Decreto 19/2008, do 7 de febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, encoméndalles aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, debendo solucionar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria, no seu número 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais (DOG nº 76, do 23 de abril), que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita lei inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación, as dirixidas á minusvalidez, á vellez e á comunidade en xeral.

Pola súa banda, e dentro dos programas propios dos servizos sociais de atención especializada para a vellez, o artigo 14 da Lei 4/1993 inclúe, ademais das axudas técnicas, aqueles programas que favorezan a permanencia da persoa no seu medio, a súa autonomía persoal e a participación activa na vida social, ademais de considerar, como equipamentos propios destes servizos, as residencias de válidos, asistidas e mixtas, os centros de atención diúrna, as vivendas tuteladas, os pisos protexidos e cantos centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.

O Goberno galego, consciente das elevadas necesidades asistenciais que precisan as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, así como as necesidades de apoio dos seus familiares, ten asumido, como compromiso prioritario, o establecemento dunha rede galega de centros de día de atención á dependencia, dirixida especificamente a este colectivo. A creación destes equipamentos pretende paliar as deficiencias que nestes momentos se evidencian por mor da insuficiente oferta de prazas de atención especializada e a insuficiencia das axudas para os coidadores, tratando de evitar, deste xeito, que tales situacións constitúan un factor máis de illamento ou exclusión social.

O apoio familiar desempeña neste ámbito un papel fundamental, pois contribúe a favorecer a permanencia das persoas afectadas no seu propio medio. Neste sentido, as asociacións de familiares de persoas que padecen alzhéimer, en uso das súas atribucións estatutarias, veñen realizando os labores de atención directa e individualizada destas persoas e dos seus familiares, mediante a creación de recursos asociativos e asistenciais especializados e o desenvolvemento de programas e servizos de calidade que resolven as necesidades que este sector demanda e que as institucións existentes non conseguían, ata o momento, satisfacer.

O deseño e establecemento dun sistema de atención social destas características, exixe, para que sexa efectivo, a implantación dun modelo que teña en conta as necesidades e os desexos das persoas con necesidade dunha atención especializada, así como das súas familias, polo que resulta preciso a ampliación da rede de recursos e servizos existente mediante o establecemento dunha nova tipoloxía de centros que conteña unhas condicións materiais, funcionais e de persoal axeitadas ás demandas deste colectivo.

Por outra banda, aínda que as demencias neurodexenerativas son afectacións tradicionalmente asociadas á vellez, o certo é que, na actualidade, tenden a se manifestar progresivamente a idades máis temperás, feito este que aconsella, no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a non-aplicación a estes novos centros do requisito de idade mínima que, para o acceso aos centros de atención ás persoas maiores, establece a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo -hoxe substituído polo Decreto 143/2007, de 12 de xullo- no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención ás persoas maiores, evitando así as posibles discriminacións que por motivos de idade puidesen derivar para a atención destas persoas.

Así, faise necesario abordar o alzhéimer desde unha perspectiva transdisciplinar, na medida en que a súa problemática derivada se reparte, na maioría dos casos, entre a persoa que o padece e a súa propia estrutura familiar, afectando as persoas coidadoras e a sociedade en xeral. En consecuencia, os obxectivos prioritarios da Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas estarán orientados, principalmente, ao recoñecemento do traballo das persoas coidadoras, como soporte de atención ás persoas con alzhéimer, á colaboración coas familias na resposta ás necesidades, ademais de priorizar a súa atención personalizada e o traballo na rede.

Tendo en conta isto, e debido ás particularidades dos servizos que os centros integrantes da rede deben ofrecer, a colaboración das entidades de iniciativa social e sen finalidade lucrativa, entre elas as asociacións de familiares de persoas que padecen alzhéimer, debe ser incentivada polas institucións públicas, arbitrando os mecanismos necesarios para que, de conformidade coas previsións recollidas na lexislación reguladora da contratación das administracións públicas, resulten especialmente consideradas no proceso de xestión dos centros integrantes desta rede.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, de acordo co ditame número 1060/2007 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.
  1. Este decreto ten por obxecto regular os centros de día de atención social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR