Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 6.2º que o Goberno fixará, en relación cos obxectivos, as competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación, os aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas. Así mesmo, a citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, no capítulo VI do título I, fixa as características básicas das ensinanzas profesionais de música, dentro das ensinanzas artísticas, cuxa finalidade é proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais. Neste marco, o Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de música reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estableceu os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de música.

Considerando o avance que para as ensinanzas de música supuxo a normativa xurdida da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, este decreto segue fundamentándose no estudo da especialidade instrumental ou vocal, que actúa como eixe vertebrador do currículo e, á vez, pretende avanzar cara a unha estrutura máis aberta e flexible, sen esquecer a necesidade de perseguir un ensino integrador que, xunto coa formación profesional de carácter artístico, dirixida á consecución de competencias técnico-musicais específicas, inclúa a formación humanística e a educación cívica do alumnado destas ensinanzas. Abórdanse ademais medidas que permitan a máxima adecuación dos estudos aos intereses do alumnado, considérase a compatibilidade real entre estas ensinanzas e as de educación secundaria e facúltase a Administración educativa para a adopción de solucións a este respecto.

En canto aos contidos das especialidades instrumentais e vocais, mantense a necesidade de conxugar comprensión e expresión, coñecemento e realización. Este proceso complexo de educación artística debe ter en conta que os contidos esenciais na formación dun músico que se expresa a través dun instrumento ou do canto están presentes, case na súa totalidade, desde o inicio dos estudos, e que o seu desenvolvemento se realiza non tanto pola adquisición de novos elementos como polo afondamento permanente deles. Nesta traxectoria, o grao de dificultade interpretativa virá determinado pola natureza das obras que en cada tramo do proceso se seleccionen.

En relación cos criterios de avaliación, estes establecen o tipo e as ensinanzas de aprendizaxe que se espera que alcance o alumnado nun momento determinado respecto dos obxectivos xerais das ensinanzas, as capacidades sinaladas nos obxectivos específicos das ensinanzas profesionais de música e os propios de cada especialidade. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, débese medir tendo en conta o contexto do alumnado e as súas propias características e posibilidades. Deste xeito, a avaliación constitúese nunha función formativa e, ademais, nunha fonte de información sobre o mesmo proceso de ensinanzas, co que se converte nun referente de todo o proceso de ensino e aprendizaxe.

Xa que logo, este decreto establece o currículo das ensinanzas profesionais de música para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, regula o acceso a estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e a organización das ensinanzas profesionais de música

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas profesionais de música consonte o establecido no artigo 48.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e integra o establecido no Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de música.

  2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de acceso ás ensinanzas profesionais de música.

  3. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios profesionais de música e nos centros autorizados de música que conten coa autorización para a impartición do grao profesional de música.

Artigo 2º Finalidade.
  1. As ensinanzas profesionais de música teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da música.

  2. A finalidade das ensinanzas profesionais de música ordénase en catro funcións básicas: formativa, orientadora, profesionalizadora e preparatoria para estudos posteriores.

  3. O ensino da música no grao profesional organízase nun grao de seis cursos de duración.

Artigo 3º Obxectivos xerais.
  1. As ensinanzas profesionais de música teñen como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades xerais e os valores cívicos propios do sistema educativo e, ademais, as capacidades seguintes:

    1. Habituarse a escoitar música e establecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.

    2. Desenvolver a sensibilidade artística e o criterio estético como fonte de formación e enriquecemento persoal.

    3. Analizar e valorar a calidade da música.

    4. Coñecer os valores da música e optar polos aspectos xurdidos dela máis axeitados para o desenvolvemento persoal.

    5. Participar en actividades de animación musical e cultural que permitan vivir a experiencia de transmitir o gozo da música.

    6. Coñecer e empregar con precisión o vocabulario específico relativo aos conceptos científicos da música.

    7. Coñecer e valorar o patrimonio musical como parte integrante do patrimonio histórico e cultural.

    8. Tomar conciencia da importancia dunha escoita activa como base imprescindible na formación de futuros profesionais.

    9. Fomentar a utilización do patrimonio musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación musical.

  2. Nas ensinanzas profesionais de música teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

Artigo 4º Especialidades das ensinanzas profesionais de música.

O currículo das ensinanzas profesionais de música referirase a cada unha das seguintes especialidades:

Acordeón.

Arpa.

Baixo eléctrico.

Canto.

Clarinete.

Clavecín.

Contrabaixo.

Fagot.

Frauta travesa.

Frauta de bico.

Gaita.

Guitarra.

Guitarra eléctrica.

Instrumentos de corda pulsada do Renacemento e do Barroco.

Instrumentos de puga.

Óboe.

Órgano.

Percusión.

Piano.

Saxofón.

Trompa.

Trompeta.

Trombón.

Tuba.

Viola.

Viola da gamba.

Violín.

Violoncello.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 5º Currículo.
  1. As materias correspondentes a cada curso das ensinanzas profesionais de cada especialidade e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

  2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación, para as especialidades e as materias das ensinanzas profesionais de música, son os que se inclúen no anexo II deste decreto.

Artigo 6º Obxectivos específicos.

As ensinanzas profesionais de música deberán contribuír a que o alumnado adquira as capacidades seguintes:

  1. Superar con dominio e capacidade crítica os contidos e os obxectivos formulados nas materias que compoñen o currículo da especialidade elixida.

  2. Coñecer os elementos básicos das linguaxes musicais, as súas características, as funcións e as transformacións nos contextos históricos.

  3. Utilizar o oído interno como base da afinación, da audición harmónica e da interpretación musical.

  4. Formar unha imaxe axustada das posibilidades e das características musicais de cada un, tanto a nivel individual como en relación co grupo, coa disposición necesaria para saber integrarse como un membro máis del ou para actuar como responsable do conxunto.

  5. Compartir vivencias musicais de grupo na aula e fóra dela que permitan enriquecer a relación afectiva coa música, a través do canto e da participación instrumental en grupo.

  6. Valorar o corpo e a mente para utilizar con seguridade a técnica e poder concentrarse na audición e na interpretación.

  7. Relacionar e aplicar os coñecementos adquiridos en todas...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR