situada por riba do forxado de teito da planta baixa.

-Entreplanta: planta que na súa totalidade ten o forxado do chan nunha posición intermedia entre os planos de pavimento ou teito dunha planta. Admítese a construción de entreplanta sempre que a súa superficie útil non exceda o 50% da superficie útil do local a que estea adscrita. Para determinar a superficie útil de entreplanta, unicamente se poderá considerar a superficie útil de local que conte con altura suficiente. A altura libre de piso por riba e por baixo da entreplanta será a correspondente ao uso a que se destine e, en todo caso, igual ou superior a douscentos cincuenta (250) centímetros, e poderase reducir a douscentos vinte (220) centímetros cando se destine a pezas non habitables. A entreplanta terá sempre acceso polo local da planta onde se desenvolve.

* Altura de planta.

É a distancia entre os eixes de dous forxados consecutivos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR