Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

O artigo 33, punto 1, do Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1983, de 6 de abril, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de sanidade interior.

O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, no artigo 33, letra g), transfire á Xunta de Galicia o outorgamento da autorización oportuna para a creación, construción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servizos e establecementos sanitarios de calquera clase e natureza, incluídos os balnearios e as entidades do seguro libre de asistencia médico-farmacéutica.

En uso das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, desenvolveuse o Decreto 52/2001, do 22 de febreiro, polo que se regula a acreditación dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servizos e establecementos sanitarios, a Orde do 29 de marzo de 2001, pola que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios e o Decreto 186/2003, de 6 de marzo, que fixa o procedemento, os requisitos e as condicións de autorización dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con posterioridade, a Administración xeral do Estado estableceu a normativa básica sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, mediante o Real decreto 1277/2003, de 10 de outubro, dando cumprimento así ao previsto nos artigos 29.1º, 29.2º e 40.9º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e 26.2º e 27.3º da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do sistema nacional de saúde. O real decreto regula as bases xerais do procedemento de autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, establece unha clasificación, denominación e definición común para todos eles e crea o catálogo e rexistro xeral dependente do Ministerio de Sanidade e Consumo. E todo iso con independencia de que os centros, servizos e establecementos sanitarios sexan públicos ou privados, e da súa clase ou natureza.

Este decreto ten por finalidade adecuar a regulación da comunidade autónoma á normativa básica do Estado e, ao mesmo tempo, simplificar o procedemento de autorización, xa que se suprime a autorización previa, para exixir, con carácter xeral, unha autorización de funcionamento a todos os centros, servizos e establecementos sanitarios, coa excepción dos centros hospitalarios, centros de saúde ou outros, que pola súa especialización, requiren, ademais, dunha autorización de instalación. Por outra banda, desenvólvese normativamente o rexistro de centros, servizos e establecementos da comunidade autónoma, que aínda que previsto no Decreto 77/2001, do 29 de marzo, carecía de regulación específica. Así, os requisitos xerais e específicos que, en función da súa actividade, deberán cumprir os centros, servizos e establecementos sanitarios aparecen especificados nos anexos I e II deste decreto.

Tamén se sintetiza con este decreto o réxime aplicable ás autorizacións administrativas de centros, servizos e establecementos, pois a normativa ata a data caracterizábase polo seu fraccionamento e dispersión, o que dificultaba a súa axeitada comprensión e, en consecuencia, a súa correcta aplicación.

O decreto estrutúrase en cinco títulos; o título I, de disposicións de carácter xeral, establece o ámbito de aplicación e advirte que a clasificación de centros, servizos e establecementos e a súa nomenclatura é a recollida nos anexos I e II do Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro. Por outra banda, define os conceptos básicos e concreta as obrigas xerais dos centros, servizos e establecementos sanitarios da comunidade autónoma, e tamén inclúe a previsión do exercicio da función inspectora nesta materia.

O título II regula as solicitudes de autorización de instalación, de funcionamento, de modificación e peche, así como a vixencia das autorizacións, a súa caducidade, revogación e extinción. Simplifícase con esta normativa, como se indicou, os procedementos de autorización.

O título III refírese ao procedemento sancionador, concretando as infraccións e sancións por incumprimento das obrigas que o decreto establece, en conformidade cos principios que recolle o capítulo VI do título I da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade e da Lei de saúde de Galicia.

O título IV regula o rexistro de centros, servizos e establecementos da comunidade autónoma, a súa información básica e o réxime de publicidade e o seu acceso.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co ditame nº 1478/08 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil nove

DISPOÑO:

Título I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. O obxecto deste decreto é regular o réxime xurídico xeral e o procedemento de autorización de instalación, funcionamento, modificación e peche dos centros, servizos e establecementos sanitarios, públicos ou privados, de calquera clase ou natureza, localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Os centros, servizos e establecementos sanitarios defínense e clasifícanse de acordo coa nomenclatura que establecen os anexos I e II do Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro, polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

  3. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto, rexéndose pola súa normativa específica:

    1. Os establecementos dedicados á importación ou elaboración de medicamentos ou produtos sanitarios.

    2. Os servizos e unidades técnicas de protección radiolóxica.

    3. Os centros, servizos e establecementos integrados na rede de sanidade militar.

    4. As oficinas de farmacia, a excepción das disposicións referentes ao rexistro de centros, servizos e establecementos sanitarios, que serán de obrigado cumprimento.

  4. Os requisitos xerais e específicos que, en función da súa actividade, deberán cumprir os centros, servizos e establecementos sanitarios serán os contidos nos anexos I e II deste decreto.

Artigo 2º Definicións.

Para os efectos deste decreto, e de acordo co Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro, enténdese por:

  1. Centro sanitario: conxunto organizado de medios técnicos e instalacións no que profesionais capacitados, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, realizan basicamente actividades sanitarias co fin de mellorar a saúde das persoas. Os centros sanitarios poden estar integrados por un ou varios servizos sanitarios, que constitúen a súa oferta asistencial.

  2. Servizo sanitario: unidade asistencial, con organización diferenciada, dotada dos recursos técnicos e dos profesionais capacitados, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, para realizar actividades sanitarias específicas. Pode estar integrado nunha organización cuxa actividade principal pode non ser sanitaria.

  3. Establecemento sanitario: conxunto organizado de medios técnicos e instalacións no que profesionais capacitados, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, realizan basicamente actividades sanitarias de dispensación de medicamentos ou de adaptación individual de produtos sanitarios.

  4. Actividade sanitaria: conxunto de accións de promoción, prevención, diagnóstico, tratamento ou rehabilitación, dirixidas a fomentar, restaurar ou mellorar a saúde das persoas, realizadas por profesionais sanitarios.

  5. Autorización sanitaria: resolución administrativa que, segundo os requirimentos que se establezan, faculta un centro, servizo ou establecemento sanitario para a súa instalación, o seu funcionamento, a modificación das súas actividades sanitarias ou, se é o caso, o seu peche.

  6. Modificación ou alteración substancial na estrutura ou instalacións: actuación que afecte ás condicións de estrutura, seguridade ou solidez do edificio ou local no que se sitúe o centro, ampliación ou redución da súa superficie ou modificación substancial nas súas instalacións, que teñan repercusión na actividade sanitaria ou na súa capacidade funcional.

Artigo 3º Obrigas dos centros, servizos e establecementos sanitarios.

Todos os centros, servizos e establecementos sanitarios aos que se refire o artigo...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR