Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

Preámbulo

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo III determina que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei.

Así mesmo, establece que lle corresponde ao Estado fixar os aspectos básicos do currículo en relación aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación que constitúen as ensinanzas mínimas ás que se refire a disposición adicional primeira, punto 2, letra c, da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

O Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, establece as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

A finalidade das ensinanzas mínimas é asegurar unha formación común a todas as alumnas e alumnos dentro do sistema educativo español e garantir a validez dos títulos correspondentes, como indica o artigo 6.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. A dita formación facilitará a continuidade, progresión e coherencia da aprendizaxe en caso de mobilidade xeográfica.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica de educación indica que serán as administracións educativas as que establezan o currículo das distintas ensinanzas reguladas pola citada lei, do que formarán parte os aspectos básicos anteriormente indicados.

Os centros docentes desenvolverán e completarán, se for o caso, o currículo das diferentes etapas e ciclos no uso da súa autonomía, tal e como se recolle no capítulo II do título V da Lei orgánica da educación, respondendo ao principio de autonomía pedagóxica, de organización e xestión que a citada lei lles atribúe aos centros educativos coa finalidade de adecuarse ás características e á realidade educativa de cada un deles.

O currículo que se establece neste decreto ten como obxectivo contribuír ao logro dos principios básicos desta Lei orgánica de educación que se expresan no preámbulo e que se resumen en lograr:

* Calidade de educación para todo o alumnado.

* Equidade que garanta a igualdade de oportunidades.

* Esforzo compartido por todos os compoñentes da comunidade educativa.

A educación secundaria obrigatoria constitúe, xunto coa etapa de educación primaria, o ensino básico, que é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas.

A educación secundaria obrigatoria debe combinar o principio dunha educación común para todo o alumnado coa atención á diversidade. Porén os centros educativos, no uso da súa autonomía, adoptarán as medidas organizativas e curriculares que, de forma flexible, se adecuen ás características do seu alumnado.

Na regulación das ensinanzas mínimas ten especial relevancia a definición das competencias básicas que comezaron a desenvolverse na etapa anterior, que serán completadas na educación secundaria obrigatoria e deberán ser alcanzadas por todo o alumnado. As competencias básicas permiten identificar aquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde un enfoque integrador e orientado á aplicación dos saberes adquiridos. O seu logro deberá capacitar ás alumnas e os alumnos para a súa realización persoal, a incorporación satisfactoria á vida adulta e o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Os obxectivos da educación secundaria obrigatoria defínense para toda a etapa.

Para cada unha das materias que constitúen o currículo fíxanse os obxectivos, as achegas á consecución das competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación.

Neste decreto determínanse as competencias básicas, o currículo das materias desta etapa educativa, o cadro de distribución horaria, a relación de materias coas especialidades do profesorado, o proxecto lector de centro e o plan de introdución das tecnoloxías da información e a comunicación, que se publican como anexos a el coa seguinte numeración:

Anexo I. Competencias básicas.

Anexo II. Currículo das materias desta etapa educativa.

Anexo III. Cadro de distribución horaria.

Anexo IV. Relación de materias coas especialidades do profesorado.

Anexo V. Proxecto lector de centro.

Anexo VI. Plan de introdución das tecnoloxías da información e a comunicación.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, oídos os ditames do Consello Consultivo e do Consello Escolar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto establecer a ordenación xeral e o currículo da educación secundaria obrigatoria, que será de aplicación en todos os centros docentes que impartan estas ensinanzas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º Principios xerais.
  1. A educación secundaria obrigatoria é unha etapa educativa que ten carácter obrigatorio e gratuíto. A educación secundaria obrigatoria xunto coa educación primaria constitúen a educación básica.

  2. A educación secundaria obrigatoria comprende catro cursos académicos, que se realizarán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos de idade.

  3. O alumnado incorporarase, con carácter xeral, ao primeiro curso da educación secundaria obrigatoria, de acordo coas normas de promoción a estas ensinanzas, unha vez cursada a educación primaria, no ano natural en que cumpran os doce anos de idade, agás nos seguintes supostos:

    1. Alumnado que permanecese un ano máis na educación primaria en virtude do establecido nas normas de promoción de ciclo destas ensinanzas.

    2. Alumnado con altas capacidades intelectuais aos cales se lles flexibilizase o inicio e/ou a duración da educación primaria.

    3. Alumnado con necesidades educativas especiais que prolongase a súa escolarización na educación primaria en centros ordinarios un ano máis do previsto na alínea a) deste punto 3.

    4. Alumnado que se incorpore tardiamente ao sistema educativo español, de acordo co establecido neste decreto.

  4. Sen prexuízo do establecido no punto 2, o alumnado terá dereito, con carácter xeral, a permanecer escolarizado no réxime ordinario cursando esta etapa educativa ata os dezaoito anos cumpridos no ano en que remate o curso académico.

  5. Na educación secundaria obrigatoria prestarase especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado. O cuarto curso terá carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a incorporación á vida laboral.

  6. A Educación secundaria obrigatoria organízase en materias e de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade do alumnado.

  7. O alumnado maior de dezaoito anos que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non poida ou non desexe continuar escolarizado nun centro educativo no réxime ordinario poderá rematar os seus estudos polo réxime de ensinanzas para adultos. Poderá, así mesmo, incorporarse ás ensinanzas de adultos o alumnado que cumpra dezaoito anos no ano en que comece o curso académico ou, excepcionalmente, os maiores de dezaseis anos que teñan un contrato laboral que non lles permita acudir aos centros educativos en réxime ordinario ou sexan deportistas de alto rendemento.

Artigo 3º Fins.

A finalidade da educación secundaria obrigatoria consiste en lograr que o alumnado adquira os elementos básicos da cultura, especialmente en aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar hábitos de estudo e de traballo; preparalo para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formalo para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

Artigo 4º Obxectivos da educación secundaria obrigatoria.

A educación secundaria obrigatoria contribuirá a desenvolver no alumnado as capacidades que lles permita:

  1. Asumir responsablemente os seu deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás outras persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e grupos, exercitarse no diálogo afianzando os dereitos humanos como valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.

  2. Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.

  3. Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres.

  4. ...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR