Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO
Rango de LeyDecreto

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, define, clasifica e establece normas de carácter xeral dos establecementos de turismo rural nos seus artigos 46 ao 48, remitíndose ao seu posterior desenvolvemento regulamentario no referente aos requisitos de instalacións, apertura e condicións mínimas exixidas a cada grupo.

Na actualidade os establecementos de turismo rural están regulamentados na Orde do 2 de xaneiro de 1995. Esta orde pretendía contribuír á creación de infraestruturas turísticas en núcleos rurais aproveitando a grande riqueza histórico-artística existente, posibilitando a súa rehabilitación e conservación, e ofrecendo posibilidade de emprego, asentando a poboación e favorecendo o desenvolvemento turístico.

Durante o período de vixencia da citada orde o turismo rural experimentou un crecemento progresivo na nosa comunidade consolidando a oferta de aloxamento no medio rural. Non obstante, a experiencia adquirida nestes anos indica que é precisa unha actualización tanto no referente aos requisitos das instalacións, funcionamento e servizos dos aloxamentos como no relativo ao seu réxime administrativo.

A proxección e difusión da imaxe da Comunidade Autónoma de Galicia como destino turístico atractivo, diverso e de calidade, require, entre outras prioridades, que os poderes públicos adecuen a normativa existente ás exixencias do novo escenario turístico, sobre todo se temos en conta que o turismo rural é un dos produtos turísticos de maior crecemento da nosa Comunidade Autónoma.

Nesta liña, a presente norma introduce novidades moi significativas. Cabe salientar en primeiro lugar a creación dun novo grupo na clasificación de establecementos de turismo rural. Neste novo grupo -grupo D- intégranse as aldeas rurais, entendéndose por estas os conxuntos de, como mínimo, tres casas situadas no mesmo núcleo rural, explotadas de forma integrada e cun único titular.

Así mesmo, os establecementos pertencentes ao grupo C, é dicir, as casas de labranza, deberán agora cumprir co requisito de contar cunha extensión mínima de 5.000 m, dos cales polo menos o 40 por cento deberá estar situado na contorna inmediata da vivenda e será precisa igualmente a acreditación polo titular da súa alta como agricultor ou gandeiro no réxime correspondente da Seguridade Social.

Tamén se concede unha nova regulamentación ao réxime de explotación dos establecementos de turismo rural, de xeito que estes poderán adoptar a modalidade de aloxamento compartido ou de aloxamento non compartido, abandonándose así a distinción entre hospedaría e residencia que recollía o referido texto do ano 1995.

Outra das novidades introducidas por esta norma é a posibilidade de que as casas de aldea, as casas de labranza e as aldeas de turismo rural poidan ofrecer como aloxamento apartamentos, fixándose a este respecto os requisitos que os ditos establecementos deberán cumprir para incluílos na súa oferta aloxativa.

E, ademais dun minucioso tratamento dos requisitos que os establecementos de turismo rural teñen que cumprir, a nova disposición regulamenta o réxime de prezos e reservas aplicable a estes establecementos, establece a posibilidade de que o interesado que pretenda rehabilitar unha edificación para o seu destino como turismo rural solicite a emisión dun informe por parte da administración turística e elimina a autorización turística provisoria exixida pola anterior regulamentación, simplificándose deste xeito o procedemento.

En consecuencia, o presente decreto dítase no desenvolvemento das prescricións contidas na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º
  1. Quedan suxeitos ao disposto neste decreto os establecementos de turismo rural, entendendo como tales aquelas edificacións situadas no medio rural da Comunidade Autónoma de Galicia que, reunindo características singulares de construción, antigüidade e tipicidade galega ou que desenvolvendo actividades agropecuarias, presten servizos de aloxamento turístico mediante prezo.

  2. Para os efectos deste decreto debe entenderse por medio rural o espazo rural onde se asentan os establecementos obxecto deste regulamento, que deben ter as características propias da súa contorna, un ambiente de tranquilidade, non estar afectado por estruturas urbanas degradadas, actividades minerais ou extractivas superficiais e contar con vías de acceso axeitadas.

Capítulo II

Clasificación e modalidades de explotación

Artigo 2º
  1. Atendendo á súa singularidade edificativa, valor arquitectónico e oferta agropecuaria, os establecementos de turismo rural clasifícanse en catro grupos:

    1. Grupo A.

      Comprende os pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas reitorais e aqueloutras edificacións que polas súas singulares características e valor arquitectónico, sexan recoñecidas como tales polos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

    2. Grupo B.

      Comprende as casas de aldea situadas no medio rural que, pola súa antigüidade e características de construción, respondan á tipicidade propia das casas rústicas galegas.

    3. Grupo C.

      Comprende as casas de labranza, entendendo como tales as casas situadas no medio rural e con cuartos dedicados ao aloxamento de hóspedes, nas cales se desenvolvan actividades agropecuarias en que poidan participar os clientes aloxados. Esta forma de turismo é a definida como agroturismo.

    4. Grupo D.

      Neste grupo intégranse as aldeas de turismo rural. Enténdese por aldea de turismo rural o conxunto de, como mínimo, 3 casas situadas no mesmo núcleo rural, que sexan explotadas de forma integrada e pertenzan ao mesmo titular. O conxunto das vivendas da aldea de turismo rural gardará entre si unha distancia máxima de 500 m.

  2. Os establecementos de turismo rural dos grupos A, B e C poderán estar integrados por unha ou varias edificacións sempre que estas formen un conxunto homoxéneo, é dicir, sexan edificacións da mesma natureza que formen parte dun todo ou dun conxunto, estean encadradas no mesmo predio e pertenzan ao mesmo titular.

Artigo 3º
  1. Para os efectos deste decreto, enténdese por actividades agropecuarias o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular para a produción agrícola ou gandeira. A dita actividade deberá ser desempeñada por agricultores ou gandeiros que teñan tal condición de acordo coa lexislación vixente, de xeito permanente e indefinido, polo que a actividade agroturística será complementaria da agraria habitual e principal.

  2. En todo caso, a extensión mínima de terreo afectada pola explotación agrícola ou gandeira será de 5.000 m, dos cales polo menos o 40 por cento deberá situarse na contorna inmediata da vivenda.

Artigo 4º
  1. As aldeas de turismo rural deberán dispor de salón social, restaurante e bar, podendo contar ademais con centros de encontro como tendas de artesanía, tendas de produtos de alimentación e bebidas típicas do lugar, etc. Así mesmo, deberán ofrecer a práctica de actividades de lecer e tempo libre, así como dispor de instalacións deportivas ou de esparexemento.

  2. En todo caso, ofertarase un mínimo de tres actividades complementarias de entre as que a seguir se relacionan:

  1. Camiñadas.

  2. Rutas a cabalo.

  3. Bicicleta.

  4. Quads.

  5. Instalacións que permitan a práctica de deportes:

    * Piscina.

    * Canchas de tenis.

    * Canchas de baloncesto.

    * Golf, etc.

  6. Fomento da divulgación da artesanía e demais produtos locais e rexionais.

  7. Fomento da divulgación dos xogos tradicionais da rexión.

  8. Actividades de animación.

  9. Tamén poderá proporse a realización doutras actividades que polo seu interese turístico sexan consideradas axeitadas e pertinentes para a súa oferta polo centro directivo da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 5º

As edificacións encadradas no grupo A deberán ser anteriores ao ano 1900 e as dos grupos B e D anteriores ao ano 1940.

Artigo 6º
  1. Os establecementos de turismo rural, en función do seu réxime de explotación, clasifícanse en:

    1. Establecementos de turismo rural de aloxamento compartido.

    2. Establecementos de turismo rural de aloxamento non compartido.

  2. As casas de labranza unicamente poderán adoptar a modalidade de aloxamento compartido.

Artigo 7º
  1. Os establecementos de turismo rural adoptarán a modalidade de aloxamento compartido cando o titular do establecemento e os seus familiares que convivan con el compartan o uso da súa propia vivenda cunha zona dedicada a hóspedes.

  2. Nesta modalidade, cando as dependencias privadas do titular se atopen no núcleo principal da vivenda, estas situaranse preferentemente no baixo cuberta da edificación.

  3. Se a titularidade correspondese a unha persoa xurídica, deberá residir na vivenda polo menos unha persoa física con poder...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR