Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango de LeyDecreto

Exposición de motivos.

Os montes, independentemente da súa titularidade, desempeñan unha función social relevante, tanto como fonte de recursos naturais como por ser provedores de múltiples servizos ambientais, entre eles, de protección do solo e do ciclo hidrolóxico, de fixación do carbono atmosférico, de depósito da diversidade biolóxica e como elementos fundamentais da paisaxe. O recoñecemento destes recursos e externalidades, dos cales toda a sociedade se beneficia, obriga as administracións públicas a velar en todos os casos pola súa conservación, protección, restauración, mellora e ordenado aproveitamento.

A vixente Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, define a xestión forestal sustentable, como a organización, administración e uso dos montes de forma e intensidade que permita manter a súa biodiversidade, produtividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional e global, e sen producir danos a outros ecosistemas.

A multifuncionalidade como principio básico non pode facer esquecer que unha adecuada xestión do monte só se pode acadar se se incorpora a ela o máximo posible do ciclo económico que engade valor. En consecuencia, lograr unha explotación económica rendible do monte convértese nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sustentable das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resulta de difícil consecución, se temos en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte en Galicia, que se caracteriza por unha excesiva fragmentación da propiedade e un baixo nivel de articulación corporativa. Isto determina a incapacidade para a constitución de explotacións cun tamaño suficiente para ser técnica e economicamente viables, co que a súa rendibilidade é mínima ou nula e o período de retorno do investimento resulta demasiado longo. Esta situación provoca un nivel moi elevado de abandono ou de baixo coidado da maior parte do monte galego, que se ve acentuada polo tránsito xeracional da propiedade que, ademais, aumenta a diversificación e división desta última. Nestas condicións, resulta demasiado habitual a carencia de plans de ordenación, mellora e explotación que poidan garantir unha xestión sustentable do monte. Por outra parte, a implicación do capital privado é case inexistente, motivada polos longos ciclos de produción, pola falta de garantías xurídicas e pola inseguridade na recuperación derivada das posibles catástrofes que potencialmente ameazan os montes.

A citada Lei 43/2003 determina que os montes privados deben ser xestionados polos seus titulares, ben que estes poderán contratar a súa xestión con persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado, pero tamén implica claramente as administracións públicas, instándoas tanto a establecer medidas de fomento da xestión sustentable dos montes como a fomentar as agrupacións de montes privados, co obxecto de facilitar unha ordenación e xestión forestal integrada que asocie a pequenas persoas propietarias.

No mesmo sentido a nosa Lei de incendios forestais de Galicia, Lei 3/2007, do 9 de abril, vén establecer que, co obxecto de facilitar a ordenación dos montes galegos e o seu planeamento preventivo, a Administración autonómica promoverá tanto a reorganización da propiedade forestal como a posta en marcha das agrupacións de propietarios ou propietarias forestais.

Resulta evidente que para acadar unha explotación económica rendible e sustentable é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada que posibilite a implantación dun instrumento forestal adecuado e unha xestión eficiente dos diferentes usos e aproveitamentos do monte.

Para acadar este obxectivo, tendo en conta a estrutura da propiedade do monte en Galicia, resulta imprescindible o impulso e fomento, desde as institucións públicas, das actuacións de concentración, xa sexa da propiedade forestal, xa sexa da súa xestión.

Neste ámbito de promoción da concentración da xestión forestal considérase que a figura societaria de responsabilidade limitada, sempre e cando reúna determinados requistos operativos de carácter forestal (esencialmente estar orientada á ordenación forestal, ao aproveitamento e á comercialización das producións forestais con base nun modelo de xestión conxunta e sustentable, e que posibilite a posta en valor do monte e que tales fins se reflicten nas súas normas de funcionamento), se adapta adecuadamente ás necesidades da xestión do monte galego. Trátase, ademais, dunha figura que permite unha diferenciación clara e unha articulación flexible entre propiedade e xestión.

Circunstancias que determinan que a Xunta de Galicia elixira a figura societaria de que se trata para canalizar o labor de fomento e promoción da xestión forestal por parte das institucións públicas autonómicas.

Dentro do ámbito dos obxectivos desta norma, no capítulo II establécense os requisitos operativos de carácter forestal que as agrupacións de propietarios forestais, os titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal e outros asociados, que constitúan unha sociedade de responsabilidade limitada deben cumprir para os efectos de garantir o seu interese forestal para Galicia. Así, unha superficie mínima de terreo forestal que se vaia xestionar de forma conxunta, e cuxo uso lle fose cedido á sociedade, deberá dispoñer dun instrumento de planificación da xestión forestal, entendéndose baixo esta denominación os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes, que garantan a adecuada ordenación do monte xestionado conxuntamente, así como a viabilidade técnica e económica da explotación, dentro dun modelo sustentable. Tamén se recolle neste capítulo II unha serie de requisitos que deberán ser incluídos nos estatutos sociais, de tal xeito que permitan adecuar estes aos obxectivos perseguidos no ámbito forestal.

As sociedades así configuradas poderán instar a súa inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal que se crea e regula no capítulo III deste decreto en que se inscribirán todas aquelas sociedades de fomento forestal para os efectos das subvencións que outorgue a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste mesmo capítulo regúlase o proceso de inscrición no citado rexistro, e tamén se establecen as obrigas das sociedades de fomento forestal respecto a el. Para o efecto de promover a creación deste tipo de sociedades, establécese un proceso de inscrición previo no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, de tal forma que incentive a concentración de persoas propietarias forestais.

No capítulo IV determínase o marco base dos incentivos e axudas que poderán ser aplicables ás sociedades de fomento forestal.

Finalmente, débese ter presente que na actualidade pode haber entidades, constituídas baixo distintas figuras xurídicas, que agrupen a propiedade forestal cunha finalidade de xestión e comercialización en común e ás cales se lles podería acreditar o seu interese forestal para a Comunidade Autónoma de Galicia. Ben é certo que a transformación das figuras xurídicas baixo as que operan, en sociedades de responsabilidade limitada, non sería un proceso excesivamente custoso nin complexo, considérase innecesario exixir tal obriga, sempre e cando poidan acreditar que cumpren basicamente os obxectivos perseguidos para as sociedades de fomento forestal. Para poderen ser obxecto de incentivos. En consecuencia, inclúese neste decreto unha disposición transitoria, a través da cal, e durante un período de doce...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR