Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

A Lei 15/1997, do 25 de abril (BOE do 26 de abril), estableceu que a xestión e administración dos centros, servicios e establecementos sanitarios se poderá levar a cabo, directa ou indirectamente, a través da constitución de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

No eido autonómico, a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, determinou na súa disposición adicional sétima que a creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias se aprobará mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de Sanidade; e que tal decreto establecerá a estructura orgánica e o réxime de funcionamento das fundacións, así como a definición dos obxectivos para alcanzar pola entidade, e os recursos humanos, financeiros e materiais precisos para o seu funcionamento.

Como indica o artigo 1.2º do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias existentes á disposición adicional sétima da citada Lei 5/2000, para estes efectos terán a consideración de fundacións públicas sanitarias os centros e servicios sanitarios que realicen actividades de promoción, protección da saúde ou prestación de servicios sanitarios públicos, así como aquelas que desenvolvan actividades complementarias ou de apoio á atención sanitaria pública, xa sexan de soporte tecnolóxico, xa de servicios xerais, e sexan aprobadas mediante o instrumento normativo determinado na Lei 5/2000 antes citada.

Tendo en conta o anteriormente exposto, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desenvolverá un importante papel na realización de actividades de promoción e protección da saúde dos galegos -garantindo o acceso en condicións de equidade a probas xenómicas que sexan de utilidade-, e tamén como instrumento de apoio á atención sanitaria pública a través do uso de soportes tecnolóxicos cada vez máis demandados pola práctica totalidade de especialidades médicas, dada a crecente importancia da medicina xenómica na diagnose e tratamento de múltiples doenzas, especialmente nas relacionadas coa herdanza xenética e o cancro.

Estes instrumentos tecnolóxicos esixen unha alta especialización profesional, dado o seu proceso de constante desenvolvemento, polo que elementos como o I+D, a investigación e a formación resultan indispensables no seu desenvolvemento.

Por todos estes motivos, resulta indispensable dispoñe-los medios e instrumentos necesarios para que a fundación pública leve a cabo os obxectivos e as tarefas que ten encomendados, contribuíndo deste xeito á mellora do sistema sanitario na nosa Comunidade Autónoma, utilizando unha forma de xestión

recollida no noso ordenamento xurídico e axustada ós fins antes citados.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinteseis de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase a constitución da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e apróbanse os estatutos que figuran no anexo deste decreto.

Artigo 2º

Corresponderalle á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica a realización das actividades recollidas nos seus estatutos, con suxeición á coordinación e ás directrices de carácter funcional emanadas dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo ó que se vincula a fundación que se crea.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o Servicio Galego de Saúde para achegar ó patrimonio fundacional a cantidade de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros), e ó seu presidente para o outorgamento da carta fundacional e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da devandita fundación.

Segunda.-No relativo ós bens e dereitos adscritos á fundación, observarase o contido do inventario anexo á escritura pública da carta fundacional que se outorgará, de conformidade co artigo 5 d) da Lei 7/1983, do 22 de xuño.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Estatutos da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e enderezo.
  1. A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (en diante, a fundación), de competencia autonómica, é unha entidade sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detallan no artigo 6 destes estatutos.

  2. O domicilio da fundación radica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, sito na Choupana s/n de Santiago de Compostela.

    O domicilio poderase trasladar mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten aplicables.

  3. A fundación poderá establecer, trasladar ou suprimir delegacións ou centros naqueles lugares onde desenvolva as súas funcións.

Artigo 2º Duración.

A fundación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3º Réxime normativo.
  1. A fundación rexerase por estes estatutos, polos regulamentos que dispoñan a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e pola Lei 3/2002, do 29 de abril) de réxime das fundacións de interese galego; polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; polo disposto no Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo; ou polas normas que substitúan as citadas anteriormente.

  2. Así mesmo, rexerase polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral (e as súas modificacións posteriores, a última delas operada pola Lei 50/2002, do 26 de decembro), polo Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento das fundacións de competencia estatal; ou disposicións que as substitúan; e polo resto das disposicións legais de dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan aplicables.

Artigo 4º Personalidade e capacidade xurídica.
  1. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos seus intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; realizar contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que fosen oportunos; exerce-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan ante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades, tanto de dereito público coma de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, conforme a lexislación aplicable a cada suposto, os obxectivos establecidos nestes estatutos.

  2. A fundación continuará coa personalidade xurídica adquirida desde a inscrición da súa escritura pública de constitución no rexistro correspondente.

Artigo 5º Obxecto.
  1. A fundación ten, xenericamente, por obxecto desenvolver actividades relacionadas coa medicina molecular, entendida como o coñecemento sobre os xenes humanos, na que conflúen varias disciplinas das ciencias da saúde, xerado a partir da incorporación das distintas técnicas moleculares consecuencia...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR