Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

A aplicación da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro 2006, relativa aos servizos do mercado interior (Directiva de servizos), que ten por obxecto facilitar o libre acceso á actividade de servizos e ao mesmo tempo poder suprimir as barreiras e reducir as trabas ao acceso da actividade de servizos e ao seu exercicio, incorporouse ao ordenamento xurídico español mediante a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio.

Para acadar o obxectivo de reformar de xeito significativo o marco regulamentario non basta co establecemento dos principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos, senón que é preciso proceder a un exercicio de avaliación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio, para adecuala aos principios que as ditas leis establecen.

A actividade industrial e a prestación de servizos realizada polos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes, foi recentemente adecuada a estes criterios no ámbito nacional polo Real decreto 455/2010, do 16 de abril, que modifica o Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, pola que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes.

O cambio máis significativo que se introduce na normativa nacional a través da publicación do dito real decreto é o establecemento dun único paso previo ao inicio da prestación de servizos por parte do taller, que consiste na presentación dunha declaración responsable en que se indique que o taller cumpre a lexislación que lle é de aplicación, que se responsabiliza de que as reparacións dos vehículos automóbiles se van efectuar segundo as normas e os requisitos establecidos na lexislación vixente e que o taller cumpre as obrigas, tanto tributarias estatais e locais coma coa Seguridade Social, impostas polas disposicións vixentes.

Porén, esta liberalización do inicio da actividade de prestación de servizos non exime as persoas titulares do taller de cumpriren a lexislación de aplicación ao establecemento industrial e ás instalacións deste sometidas a lexislación específica de seguridade industrial, lexislación que obriga a inscribir as ditas instalacións en rexistros de actividade creados ao abeiro da dita lexislación.

Con posterioridade e na mesma materia, o Regulamento EU 461/2010 da Comisión, do 27 de maio de 2010, incide sobre a influencia das reparacións e da manutención e dos prezos das pezas de recambio nos custos soportados polos usuarios dos vehículos automóbiles promovendo unha maior competencia entre eles.

Por todo o anterior, cómpre agora adecuar a normativa galega aos cambios introducidos pola normativa tanto europea coma estatal, e tendo en conta a magnitude dos cambios que se van introducir, non parece adecuado facelo pola simple modificación do vixente Decreto 206/1994, do 16 de xuño, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, senón pola confección e publicación dun novo decreto que o substitúa e derrogue.

A Comunidade Autónoma galega ten a competencia para regulamentar a prestación de servizos dos talleres de reparación de vehículos automóbiles, así como dos seus equipamentos e compoñentes, fundamentada no artigo 30º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe a Galicia a competencia exclusiva en materia de industria.

En consonancia coa Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial, os obxectivos son os de regular, simplificando e racionalizando, a actuación administrativa en materia de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Na súa virtude, logo de ser sometido ao trámite de consulta, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Economía e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión a do día sete de abril de dous mil once,

dispoño:

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular, no ámbito territorial de Galicia, a actividade industrial e a prestación de servizos dos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes, como únicos axentes de prestación de servizos con capacidade para mantelos e reparalos.

Para os efectos deste decreto, enténdese por vehículo automóbil todo vehículo de motor que serve, normalmente, para o transporte de persoas ou cousas, ou de ambas asemade, ou para a tracción doutros vehículos con aquel fin, definido no anexo II do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. Para os efectos deste decreto, entenderanse incluídos, así mesmo, os vehículos da categoría L, os remolques e os vehículos especiais.

Artigo 2º Concepto de talleres.

Para os efectos deste decreto, entenderanse por talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes aqueles establecementos industriais en que se efectúen operacións encamiñadas á restitución das condicións normais do estado e funcionamento de vehículos automóbiles ou de equipamentos e compoñentes destes en que se poñan de manifesto alteracións nas ditas condicións con posterioridade ao remate da súa fabricación.

Por extensión, esta normativa afectará tamén a actividade complementaria de instalación de accesorios en vehículos automóbiles con posterioridade ao remate da súa fabricación e que sexan compatibles coas regulamentacións vixentes en materia de seguridade, sanidade e consumo.

Artigo 3º Clasificación dos talleres.

Os talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes clasificaranse en:

  1. Pola súa relación cos fabricantes de vehículos, de equipamentos e compoñentes:

    1. Taller autorizado: presta servizos de reparación e mantemento operando nun sistema de distribución establecido por un fabricante ou representante de vehículos de motor ou de equipamentos e compoñentes.

    2. Taller autorizado independente: presta servizos de reparación e mantemento autorizado por un fabricante ou representante de vehículos de motor ou de equipamentos e compoñentes sen pertencer ao seu sistema de distribución.

    3. Taller independente: presta servizos de reparación e mantemento sen pertencer a un sistema de distribución dun fabricante ou representante provedor de vehículos de motor.

    4. Talleres de servizo propio. Os que dedican a súa actividade á reparación exclusiva dos vehículos da propia empresa.

  2. Pola súa rama de actividade:

    1. De mecánica. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución no sistema mecánico do vehículo, incluídas as súas estruturas portantes, equipamentos e elementos auxiliares, excepto o equipamento eléctrico e electrónico.

    2. De electricidade e electrónica. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución do equipamento eléctrico e electrónico do automóbil, tanto básico do equipamento motor como os auxiliares das luces, sinalización, acondicionamento e instrumental de indicación e control.

    3. De carrozarías. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución nos elementos da carrozaría, gornición e acondicionamento interior e exterior deles.

    4. De pintura. Son os que realizan traballos de pintura, revestimento e acabamento de carrozarías.

  3. Polas súas particulares características ou funcións:

    1. Talleres de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR