Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

Con data do 19 de setembro de 2006 publicouse o Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que delimita o ámbito de aplicación e os procedementos da rehabilitación de calidade no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia, modificado polos decretos 180/2007, do 6 de setembro (DOG nº 187, do 26 de setembro), e 90/2008, do 24 de abril (DOG nº 91, do 13 de maio).

O 27 de agosto de 2009 publicouse a Orde do 18 de agosto de 2009 pola que se determina a finalización do prazo de presentación de solicitudes de cédula de rehabilitación de calidade.

A oportuna mellora dos procedementos recollendo a experiencia da xestión destas axudas e as demandas das persoas solicitantes e a conveniencia de refundir as sucesivas modificacións da normativa de orixe aconsellan a adopción dunha nova normativa que regule a rehabilitación de vivendas con axudas da Comunidade Autónoma, no marco da normativa reguladora das subvencións públicas e, nomeadamente, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Este decreto regula as actuacións de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas, que poden acceder a incentivos en forma de subvencións, no ámbito rural e histórico patrimonial, e nos sete camiños de Santiago: o Camiño Francés, o Primitivo, o Camiño Norte, o Inglés, o de Fisterra, o Portugués e o da Prata, en canto estean declarados como áreas de rehabilitación integral.

O texto estrutúrase en tres capítulos con 36 artigos, nos cales se pretende establecer claramente as condicións xerais das actuacións, o iter procedemental que debe seguirse para poder solicitar as axudas e aprobar as bases reguladoras das subvencións. A estes tres capítulos súmase unha disposición adicional; unha transitoria, para atender as distintas situacións nas que se poden atopar os expedientes tramitados con cargo ao anterior programa de cédula de rehabilitación de calidade; unha derrogatoria e catro disposicións derradeiras, nas cales se posibilita a elaboración dun catálogo de prezos das unidades de obra, se modifica o Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, para maior claridade e adaptación dalgunha das súas previsións ao Plan estatal de vivenda e rehabilitación, que non quedaran suficientemente perfiladas ou necesitan de emenda para acomodarse ás directrices do Ministerio de Fomento. Así mesmo, modifícase o Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, co obxecto de precisar pequenos detalles de redacción que redundan nunha maior claridade da norma sinalada.

Como principais cuestións que hai que destacar desta norma, cómpre sinalar a simplificación das actuacións cualificables, e polo tanto, susceptibles de ser subvencionables, así como do procedemento de cualificación das actuacións como protexidas.

Especial mención merece o remate exterior de fachadas e cubertas en relación coa previsión da disposición transitoria primeira da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en canto dispón que as construcións e edificacións inacabadas deberán quedar totalmente rematadas e que, transcorrido o prazo de 3 anos desde a entrada en vigor da lei, sen ter rematada a construción ou edificación, ordenarase a execución das obras necesarias. Á vista do anterior precepto, e unha vez finalizado o dito prazo, co gallo de fomentar as actuacións de remate previstas na lei, considérase procedente establecer unha liña de axudas que teña por obxecto específico o remate das construcións inacabadas, que supón unha lacra para o patrimonio arquitectónico, paisaxístico e cultural de todos os galegos.

Cómpre tamén, referirse á Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia que regulou expresamente o fomento da rehabilitación e renovación de vivendas e que atopa neste decreto o seu desenvolvemento e materialización. É importante salientar, neste punto, que de acordo co citado texto legal, no presente decreto establécese un límite de superficie para as ampliacións da vivenda, de xeito que a superficie útil total desta non supere os 140 m2, previstos no artigo 35º da Lei para as vivendas protexidas.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, coa finalidade de fomentar as actuacións que sexan respectuosas co patrimonio arquitectónico e o seu contorno, de xeito que as vivendas rematadas, rehabilitadas ou reconstruídas melloren as condicións de habitabilidade e, ao mesmo tempo, permitan atender as necesidades das persoas que viven nelas.

Artigo 2º Ámbito.

O ámbito de aplicación deste decreto esténdese ás vivendas unifamiliares situadas no ámbito rural, e ás vivendas e edificios de vivendas sitos en ámbitos históricos e no ámbito dos camiños de Santiago, tal e como se definen no artigo seguinte.

Artigo 3º Definicións.

Para os efectos deste decreto, establécense as seguintes definicións:

  1. Vivenda unifamiliar: é aquela vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante é o residencial, e no que non existe ningunha outra vivenda.

  2. Entidades e núcleos de poboación no ámbito rural:

    1. Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

    2. Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, cando a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso de vivenda unifamiliar.

    3. Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios sen planeamento, sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan característicos de aglomeracións ou concentracións urbanas.

  3. Conxuntos, zonas e inmobles do ámbito histórico:

    1. Conxuntos con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar oficialmente aprobada.

    2. Zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

    3. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

    4. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

  4. Vivendas no ámbito dos camiños de Santiago: entenderase por tales as vivendas situadas en parroquias ou entidades dos concellos polos que discorran os Camiños de Santiago, e que estean comprendidas no ámbito dunha área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago, declarada ao abeiro do previsto no artigo 46º do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

  5. Actuacións protexibles: son as actuacións previstas no artigo 7º deste decreto.

  6. Orzamento protexible: é o orzamento das actuacións protexibles que servirá de base para determinar o importe da subvención, co límite máximo do resultado de multiplicar a superficie útil da vivenda polo módulo básico estatal vixente no momento da solicitude da cualificación provisional e co límite mínimo de 400 € por vivenda. Estará formado por:

    1. O orzamento de contrata das obras protexibles con IVE. Os gastos xerais e beneficio industrial incluídos neste orzamento non poderán superar o 19% do orzamento de execución material das obras.

    2. Os gastos de honorarios profesionais, taxas de licenza, tributos e calquera outro gasto necesario para a execución das obras protexibles ata un límite do 10% do orzamento sinalado no punto anterior.

    Os prezos das partidas de obras deberán axustarse aos prezos medios de mercado, podéndose tomar como referencia a Base de Datos de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR